Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
EL DOCUMENTAL DEL MES 2015

29 setembro - 22 decembro 2015

EL DOCUMENTAL DEL MES 2015

El Documental del Mes é unha iniciativa da produtora Parallel 40, nacida no ano 2004 no marco do proxecto europeo CinemaNet Europe. Ten como obxectivo achegar o xénero documental ao maior número de espectadores posible e incrementar a presenza do documental europeo nas pantallas cinematográficas. Inclúe a estrea dun filme documental de calidade, de temática e procedencia diversa en 45 cidades españolas e, desde 2009, tamén de Chile e Arxentina.

Todas as proxeccións terán lugar ás 20:30 h no auditorio do centro. Entrada libre até completar a capacidade da sala.


22 decembro
The visit (2015)

Director: Michael Madsen; Dirección de fotografía: Heikki Färm; Montaxe: Nathan Nugent, Stefan Sundlöf; Produción: Lise Lense-Møller; Auxiliares de produción: Carsten Aanonsen, Andrew Freedman, Nikolaus Geyrhalter, Markus Glaser, Sami Jahnukainen, Michael Kitzberger, Wolfgang Widerhofer; Produtora: Magic Hour Films.

Dinamarca. 83 min
VO en inglés con subtítulos en castelán.
Entrada libre até completar capacidade.

A historia: Pode ser que a Terra nunca fose visitada por alieníxenas, pero desde a invención da radio e a televisión, os humanos non deixaron de enviar sinais ao espazo exterior. Ao anunciar a nosa especie ao máis alá para outras posibles civilizacións, as probabilidades de recibir unha resposta aumentaron de forma exponencial. Por tanto, xa non debemos preguntarnos que pasaría se sucedese, senón que faremos cando suceda.
A película constrúe un arrepiante e crible escenario da primeira toma de contacto con vida extraterrestre na Terra. Un filme que leva os espectadores a unha viaxe máis alá do seu punto de vista terrestre, que revela temores, esperanzas e rituais dunha especie obrigada tarde ou cedo a facerlles fronte a formas de vida alieníxenas que poden ou non vernos como unha ameaza. Unha mirada persoal á imaxe que temos como especie e como civilización.

O director: Michael Madsen é artista conceptual e director da premiada película Into Eternity (2010). Os seus filmes máis recentes son Halden Prison e Cathedrals of Culture, iniciada xuntamente con Wim Wenders. Ademais foi profesor convidado na Royal Danish Academy of Art, a Danish Film School e a Universidade de California, entre outras.

Ficha


24 novembro
Game Over
(2015)
Dirección: Alba Sotorra; Guión: Isa Campo; Dirección de fotografía: Jimmy Gimferrer; Montaxe: Cristóbal Fernández; Son: Alejandro Fernández; Música: Michael Fakesch; Produción executiva: Carles Pastor, Marta Figueras, Dirk Manthey.

España, Alemaña. 78 min.
Versión orixinal en catalán, castelán e persa con subtítulos en castelán.
Entrada libre até completar capacidade.

A historia: Djalal estaba obsesionado cos xogos de guerra antes de empezar a andar. Educado como fillo único dunha familia catalá de clase media, os seus pais permitíronlle todos os caprichos. Tiña todo tipo de armas de xoguete para que xogase a facer de soldado e, a medida que ía crecendo, os seus xogos fixéronse máis e máis sofisticados.
Empezou a gravarse el mesmo en vídeo, recreando operacións militares, e a subilo a Youtube baixo a identidade cibernéticaLord_Sex, con milleiros de seguidores. Seguindo este soño até o extremo, foise loitar á guerra de Afganistan como francotirador. Pero na guerra non hai tanta acción coma nas películas... Djalal volve á casa dos pais decepcionado, e dáse conta que todo cambiou. A crise económica golpeou a familia e verase obrigado a tomar decisións. O xogo acabou e Djalal terá que atopar o seu propio lugar no mundo real.

A directora: Alba Sotorra é unha directora e videoartista afincada en Berlín. Os proxectos máis destacados da súa filmografía son Unveiled Views (2008) e Qatar the Race (2011). na actualidade está a levar a cabo un proxecto transmedia sobre enxeñaría climática e un documental sobre maternidades subversivas.

Ficha



27 outubro
A casa da moreira
(2013)
Dirección: Sara Ishaq; Guión: Sara Ishaq; Produtora executiva: Diana El Jeiroudi; Dirección de fotografía: Sara Ishaq; Montaxe: Doaa Fadel, Sara Ishaq; Son: Sara Ishaq; Música: Ahmed Al-Shaiba; Produción: Proaction Film, Seen Films, Setara Films, Dubai Film Market / Enjaaz Film Fund

Iemen, Reino Unido, Siria, Exipto, Emiratos Árabes Unidos. 64 min.
Versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán.
Entrada libre até completar capacidade.

A historia: Sara naceu en Iemen, filla de pai iemení e nai escocesa. Durante a súa adolescencia empezou a sentirse cada vez máis incómoda coa súa contorna e con 17 anos decidiu marchar a Escocia a vivir coa súa nai. O seu pai só a deixou irse cunha condición: que non renunciase ás súas raíces iemenís. Sara comprometeuse a iso, pero finalmente incumpriu a súa promesa. Dez anos máis tarde, no 2011, Sara volve a Iemen convertida noutra persoa. Está decidida a enfrontarse ao seu pasado e ten a vontade de redescubrir as súas raíces natais. Inesperadamente, atópase cun país que se cambalea ao bordo dunha revolución, dentro do contexto das primaveras árabes.

A directora: Sara Ishaq naceu en Iemen en 1984. Estudou cinema no Edinburgh College of Art. Colaborou en varias producións da BBC en Oriente Medio. A súa primeira curtametraxe documental, Karama Has No Walls (2012), estivo nomeada aos BAFTA na categoría de novos talentos e gañou varios premios internacionais. The Mulberry House (A casa da moreira) é a súa primeira longametraxe.

Ficha


29 setembro
O visionario. O home que predicía a economía mundial (2014)
Director: Marcus Vetter; Música: Sven Kaiser; Compañía produtora: Filmperspektive GmbH; Son: Aljoscha Haupt, Edición: Marcus Vetter; Fotografía: Georg Zengerlin; Productor executivo: Ulli Pfau, Marcus Vetter, Michael Heiks.

Alemaña. 100 min.
Versión orixinal en inglés con subtítulos en castelán.
Entrada libre até completar capacidade.

A historia: É posible que un computador prediga a economía mundial? Durante os anos oitenta, Martin Armstrong, un consultor de finanzas, deseñou un modelo de predición de alta precisión baseado no número pi. A súa reputación a nivel mundial fixo que os banqueiros máis poderosos de Nova York o convidasen a formar parte do seu grupo para manipular as tendencias dos mercados. A finais da década dos noventa, a FBI entrou na súa casa para requisarlle os computadores e acusalo de estafar 3.000 millóns de dólares. Pasou sete anos no cárcere.
Tratábase dun intento de ameazalo? Querían evitar que fixese público o verdadeiro esquema piramidal no que se baseou a débeda mundial durante décadas? As predicións de Armstrong hai anos que indican que o 1 de outubro de 2015 haberá unha crise da débeda que sacudirá a economía mundial. Cumprirase o seu prognóstico?

O director: Marcus Vetter naceu en Alemaña en 1967. Estudou Economía e Teoría e Práctica da Comunicación. Desde 1994 traballou como editor de televisión, produtor e director. Gañou distintos premios internacionais e as súas películas exhibíronse a festivais de todo o mundo. Dirixiu The Tunnel (1999), My Father the Turk (2006), Heart of Jenin (2008), Hunger (2009), Cinema Jenin (2011) e The Court (2012).

Ficha
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal