Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
 CICLO DE CONFERENCIAS. MEMORIA E ARQUIVO.

18 setembro - 3 novembro 2015

CICLO DE CONFERENCIAS. MEMORIA E ARQUIVO.

Coincidindo coa exposición Arissa. A sombra e o fotógrafo. 1922-1936, o CGAC presenta un ciclo de intervencións e comunicacións que abordarán como a investigación e valorización de distintos arquivos fotográficos históricos permitiu establecer unha nova lectura e interpretación de diversos autores.

Arissa é un claro exemplo de como a investigación e conservación dos seus arquivos permitiu reconsiderar a súa figura máis aló da etiqueta tradicional de fotógrafo pictorialista para podermos falar dunha etapa vangardista e ligada ás correntes internacionais dos anos trinta. A guerra civil liquidou a posibilidade de continuidade das ditas prácticas vangardistas; recuperar hoxe aquelas iniciativas é tratar de corrixir o silenciamento dunha historia incompleta e restituír o rigor que debe manter a memoria.

Inician o ciclo, Rafael Levenfeld e Valentín Vallhonrat, comisarios de Arissa, que abordarán outros traballos de investigación en arquivos fotográficos emprendidos por eles: Marín, Brangulí e Ortiz-Echagüe.

Manuel Sendón e Xosé Luís Súarez Canal presentarán os seus traballos de investigación sobre arquivos fotográficos históricos en Galicia centrándose na figura de José Suárez, sobre cuxa obra preparan unha exposición que se inaugurará en novembro de 2015, pero tamén en Virxilio Viéitez, un fotógrafo de estudio da Galicia rural a quen eles mesmos situaron no primeiro plano de atención internacional a finais da década dos anos noventa.

Juan Manuel Castro Prieto propiciou a recuperación e consideración internacional do fotógrafo peruano Chambi, e o seu propio traballo como autor quedou profundamente marcado pola súa experiencia en Perú. Unha das súas exposicións máis recentes resólvese no diálogo con Chambi a través da observación da realidade peruana.

Coincidindo coa inauguración da súa exposición Interaccións no CGAC, Javier Vallhonrat, en conversación con Santiago Olmo, subliñará como o seu proxecto arrinca das imaxes dos Pireneos de Joseph Vigier realizadas en 1853.

Completará o ciclo Javier Ortiz-Echagüe, que abordará o caso de José Val del Omar: un cineasta que enfoca o problema da identidade desde a vangarda e cuxa exposición, na que se pon de relevo a súa especial relación con Galicia, se presentou este ano no CGAC.

O arquivo como unha ferramenta á vez de investigación histórica e de creación.

Folleto da actividade


PROGRAMA

18 de setembro: Fotografías, arquivos, exposicións, conferencia de Rafael Levenfeld e Valentín Vallhonrat

Audio da conferencia [castelán]


30 de setembro: Centro de Estudos Fotográficos. Unha experiencia de 30 anos na recuperación da fotografía histórica galega, conferencia de Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón

Audio da conferencia (I parte)

Audio da conferencia (II parte)


22 de outubro: Martín Chambi, a pegada do mestre, conferencia de Juan Manuel Castro Prieto

Audio da conferencia (I parte) [castelán]

Audio da conferencia (II parte) [castelán]


29 de outubro: Javier Vallhonrat en conversación con Santiago Olmo

Audio da conferencia [castelán]


3 de novembro: Val del Omar, historia dunha revisión, conferencia de Javier Ortiz-Echagüe

Audio de la conferencia (I parte) [castelán]

Audio de la conferencia (II parte) [castelán]

Todas as sesións terán lugar na Sala de Padroado do CGAC ás 18:30 horas. A entrada é libre e de balde até completar a capacidade da sala.


Rafael Levenfeld e Valentín Vallhonrat
Rafael Levenfeld estudou Economía e Publicidade. Dedícase á fotografía desde 1976. En 1980 fundou a revista Photovision xunto a Joan Fontcuberta, Adolfo Martínez e Ignacio González. En 1983 creou a Escola de Técnica e Estética Fotográfica en Madrid. En 1991 foi nomeado asesor da Fundación “la Caixa”, posto que desempeñou até 1992. Desde 1997 é asesor do Museu Nacional d’Art de Catalunya.
Valentín Vallhonrat estudou Ciencias da Información. Desde 1986 colabora como fotógrafo coa revista Vogue nas súas edicións inglesa, italiana, alemá, portuguesa e xaponesa. En 1990 concedéuselle o premio Cecil Beaton de fotografía. Nos anos noventa realizou tiraxes especializadas de fotografía para múltiples exposicións por todo o mundo. A súa obra expúxose en numerosos museos nacionais e internacionais.
En 1996 fundan xuntos Levenfeld + Vallhonrat, unha sociedade dedicada á conservación, recuperación e exhibición de coleccións fotográficas. Son na actualidade directores artísticos do Museo Universidade de Navarra.



Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal
Manuel Sendón é licenciado en Matemáticas e doutor en Belas Artes (coa tese A fotografía afeccionada en Galicia. 1950-1965). É profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Como fotógrafo publicou cinco libros coa súa obra e realizou un importante número de exposicións.
Xosé Luís Suárez Canal é licenciado en Filosofía e Letras, especialidade de Filoloxía Francesa. Foi profesor asociado de fotografía na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Participou en diferentes exposicións fotográficas tanto a nivel individual como colectivo.
Xuntos dirixen o Centro de Estudos Fotográficos, comisariaron a Fotobienal de Vigo entre 1984 e 2000, e a Sala dos Peiraos de Vigo desde 1985 até 1991. Dirixen así mesmo as coleccións Álbum e Do Trinque, e publicaron varias monografías sobre fotógrafos galegos como Ksado, José Suárez ou Virxilio Vieitez, e arquivos de fotografía como o Arquivo Pacheco ou o de José M.a Massó. Tamén son os editores da publicación Emigración, de Manuel Ferrol, e autores dunha monografía sobre o retrato de estudo titulada Pano de fondo. Todas estas publicacións foron acompañadas de cadansúa exposición.



Juan Manuel Castro Prieto
Juan Manuel Castro Prieto é economista de formación e fotógrafo autodidacta, como a maioría dos autores da súa xeración. A súa vinculación coa fotografía remóntase a 1977. A comezos dos anos oitenta ingresa na Real Sociedad Fotográfica de Madrid, onde coñece a Gerardo Vielba, Gabriel Cualladó, Paco Gómez e Juan Dolcet. En 1990 viaxou a Cuzco, Perú, para facer xunto a Juan Manuel Díaz Burgos os positivos do mestre peruano Martín Chambi a partir das placas de cristal orixinais. Tras esa primeira viaxe, estableceu unha longa relación con Perú, onde volveu outras nove veces máis para completar o seu libro Perú, viaje al sol que foi acompañado por unha exposición no Centro Cultural de la Villa no ano 2001 que posteriormente se mostrou noutros lugares de España, Francia, Bélxica, Italia, Guatemala, Bolivia, Ecuador e Perú.
Coa axuda da familia de Martín Chambi, traballou nun proxecto no que seguiu as pegadas do fotógrafo peruano e do que xurdiron unha exposición itinerante e o libro Martín Chambi-Perú-Castro Prieto no ano 2011.
A súa obra foi galardoada con diversos premios, entre os que destacan o César Vallejo de Perú, o premio de PHotoEspaña Bartolomé Ros e o premio de fotografía da Comunidade de Madrid.


Javier Vallhonrat

Javier Vallhonrat é licenciado en Belas Artes e Psicoloxía, traballa principalmente con fotografía explorando os seus límites como linguaxe, e facéndoa dialogar coa pintura, o vídeo, a performance, a palabra ou a instalación. Ao longo de máis de tres décadas, combinou o desenvolvemento da súa obra coa súa actividade docente en institucións públicas e privadas de Austria, Bélxica, Canadá, España, Francia, Finlandia, Italia, Xapón, México e Reino Unido. Durante o últimos cinco anos traballou en contornas onde se dan condicións e procesos xeoclimáticos extremos, levando a cabo proxectos de prolongada duración que continúa desenvolvendo na actualidade.
A súa obra expúxose en numerosos museos e institucións de todo o mundo e atópase en coleccións como a do Museo Reina Sofía de Madrid, a do Grand-Duc Jean de Luxemburgo ou o Museo de Arte Moderna de Filadelfia, entre outros. Publicáronse dezaseis monografías da súa obra, e o seu traballo foi recoñecido con numerosos galardóns, entre os que cabe destacar o Premio Nacional de Fotografía, o premio de fotografía da Comunidade de Madrid, o premio de fotografía do Concello de Madrid e o premio Bartolomeu Ros de PhotoEspaña.


Javier Ortiz-Echagüe
Javier Ortiz-Echagüe é licenciado en Historia da Arte e doutor en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, impartiu clases na Universidade de Castela a Mancha (Facultade de Belas Artes de Cuenca) e na Carlos III de Madrid, e foi investigador visitante na Universidade de Provenza e da Universidade de Nova York. É autor da antoloxía de textos de José Val del Omar, Escritos de técnica, poética e mística (La Central, Barcelona, 2010) e foi comisario asistente de Desbordamiento de Val del Omar (Museo Reina Sofía, Madrid, 2010). Tamén foi comisario de Ortiz Echagüe. Norte de África (Museu Nacional d’Art de Catalunya, Barcelona, 2013) e é autor do libro Yuri Gagarin e o conde de Orgaz. Mística e estética na era espacial (Jorge Oteiza, Yves Klein, José Val del Omar) (Museo Oteiza, Alzuza, Navarra, 2014). Foi coeditor, xunto a Horacio Fernández, de Fotos & libros. España 1905-1977 (RM, México/Barcelona, 2014). Actualmente é conservador da colección do Museo da Universidade de Navarra, onde tamén é profesor

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal