28 outubro 2015 - 11 maio 2016
CURSO CINEMA. A ORIXE DO SÉCULO XXI. TRANSFORMACIÓN DA IMAXE E DO CINEMA CONTEMPORÁNEOS (1990-2010)
Este curso propón un amplo percorrido polo cambiante mundo da imaxe e do cinema das dúas últimas décadas —nas que o cinematógrafo, ademais, cumpriu os seus primeiros cen anos— e as súas transformacións estéticas, narrativas, tecnolóxicas ou políticas. E faino sen perder de vista nin a súa historia nin os seus referentes: do cinema clásico á modernidade pasando polo Novo Hollywood dos anos setenta ou o cinema experimental; e sen pecharse a unha concepción máis ampla da imaxe en movemento, incorporando as series de televisión, a videoarte, o videoclip ou Internet como formas (ou medios) equiparables na iconosfera contemporánea. Tratarase de ofrecer unha perspectiva o máis ampla e amena posible combinando sesións transversais con outras monográficas dedicadas a destacados cineastas (Abbas Kiarostami, David Lynch, Wong Kar-wai, Hou Hsiao- hsien, Michael Mann, Takeshi Kitano ou David Fincher) e en todas elas será primordial o uso de proxeccións de escenas e a análise de películas representativas das vibrantes transformacións destas dúas décadas.
Folleto do curso
HORARIO: mércores de 19 a 20.30 h
PROGRAMA
28 outubro: A orixe de todos os séculos: unha (posible) introdución a dúas décadas convulsas
4 novembro: O camiño interior: O club da loita e a herdanza romántica
11 novembro: Estradas perdidas da mente: as películas- quebracabezas de David Lynch
18 novembro: (Neo)realismo: Abbas Kiarostami e a nova onda iraniana
25 novembro: Deflacións narrativas: cara a un cinema mínimo do silencio e a soidade
9 decembro: Asia I. Takeshi Kitano e Naomi Kawase: escrituras do baleiro
16 decembro: Do haluro de prata ao píxel: a senda dixital do cinema contemporáneo
13 xaneiro: Grávao todo! Novas pantallas, novas narrativas
20 xaneiro: Os ollos sen rostro: o esvaecemento do corpo do actor no cinema contemporáneo
27 xaneiro: Formas da non ficción: do cinema documental ao cinema-ensaio
3 febreiro: O cinema dentro do cinema (e a televisión dentro da televisión)
10 febreiro: Imaxes da ausencia, ausencia de imaxes: cinema e holocausto
17 febreiro: Asia II. Hou Hsiao-hsien e Wong Kar-wai: formas da melancolía
24 febreiro: Cinema e museo: dúas marxes da imaxe contemporánea
2 marzo: Steve McQueen e os abismos do corpo
16 marzo: It’s a COPY and it’s RIGHT: reapropiacións e remix
30 marzo: USA XXI: a xeración norteamericana do cambio de século
6 abril: Do crepúsculo á aurora: o western contemporáneo
13 abril: Centauros da cidade: Michael Mann e o neothriller
20 abril: “Todo está no xogo”: The Wire e a serialidade televisiva
27 abril: Adeus ás risas enlatadas: a comedia televisiva ábrese ao real
11maio: Fantasías animadas de onte e hoxe: de Max Fleischer a Jan Svankmajer
25 maio: Cando o director (de videoclips) era a estrela: Spike Jonze, Michel Gondry e Chris Cunningham
José Manuel López (Vigo, 1974) é licenciado en Publicidade e Relacións Públicas e doutorando en Comunicación pola Universidade de Santiago. En 2004 funda a revista en liña de cinema Tren de sombras e actualmente forma parte do consello de redacción da revista Caimán Cuadernos de Cine (anteriormente coñecida como Cahiers du cinéma. España). En 2011 e 2012 traballou como dialoguista na cuarta e quinta tempadas de Matalobos, serie de ficción que a produtora Voz Audiovisual desenvolveu para Televisión de Galicia. Colabora desde 2012 co MARCO de Vigo e desde 2014 co CGAC de Santiago como docente de cursos de cinema e participou en seminarios e impartiu charlas en diferentes lugares de España. En 2008 editou o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral para o Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria. Participou ademais en publicaciones colectivas como La Risa Oblicua. Tangentes, paralelismos e intersecciones entre documental y humor (Documenta Madrid), Elegías íntimas. El cine visto por los cineastas (Documenta Madrid), Un extraño entre nosotros. Las aventuras y utopías de José Luis Borau (Filmoteca de Extremadura) ou Paul Schrader. El cineasta frente a los tiempos (Seminci. Festival de Cine de Valladolid). Colabora tamén noutras revistas especializadas como Secuencias, Transit, Blogs&Docs ou Nosferatu e con editoras de DVD como Intermedio ou Cameo.
COORDINACIÓN: Virginia Villar
DESTINATARIOS: Profesores, estudantes e todas as persoas interesadas no tema proposto.
PRAZAS: 250
INSCRICIÓN: O prazo de inscrición estará aberto desde o 24 de setembro até o 28 de outubro de 2015.
As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es no que deben indicar o seu nome completo, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, informarase as persoas inscritas sobre como realizar o pago.
MATRÍCULA: 80 € / Prezo para socios do Cineclube Compostela: 65 €
CERTIFICACIÓN: Está a tramitarse a solicitude dun crédito universitario para o alumnado matriculado en calquera título de grao da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o recoñecemento como formación permanente do profesorado (34 horas) pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
No caso de que sexan concedidos, as persoas interesadas en obter o crédito e o certificado de aproveitamento do curso deberán asistir, como mínimo, ao 85% das sesións.