Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
TALLER DE PROCESOS DE RECURSOS CREATIVOS CON JAVIER VALLHONRAT. EXPLORANDO O PROCESO.

11-13 decembro 2015

TALLER DE PROCESOS DE RECURSOS CREATIVOS CON JAVIER VALLHONRAT. EXPLORANDO O PROCESO.

Entendo todo proxecto artístico como un espazo complexo onde se activan e interactúan múltiples argumentos e tramas conceptuais, formais e vitais.
Estes contidos e tramas necesitan ser activados desde o exercicio da creatividade, entendida como un conxunto de capacidades e procesos que despregamos a través da exploración, a experimentación e o xogo.
No transcurso deste taller, centrado no traballo co soporte fotográfico, imos recoñecer, explorar e pór en práctica os nosos propios recursos e procesos creativos, descubrindo ao mesmo tempo recursos e procesos novos.

Con estas prácticas persigo varios obxectivos:
– Cambiar o foco do resultado final cara ao descubrimento de claves propias.
– Sensibilizarnos coas nosas propias voces e movementos internos.
– Facernos máis conscientes dos nosos recursos creativos.
– Flexibilizar os nosos procesos creativos.
– Xerar un espazo interno onde darlle sentido ao
aparentemente insignificante.
– Familiarizarnos cun modelo de proceso de traballo útil e operativo que nos axude a xerar os nosos propios proxectos.

Para iso traballaremos sobre as nosas propias imaxes. Cada participante deberá traer polo menos unha imaxe e, mentres dure taller, o meu labor consistirá en acompañalo ou acompañala ao longo dun proceso de escoita e diálogo con tramas e argumentos que no noso traballo frecuentemente quedan desatendidos.
Por iso o máis interesante é escoller unha imaxe que nos intrigue, da que queiramos aprender, que nos impulse a dialogar con ela, que nos suxira preguntas. Non nos interesa traballar sobre imaxes perfectas nin virtuosas desde o punto de vista da fotografía.
O traballo poderá achegarse en formato físico (copia en papel) ou dixital (mediante unha tableta ou un ordenador portátil).

 
Javier Vallhonrat


Listaxe de admitidos


Javier Vallhonrat
: Licenciado en Belas Artes e en Psicoloxía, escolleu a fotografía como medio privilexiado de expresión e investigación, explorando os seus límites como linguaxe e facéndoa dialogar coa pintura, o vídeo, a performance, a palabra ou a instalación.
Ao longo de case tres décadas, simultaneou o desenvolvemento da súa obra coa actividade docente en institucións, escolas e universidades públicas e privadas de numerosos países.
Interesado nos enfoques psicoterapéuticos que traballan a partir da experiencia inmediata do sensible como activador privilexiado da conciencia, este autor, formado en psicoterapia Gestalt e psicoterapia integrativa, desenvolve na actualidade cursos arredor dos procesos creativos.
Ao longo dos últimos anos traballou en contornos de alta montaña onde se dan condicións e procesos xeoclimáticos particulares, levando a cabo proxectos de prolongada duración que o artista continúa desenvolvendo na actualidade.
A súa obra expúxose en numerosos museos e institucións de todo o mundo e atópase en coleccións como a do MNCARS de Madrid, o Gran Duc Jean de Luxemburgo ou o Philadelphia Museum of Art. Recibiu numerosos galardóns entre os que destacan o Premio Nacional de Fotografía, o Premio de Fotografía da Comunidad de Madrid, o Premio de Fotografía do Ayuntamiento de Madrid e o Premio Bartolomé Ros de Photoespaña.


HORARIO
Venres, 11 de decembro, de 16:00 a 20:00 h
Sábado, 12 de decembro, de 10:00 a 14:00 he de 16:00 a 20:00 h Domingo, 13 de decembro, de 10:00 a 14:00 h

DESTINATARIOS: Artistas, comisarios, estudantes e fotógrafos interesados na creación contemporánea.

PRAZAS: mínimo 7 / máximo 15

INSCRICIÓN: As persoas que desexen participar no taller poderán preinscribirse enviando unha mensaxe electrónica ao seguinte enderezo: cgac.pedagogia@xunta.es. As solicitudes deberán ir acompañadas dunha carta de intencións na que se explique cal é a vinculación do candidato ou candidata coa creación contemporánea e deberán incluír os seguintes datos: nome completo, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.
O prazo de recepción de solicitudes termina o 30 de novembro.
O día 3 de decembro comunicaráselles ás persoas seleccionadas para participar no taller as indicacións para efectuar a matrícula.

MATRÍCULA: 20 €

O CGAC expedirá un certificado de asistencia e aproveitamento ás persoas que participen no taller.

COORDINACIÓN: Gema Baños
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal