Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook twitter rss
NON HAI MUSEO SEN DEBATE. CICLO DE ENCONTROS

17-18 de marzo e 22 de setembro de 2016

NON HAI MUSEO SEN DEBATE. CICLO DE ENCONTROS

Estes encontros pretenden ser un lugar de traballo e reflexión ao redor do presente e do futuro dos centros e institucións de arte contemporánea. Nun momento de cambios, tanto na esfera social e política coma na dirección do propio CGAC e doutras institucións públicas galegas, cremos oportuna esta cita para falar sobre o modelo de museo que queremos e necesitamos, compartindo experiencias de profesionais da escena galega e tamén de fóra de Galicia. Unha actividade que pretende situar o CGAC como foro e espazo de debate, como lugar de encontro a partir das preguntas, da crítica e da reflexión.

Os encontros organízanse desde catro mesas —artistas, crítica e mediación, institucións e coleccionismo—, das que partirán cuestións que esperamos sexan recollidas polo público ao que están dirixidas, os diferentes axentes do contexto, para analizar a realidade destas institucións e os retos que cada profesional ten que asumir nun centro destas características. Catro apartados fundamentais do sistema artístico, que serán analizados, como pretexto e como referencia, para propor reflexións desde e para o CGAC e ao seu presente despois dos seus máis de vinte anos de traxectoria.

Cal é o papel dos museos? Pode o museo ser unha institución crítica? Aplícanse as boas prácticas no sector? Desde que perspectiva se exerce a crítica de arte? Os artistas teñen poder no museo? De que viven os artistas? Hai un mercado suficiente para o volume da creación? Cales son os seus dereitos e remuneracións no ámbito museístico? Cales son os espazos do comisariado? Quen se responsabiliza das compras dunha colección pública? Hai igualdade de xénero nun ámbito tan progresista aparentemente coma o artístico? Estas son algunhas das preguntas que agardamos sirvan para cartografar e construír, organizar e visualizar un contexto, debuxando outras cuestións interesantes ao redor da reformulación, construción e lexitimación das institucións ao servizo da cidadanía.

O propósito destas xornadas é pór sobre a mesa opinións, traxectorias e experiencias para revisar modelos e compartir novas ideas e estratexias que enriquezan a figura e a significación dos museos e centros de arte contemporánea en Galicia, ideas e estratexias que poden ser trasladadas a calquera outra institución no contexto actual. Porque non pode existir un museo sen debate, nesta ocasión o debate trasládase ás salas do propio museo. Benvidas e benvidos, todas as propostas son ben recibidas!

Folleto da actividade

Manual de buenas prácticas profesionales en las artes visuales (versión en castelán)



PROGRAMA

Xoves, 17 de marzo
16:30 h ARTISTAS
Modera: Silvia García
Antón Patiño
Isidro López Aparicio
Carme Nogueira
Enrique Lista
Tamara Feijoo

Venres, 18 de marzo
16:30 h INSTITUCIÓNS
Modera: Chus Martínez Domínguez
Daniel L. Abel
David Barro
Daniel Castillejo
Santiago Olmo

18:30 h CRÍTICA E COMISARIADO
Modera: Natalia Poncela
Ania González
X. M. Buxán Bran
Javier Duero
Ángela Molina

Xoves, 22 de setembro
16:30 h COLECCIÓNS
Modera: Juan Carlos Román
Rosario Sarmiento
Miguel Fernández-Cid
Juan Antonio Álvarez Reyes
Virginia Torrente


Entrada libre até completar capacidade. 


Chus Martínez Domínguez é licenciada en Historia e especialista en artes visuais contemporáneas. Destaca o seu labor como crítica de arte e colaboradora habitual do suplemento cultural Babelia do xornal El País e da revista Tempos Novos, ademais doutras publicacións especializadas coma ArtNotes, Arte y Parte ou Artecontexto. Exerce como comisaria independente de exposicións. En 2008, foi a coordinadora de www.espazodocumental.org, un sitio web pioneiro dedicado aos artistas galegos, e editora do libro espazodocumental.net, unha recompilación de ensaios publicada como resultado do devandito proxecto. Desde 2012, pertence á Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega.

Santiago Olmo é comisario de exposicións independentes e crítico de arte desde 1986. Formou parte do equipo de redacción da revista Lápiz e Artecontexto (Madrid). Foi comisario da representación española na xxiv Bienal de São Paulo en 1998. En 2010, dirixiu a XXXI Bienal de Pontevedra que, baixo o título de Utrópicos, abordou a escena artística de América Central e do Caribe, e en 2012 foi comisario da Bienal de Guatemala. Actualmente, é director do CGAC.

Silvia García é doutora en Belas Artes, e profesora e decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Entre 1997 e 2005, traballou no Departamento de Actividades do CGAC. Como artista, participou na exposición Eidos da imaxe, no MARCO de Vigo; na mostra Hacer, Diseñar, Pensar, no Museo de Artes Decorativas de Madrid; e en Relatos privados y espacios públicos no MAC da Coruña. A finais dos anos noventa, formou parte de colectivos de net art e participou en varias exposicións e proxeccións de videoarte.

Antón Patiño é artista visual e escritor. Responde ao perfil dun activista cultural que participou en numerosas aventuras fundacionais: Loia, Colectivo da Imaxe e Atlántica. Colaborou co grupo Rompente e é autor de Xeometría líquida, Mapa ingrávido, Caosmos, dos libros de poemas Océano e silencio e Teoría do riso, do cómic experimental Esquizoide, e de ensaios sobre Urbano Lugrís, Reimundo Patiño, Uxío Novoneyra e Lois Pereiro. A súa obra puido verse en exposicións individuais de París, Hamburgo, Amsterdam, Barcelona, Estocolmo, Madrid, Nova York ou Stuttgart, e está representada en coleccións de museos coma o Reina Sofía ou o MACBA.

Isidro López­-Aparicio (iLA) é artista e profesor. Participou en feiras internacionais e realizou numerosas exposicións individuais e colectivas. Así mesmo, recibiu premios e bolsas para a ampliación de estudos e a creación artística de máis de trinta institucións. Comisariou cinco festivais artísticos internacionais, con artistas consagrados e tamén con artistas emerxentes.Compaxina o seu labor docente na Universidade de Granada con estancias noutras institucións de Finlandia e do Reino Unido. É autor de numerosos libros e artigos. O seu compromiso profesional e social como artista levouno a asumir as responsabilidades de presidente de honra do Fine Art European Forum e da executiva da European League of Institutes of Art. É membro do equipo editorial do Journal for Artistic Research.

Carme Nogueira é artista. A súa obra xira arredor dos conceptos de identidade e intimidade en relación co xénero. Nos últimos anos, centrou o seu traballo na problemática dos espazos públicos, e materializou os seus proxectos a través de fotografías e instalacións. Entre os seus traballos máis recentes, podemos salientar Castillete, retablo minero, comisariado por Leire Vergara, no MUSAC, ou a exposición La ciudad de los aplausos, comisariada por Manuel Segade en París.

Enrique Lista é licenciado en Belas Artes, conta cun mestrado universitario en Arte Contemporánea e é doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Como artista, realizou exposicións individuais na Fundación Luís Seoane (A Coruña, 2013), Zona C (Santiago de Compostela, 2012), na galería Adhoc (Vigo, 2010) e na sala Alterarte (2007), e participou en diversas exposicións colectivas en museos e institucións, como a Fundación Rac (2016), o MAC (2015), o MARCO (2014 e 2010), o Centro Torrente Ballester (2010), a Noorderlicht Photogallery (2009), o CGAC (2008), o Centre Civic Sant Andreu (2007) ou a Casa da Parra (2007).

Tamara Feijoo. Artista plástica licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde tamén cursou os seus estudos de doutoramento. Realizou diversas exposicións individuais en galerías de Málaga, Ourense e Madrid. Tamén participou en numerosas mostras colectivas nacionais e internacionais e obtivo importantes bolsas e premios, como a Bolsa de Creación Artística no Estranxeiro Gas Natural Fenosa 2011, grazas á cal gozou dunha residencia de varios meses en Berlín.

Daniel L. Abel é licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e cursou estudos de posgrao en Deseño, Arte e Sociedade, na Universitat Pompeu i Fabra. Entre 2008 e 2014 dirixiu, xunto a Víctor E. Pérez, Baleiro (baleiro.org), un espazo apoiado pola área de Cultura da USC, pero de xestión independente e desde o que se produciron diversas exposicións, ciclos de debate, residencias artísticas e concertos de músicas experimentais. É coeditor e coautor de dous libros publicados no marco do proxecto de investigación “Canles alternativas de creación experimental. O Eixo Atlántico: 1975-2010”, do Departamento de Historia da Arte da USC. Na actualidade, está a traballar na súa tese de doutoramento sobre a produción colectiva na arte contemporánea galega.

David Barro é director-xerente da Fundación Luís Seoane da Coruña. Entre 2006 e 2014, foi editor de DARDO e director de DARDOmagazine. Ademais de comisariar exposicións, é crítico de arte e colaborador habitual de El Cultural (1998-2014). Foi director das revistas [W]art (2003-2005), Arte y parte (1998-1999) e Interesarte (1998-2002). Ocupou o cargo de director artístico da feira de arte Espacio Atlántico (2010), do espazo A Chocolataría de Santiago de Compostela, do proxecto Look Up! Natural Porto Art Show (2010) e do Festival Internacional de Acción Artística Sustentable SOS 4.8 de Murcia. Entre 2000 e 2006, foi profesor da Escola das Artes na UCP do Porto e, entre 2008 e 2013, traballou como asesor da Fundación Barrié e foi responsable da súa colección.

Daniel Castillejo é activista cultural, promotor de estruturas culturais de Vitoria e comisario de exposicións. Na actualidade, dirixe o Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo ARTIUM de Álava.Desde 2001 ata 2008, foi conservador do Departamento de Colección Permanente e Análises Artísticas do Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo ARTIUM. De 1989 a 2001, foi o responsable da Sala Amárica (Vitoria-Gasteiz). De 1985 a 2001, ocupou o cargo de técnico responsable da xestión da colección de arte contemporánea do Museo de Belas Artes de Álava (actual Colección ARTIUM). Ademais, é membro da Comisión de Adquisicións da Deputación Foral de Guipúscoa e do Museo Es Baluard de Palma de Mallorca.

Natalia Poncela López é licenciada en Historia da Arte pola USC. Centra as súas actividades profesionais na creación visual contemporánea, principalmente no ámbito editorial, e exerce como historiadora e crítica de arte en diversos medios e institucións. Foi comisaria dos proxectos expositivos Trompe-la-mémoire. Dispositivos de temporalidade e posta en escena (Fundación Luís Seoane, 2000) e Rubén Santiago. Honoris Causa (Salga Alterarte, 2012). Foi redactora xefa da revista internacional de arte contemporánea Art Notes (2004-2010) e docente no mestrado de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC, onde impartiu os talleres de crítica de arte. En 2007, dirixiu o curso “Artes de mediación. Os roles da crítica de arte na era dixital”. Coordinou ademais a realización de congresos, cursos e xornadas organizados polo Consello da Cultura Galega. Na actualidade, é membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega, e exerce como crítica de arte no programa Diario Cultural na Radio Galega (desde 2006) e como colabora na revista Tempos Novos.

Ania González é licenciada en Dereito pola USC e ten un mestrado en Avogacía pola Universidade de Vigo. Exerce como avogada e crítica cultural formada no Programa de Estudos Independentes do MACBA. Foi codirectora dos proxectos FAC Peregrina, De corpo en lugar e PLÉTORA ata o ano 2015. Traballa no programa de enxeñería cultural Outra institucionalidade, xunto ao artista dixital Horacio González, co que forma o colectivo Agentes del Caos. É membro, xunto a unha nutrida colectividade de axentes, do Instituto Galego de Praxe Actual (Igapa).

X. M. Buxán Bran é profesor titular da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Dirixiu o programa de exposicións da Sala X, Sala de Exposicións do Campus de Pontevedra. Na actualidade, dirixe o programa Estado Crítico 3, na Sala Alterarte do Campus de Ourense. Como crítico de arte, foi colaborador de A Nosa Terra e agora éo do xornal Faro de Vigo. Unha compilación desas críticas reuniuse en Desprazamentos: a viaxe como unha das Belas Artes (Difusora de Letras, Artes e Ideas, Ourense, 2014). O seu último libro publicado é Bellos y desconocidos (Laertes, Barcelona, 2015).

Ángela Molina é licenciada en Filoloxía Española e doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universitat Autònoma de Barcelona (UAB). Exerceu a crítica de arte no suplemento cultural do diario ABC ata 2000. Desde 2001, traballa como colabora nas seccións de arte e literatura dos suplementos culturais Babelia e Quadern (El País), e en publicacións especializadas (LARS, Revista de Libros, Vanity Fair). Foi directora da revista de arte e pensamento Art&Co, e é especialista en teoría feminista e estudos de xénero. É editora do libro Los lugares de la crítica (Ed. Universidade Pública de Navarra, 2011).

Javier Duero é produtor cultural. Fórmase en comunicación e realización audiovisual no Instituto Oficial de Radio e Televisión. Durante os anos 2002 e 2003, fórmase en videoarte e cultura dixital na Fundación Daniel Langloise e en Videographe (Montreal-Québec). O seu interese centrouse no desenvolvemento de proxectos de cooperación, investigación, educación e comisariado. Recentemente, colaborou especificamente en proxectos para a HEAD (Haute École D’Art et Design de Xenebra), o CAC (Centro de Arte Contemporánea de Quito), o Goethe-Institut de Berlín, o Museo Es Baluard de Mallorca, o Injuve, a Universidade Complutense de Madrid, o Instituto Cervantes e a Academia de España en Roma.

Juan Carlos Román. Artista e docente. Doutor pola Universidade de Vigo e profesor de Arte e Contemporaneidade na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Realizou unha vintena de exposicións individuais e participou en máis dun centenar de mostras colectivas, tanto nacionais coma internacionais. A súa obra atópase representada en diferentes museos e coleccións privadas, entre os que convén salientar: Artium, Fundación La Caixa, CGAC, Fundación Fran Daudel, Colección Testimoni e o Palacio da Zarzuela. Publicou numerosos ensaios en catálogos e revistas especializadas, onde analiza a obra de artistas contemporáneos. Recentemente, acaba de publicar “Los 100 problemas del arte contemporáneo”, dentro da colección Infraleves que edita o CENDEAC de Murcia, 2016.

Rosario Sarmiento é comisaria e crítica de arte. Especialista en coleccionismo e na historia da arte da muller en Galicia. Foi directora da Colección de Arte Caixa Galicia /Abanca entre 1998-2014. Comisariou e coordinou exposicións de artistas coma Eduardo Chillida, Francisco Leiro, Jannis Kounnelis, Tarsila do Amaral, Tamara de Lempicka, Diego Rivera, Frida Khalo, Maruja Mallo e Urbano Lugrís, entre outras.

Miguel Fernández Cid é crítico de arte, editor e comisario independente. Foi responsable de compras da Fundación Coca-Cola España e dirixiu o CGAC entre 1998 e 2005. Na actualidade, é director da Fundación Gonzalo Torrente Ballester en Santiago de Compostela.

Juan Antonio Álvarez Reyes é crítico de arte e comisario de exposicións. Desde febreiro de 2010, dirixe o Centro Andaluz de Arte Contemporáneo en Sevilla. Foi comisario da Sala Montcada da Fundación La Caixa (Barcelona), director de Periódico del Arte (edición española de The Art Newspaper, Il Giornale dell’Arte e Le Journal des Arts) e director do Centro Párraga (Murcia). Entre 2004 e 2010, foi crítico de arte do suplemento cultural do diario ABC e colaborou con numerosas revistas de cultura e arte contemporánea españolas e estranxeiras.

Virginia Torrente é licenciada en Historia da Arte. De 1993 a 1999, foi conservadora e xefa de exposicións da Colección Arte Contemporánea e, entre o 2000 e o 2003, no Museo Patio Herreriano de Valladolid. De 2004 a 2006, foi responsable de artes plásticas da Casa de América en Madrid e, desde 2007, traballa como comisaria independente. Comisariou numerosas exposicións, entre as que destacan: Paraísos indómitos (Marco Vigo e CAAC Sevilla, 2008); Estación experimental, con Andrés Mengs (CA2M Madrid e Laboral Gijón, 2010); 89 Km. Colección CGAC (Marco, Vigo, 2010); Arqueológica (Matadero Madrid, 2013); 8 cuestioness espacialmente extraordinarias (Tabacalera, Madrid, 2014); Patricia Gadea Atomic-Circus (MNCARS, Madrid, 2014); e El público (Centro Federico García Lorca, Selecta, 2015). Foi tamén directora artística da primeira edición de JustMad (2010) e creadora e directora das dúas primeiras edicións de Jugada a 3 bandas (2011 e 2012). Impartiu conferencias e publicou textos sempre relacionados coa arte contemporánea, tanto dentro coma fóra de España. Entre 1999 e 2009, formou parte do proxecto comisarial independente Doméstico.

COORDINACIÓN: Chus Martínez Domínguez e Santiago Olmo


Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal