Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
SEMANA DOS MUSEOS. MUSEOS E PAISAXES CULTURAIS

18-22 maio 2016

SEMANA DOS MUSEOS. MUSEOS E PAISAXES CULTURAIS

Con motivo do Día Internacional dos Museos (DIM), o 18 de maio, o CGAC propón unha semana de actividades para diversos públicos.

O ICOM (Consello Internacional de Museos) é unha organización internacional de museos e profesionais dirixida á conservación, mantemento e comunicación do patrimonio natural e cultural do mundo, presente e futuro, tanxible e intanxible. O lema que o ICOM propón este ano 2016 para celebrar o día é Museos e paisaxes culturais.

O CGAC prepara, xunto con outros oito museos da cidade, varias actividades de rúa arredor da paisaxe cultural, un concerto de música contemporánea a cargo de Vertixe Sonora e dous talleres didácticos para público infantil dirixidos pola artista Mirari Urruzola.

Folleto da actividade


MUSEOS DE COMPOSTELA
Un ano máis, o CGAC programa unha serie de actividades conxuntas con outros museos da cidade. Os DEAC (Departamentos de Educación e Acción Cultural) do Museo do Pobo Galego, a Fundación Granell, o Museo da Catedral, o MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia), o Museo de Historia Natural da USC, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Casa da Troia e o CGAC unimos recursos e ideas para celebrar o noso día.

O 18 de maio os Museos de Compostela terán xornada de portas abertas.



COMPOSTELA. PAISAXE CULTURAL
Elevacións
Mércores, 18 de maio
De 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas

De xeito simultáneo, todos os museos participantes sacarán unhas peañas á rúa.
O obxectivo da acción é convidar os axentes culturais e a todas aquelas persoas que se consideren parte da paisaxe cultural da cidade a subir a un pedestal para posar como un ben de interese cultural. Trátase de desacralizar tanto o museo como este obxecto, tradicionalmente reservado para as pezas do patrimonio cultural ou para grandes figuras. Pretendemos facer extensivo o museo á rúa, visibilizar e elevar a todas as persoas que conforman a rede cultural compostelá, as que fomentan e constrúen cultura en calquera das súas disciplinas (musical, literaria, circense, teatral, audiovisual, artística, natural, histórica...).

O alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo e da Escola de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos O Raio Verde encargarase de documentar as accións gravándoas e retratándoas. As fotografías e os vídeos subiranse ás redes de cada museo para compartir a experiencia co público.

A partir do xoves 19 e até o domingo 22, as peañas volverán ao interior dos museos para que as persoas que o desexen participen da acción no marco museístico como unha peza máis, fotografándose enriba das peañas e enviando as imaxes e enviando as imaxes á nosa páxina de Facebook e mediante o hashtag #CompostelaPaisaxeCultural.

A organización de Museos de Compostela premiou dúas fotografías realizadas polo alumnado da ESAD Mestre Mateo para a imaxe do cartel DIM Compostela 2016. O resto das fotografías que os alumnos e alumnas da escola presenten sobre a acción Elevacións participarán nun concurso na rede onde poderán optar ao premio do público.

Localización das peañas
MUPEGA: intersección ente as rúas San Lázaro e Miguel Ferro Caaveiro
Museo do Pobo Galego: Porta do Camiño
CGAC: Praza de Cervantes
Museo das Peregrinacións: Praza das Praterías
Museo Catedral: balconada da Praza do Obradoiro
Museo Casa da Troia: Rúa da Troia


RUTA PAISAXE ARQUITECTÓNICA
Sábado, 21 de maio
De 10:00 a 11:30 horas
Itinerario: San Lázaro - Camiño Francés - Cruceiro de San Pedro - San Domingos de Bonaval - Praza das Praterías - Praza do Obradoiro


O COAG (Colexio de Arquitectos de Galicia) de Santiago de Compostela, colabora cos oito museos no DIM dirixindo unha ruta arquitectónica que percorrerá desde o barrio de San Lázaro até a zona vella de Santiago.
Durante a ruta falarase da historia e das diferentes tipoloxías arquitectónicas da cidade. O itinerario, que comezará no MUPEGA, continuará polo Camiño Francés até o cruceiro de San Pedro, onde se tratará o establecemento das ordes mendicantes en puntos significativos do territorio. A visita continuará polo parque de San Domingos de Bonaval, o Museo do Pobo Galego e o CGAC, onde se abordarán as claves da arquitectura vernácula e a contemporánea. O percorrido seguirá até a praza de Praterías, cunha parada no Museo da Catedral e no Museo das Peregrinacións, e concluirá na praza do Obradoiro, onde o equipo do COAG fará unha reflexión sobre a cidade monumental e o territorio.



INTERFERENCIAS, CONCERTO DE VERTIXE SONORA ENSEMBLE
Mércores, 18 de maio
20:30 horas
Hall do CGAC

Como cada ano, abrimos o ciclo Música e arte. Correspondencias sonoras na semana dos museos. Nesta ocasión celebraremos o Día Internacional dos Museos cun concerto titulado Interferencias, que consiste nun programa de tres obras escritas en 2015 para a agrupación Vertixe Sonora polos compositores Elena Rykoba, Andrés Nuño de Buen e Murat Çolak: unha danza ritual ao redor dun piano en movemento, unha escultura sonora imaxinaria cargada de tensión e de enerxía estática e unha viaxe interior a través da meditación e da contemplación sonora.

Programa
Elena Rykova (Rusia, 1991), Bath Jamming (2015) piano e dous intérpretes
Andrés Nuño de Buen (México, 1988) Tendón (2015) saxofón, acordeón, contrabaixo e percusión
Murat Çolak (Turquía, 1984) Râh (2015) saxofón, acordeón, violonchelo, contrabaixo, piano, percusión e electrónica


Vertixe Sonora Ensemble: Pablo Coello saxofón / Vadzim Yukhnevich acordeón / Ailsa Lewin violonchelo / Carlos Méndez contrabaixo / Rubén Barros guitarra eléctrica / David Durán piano / Diego Ventoso percusión



TALLER PAISAXE SENSORIAL
Dirixido por Mirari Urruzola
Taller 1. Sábado, 21 de maio. Para nenos e nenas de 4 a 6 anos
Taller 2. Domingo, 22 de maio. Para nenos e nenas de 7 a 9 anos
Horario: 11:00-13:00 horas
Prazas: 15 para cada taller

A artista Mirari Urruzola propón viaxar por un mundo sensorial onde descubrir o pracer de apalpar, ulir, manipular, escoitar e ver detidamente. Durante o taller os nenos e nenas poderán afondar nas calidades e nas posibilidades da materia.

Primeiro, os participantes dedicaranlle un tempo a tocar, fregar, acariñar, probar, degustar, asociar, clasificar e crear empregando criterios como a simetría, a analoxía, o contraste, a multiplicación, a superposición, a sonoridade, a beleza, o cheiro... Pasearán descalzos por un camiño táctil para sentir as texturas, recoñecerán os materiais a cegas en caixas compartimentadas, escoitarán os obxectos con estetoscopios ou recoñeceranos a través do olfacto e do gusto.

Despois, entre todos e todas, farán unha gran composición aromatizada, sonora, táctil, saborosa e plástica. A partir de deseños individuais mesturarán os materiais combinando os brandos cos duros, os ásperos cos suaves, os silenciosos cos ruidosos, os lixeiros cos pesados, os fríos cos cálidos ou os brillantes cos mates.

O taller Paisaxe sensorial creará un espazo para internarse no universo dos sentidos, deixarse levar por eles e, deste xeito, poder espertar e exercitar a percepción en diferentes niveis e de múltiples xeitos. Analizaranse as sensacións froito das diferentes experiencias e as particulares asociacións que estas poden xerar.
Os talleres estarán adaptados ás diferentes franxas de idade.

Inscrición:
Os talleres son de balde. As solicitudes de inscrición poderán dirixirse a partir do 6 de maio ao enderezo electrónico cgac.educacion@xunta.es e deberán incluír os seguintes datos: nome completo e idade da persoa ou persoas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico e nome do taller no que desexan inscribirse (Taller 1 ou Taller 2).
Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As persoas solicitantes recibirán un correo electrónico de confirmación no que se lles indicará cal é o estado da súa solicitude.


COORDINACIÓN: Virginia Villar

COLABORAN

        

Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo e Escola de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos O Raio Verde.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal