Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
TALLER CON MARISA GONZÁLEZ. IDENTIDADE.

26 e 27 de maio de 2016

TALLER CON MARISA GONZÁLEZ. IDENTIDADE.

O taller que propón Marisa González (Bilbao, 1945), desenvolverase ao redor da súa práctica artística no marco da exposición Rexistros domesticados, que pode visitarse no CGAC ata o 19 de xuño de 2016.

Esta mostra reúne as motivacións temáticas, técnicas e formais, ao longo de corenta e cinco anos da traxectoria dunha artista que foi pioneira, en España e nopanorama internacional, na aplicación das novas tecnoloxías de reprodución e comunicación na creación artística. Desde os anos setenta aborda temas como a memoria e aarqueoloxía industrial, a reciclaxe, a ecoloxía, o feminismo ou a marxinalidadedas minorías.

O taller centrarase nos diálogos entre a máquina, a percepción e a acción.

Folleto da actividade


TALLER

Primeira sesión
Xoves, 26 de maio, de 16:30 a 18:30 h

Durante a primeira parte do taller trataranse os seguinte temas:

- Desenvolvemento e evolución dunha obra multidisciplinar mediante unha lectura paralela do desenvolvemento das ferramentas da comunicación no século XX e a aplicación das ditas ferramentas como instrumentos de creación.

- A vinculación coa arte tecnolóxica nace da incorporación das ferramentas da comunicación á produción artística. Estes novos instrumentos, cada un coas súas propiedades, identidade e limitacións xeran un diálogo incorporando os seus recursos, os seus códigos, o seu sinal e a súa pegada, evolucionando en paralelo e servíndose da tecnoloxía como linguaxe e como instrumento.

- A imbricación entre arte e tecnoloxía xera un híbrido formado polas diferentes ferramentas e elementos que configuran o proceso de realización dunha obra denominada multidisciplinar pola súa diversidade de recursos técnicos, o seu concepto e o seu proceso.


Segunda sesión
Venres, 27 de maio, de 16:30 a 20:30 h

A segunda parte do taller xirará ao redor dos seguintes temas:

- O espazo/tempo

- O diálogo visual que emerxe das dificultades para reconstruír unha identidade, entre alegoría, artificio e suxeito ou obxecto

- A máscara como un eu figurado, unha identidade metamorfoseada

- O desenvolvemento en busca dunha linguaxe persoal.

Os asistentes ao taller deberán levar unha cámara de fotos dixital para realizar tomas, seguindo unha liña de procura do próximo partindo dunha imaxe ou obxecto, co fin de indagar nas posibilidades de percepción, transformación e metamorfose do suxeito elixido.

Será posible penetrar no armazón da imaxe, introducirse nel? Non se trata de contemplar imaxes, senón de internarse nos intersticios da realidade creando un novo espazo —escala—, unha historia ao redor do tema elixido por cada participante. Construír unha nova lectura, un novo significado, para elaborar un relato propio.

 

Marisa González é licenciada en Música polo Conservatorio de Bilbao e licenciada en Belas Artes Universidade pola Universidade Complutense de Madrid. Cursou estudos de posgrao no Art Institute de Chicago e na Corcoran School of Art de Washington. Artista pioneira en España nos campos da electrografía e redes de sistemas xenerativos, entre as súas exposicións máis destacadas están Spanish Vídeo Art ULLENS Center, Centro de Arte Contemporánea de Pequín; BAC Festival de Vídeo de Barcelona, Fundación Miró e CCCB, 2009; a Bienal de Venecia de Arquitectura, 2012; Genealogías feministas, MUSAC de León, 2012; La fábrica, Fundación Telefónica, Madrid, e Sala Rekalde, Bilbao; La central nuclear Lemóniz, CAB de Burgos ou Ellas filipinas, Festival TINAG, Londres, 2012, ou Registros domesticadosen Tabacalera, Madrid, 2015.

Expuxo en múltiples feiras internacionais como ARCO, Madrid; Loop, Barcelona; Paris Photo; Art Köln, Colonia; SML, São Paulo; Moving Image, Londres, e CIGE, Pequín, así como en festivais de fotografía en America Latina e África. Ademais, participou  nas sucesivas edicións de PHOTOESPAÑA desde a súa creación. A súa obra está presente en múltiples coleccións públicas e privadas como as do Museo Reina Sofía de Madrid, o Museo Artium de Vitoria ou o MACBA de Barcelona.


DESTINATARIOS: artistas

PRAZAS: 15

INSCRICIÓN: as persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es ou chamando ao teléfono 981 546 602. As solicitudes deberán ir acompañadas dunha carta de motivación, un breve currículo e un dossier profesional (máximo 15 MB). Ademais, deberán incluír os seguintes datos: nome completo, enderezo de correo electrónico e teléfono de contacto. Unha vez que lles confirmemos a inscrición, enviarémoslles as indicacións precisas para facer efectiva a matrícula.

MATERIAL: Cada participante levará a súa cámara fotográfica ou dispositivo móbil con cámara e unha memoria USB ou unha tarxeta de memoria para exportar os arquivos e recortes de prensa ou fotografías sobre o tema que queiran desenvolver.

MATRÍCULA: 20 €

DIRECCIÓN: Marisa González

COORDINACIÓN: Gema Baños

 

PROXECCIÓN E MESA REDONDA Entre mulleres

Xoves, 26 de maio

Auditorio do CGAC

19:00 h Proxección de Ellas filipinas, de Marisa González

Documental a través do cal a autora aborda a situación das inmigrantes filipinas en Hong Kong. O vídeo narra como as máis de 150.000 mulleres que conforman este colectivo se reúnen os domingos, o seu único día libre da semana, no centro financeiro da cidade. A súa presenza transforma a paisaxe urbana, convertendo os espazos públicos en espazos domésticos, zonas de convivencia, expansión e descanso, onde manteñen os seus costumes e tradicións.

19:50 h Mesa redonda coa participación de Marisa González, Anxela Caramés e Menene Gras Balaguer


Anxela Caramés é licenciada en Historia da Arte e doutora en Belas Artes cunha tese sobre as prácticas curatoriales feministas no Estado español. Traballa como comisaria e crítica de arte. Organizou encontros de debate con ciclos de vídeo e comisariou performances, intervencións artísticas na rúa e exposicións. Como investigadora no campo das artes visuais e feminismos, publicou artigos en revistas especializadas e catálogos de exposicións, e tamén impartiu conferencias en universidades e museos. Forma parte de Contenedor de feminismos e de M-Artech.

Menene Gras Balaguer é crítica de arte e comisaria de exposicións. Doutora en Filosofía e Letras pola Universidade de Barcelona, foi directora de Cultura e Exposicións de Casa América de Catalunya e profesora de Estética da Universidade de Barcelona, Elisava e a Universidade Pompeu Fabra. Correspondente de Artforum  (Nova York) en Barcelona durante 12 anos, actualmente dirixe o Departamento de Cultura e Exposicións de Casa Asia, consorcio formado polo Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, a Generalitat de Catalunya e os Concellos de Barcelona e Madrid. A súa exposición Languages and Aesthetics of Spanish Vídeo Art: Ten Years of Critical Practices recibiu o premio da Asociación Catalá de Críticos de Arte (ACCA) en 2015 polo seu labor de promoción da arte catalá no estranxeiro.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal