Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
TALLERES DE LECER 2016

5-29 xullo 2016

TALLERES DE LECER 2016

Como cada ano, o CGAC presenta unha oferta de talleres para nenos e nenas durante o verán, que se desenvolverán, nesta ocasión, ao longo do mes de xullo. Con eles convidamos os pequenos a participaren en diversas experiencias artísticas en relación coa artecontemporánea.
Ao longo de catro días, os asistentes reflexionarán sobre a importancia da reciclaxe fabricando instrumentos musicais electrónicos a partir de materiais de residuos tecnolóxicos ou elaborando cabezudos utilizando técnicas gráficas; sobre como crearunha colección; e sobre a linguaxe cinematográfica, elaborando un guión para unha curtametraxe de cinema fantástico.

Folleto da actividade


Taller de cabezudos Cabeza, cabeciña, cabezudo
Dirixido por Misha Bies Golas
Para nenos e nenas de 4 a 6 anos
Do 5 ao 8 de xullo / 11:00-13:00 h / 15 prazas

Os cabezudos, as máscaras e os monicreques foron e seguen a ser un tema elixido por moitos artistas de diversas épocas como Rodchenko, Bárbara Stepanova, Miró, Paul Klee, Picasso, Sophie Taeuber-Arp, Joaquín Torres García ou Laxeiro.
Seguindo esta liña de traballo, o artista Misha Bies Golas, que participa na exposición do CGAC Reler a colección. Ensaio visual, propón un taller de cabezudos no que o uso de diversas técnicas gráficas servirá como punto de partida para a elaboración dunha serie de autorretratos. Os pequenos e pequenas que participen na actividade empregarán técnicas e ferramentas recorrentes na produción deste artista como a colaxe, o estampado ou a fotocopia. Crearán con material de refugallo e deseñarán as súas pezas de cabeza a partir de tipografías, figuras xeométricas ecampos de cor.



Taller de guión BOOO! O CGAC arrepiante. Profesionais do medo. Escritura pavorosa

Dirixido por Javier Trigales
Para nenos e nenas de 12 a 14 anos
Do 12 ao 15 de xullo / 11:00-13:00 h / 20 prazas

O cinema fantástico e de terror é un dos xéneros máis libres e creativos da sétima arte. Neste taller, a través de escenas de películas, series, debuxos animados e curtas, aprenderemos os rudimentos dun guión: a súa linguaxe, estrutura, personaxes, diálogos, actos e finais. Todo coa finalidade de identificar que converte unha imaxe en arrepiante e crear entre todos un guión de curtametraxe.



Taller de instrumentos musicais Círculo tecnolóxico
Dirixido por Mateo Mena
Para nenos e nenas de 7 a 9 anos
Do 19 ao 22 de xullo / 11:00-13:00 h / 20 prazas

Círculo tecnolóxico é un proxecto situado na intersección entre a arte, a ciencia e a reciclaxe. Transformaremos os materiais que compoñen diversos residuos tecnolóxicos en imaxinativos e innovadores instrumentos musicais electrónicos. Traballando áreas específicas como a creatividade, a educación ambiental ou a imaxinación, nun ambiente de experimentación colectiva que combina arte e ciencia a partes iguais.



Taller de coleccionismo Coleccionar polos dedos
Dirixido por Celso Fernández Sanmartín
Para nenos e nenas de 10 a 12 anos
Do 26 ao 29 de xullo / 11:00-13:00 / 20 prazas

Quen non fixo algunha vez unha colección? Unha colección mercada: de cromos, libros de aventuras, superheroes ou animais en miniatura... ou unha colección sen mercar, xuntando materiais cun senso ou algo en común: chapas de botellas, selos, flores do campo, area das praias, cunchas, latas, pedras...
Neste obradoiro imos explorar os motivos que nos damos para coleccionar, xa que o criterio pode revelar os nosos modos de ser. Analizaremos diferentes conceptos asociados á colección como a seriación, a repetición, a competición, a idea de principio e fin, o gusto por amosar e compartir, a elección estética, o contido ou o simbólico.
Tamén os grupos de traballo son unha colección de persoas interesadas por un mesmo tema. Entre todos buscaremos un obxectivo común e faremos a nosa colección. Investigaremos o CGAC e os arredores á procura dunha colección de... palabras? Obxectos? Lembranzas? Imaxes? Todo é coleccionable e coleccionando apréndese.




INSCRICIÓN: Todos os talleres son de balde.
As solicitudes de inscrición poderán presentarse a partir do mércores 22 de xuño a través dos enderezos electrónios cgac.educacion@xunta.gal e cgac.pedagogia@xunta.gal. As solicitudes deberán indicar os seguintes datos: nome completo e idade da persoa ou persoas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico e título do taller no que desexan inscribirse.
Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. Cada unha das persoas solicitantes recibirá un correo electrónico de confirmación no que se lle indicará cal é o estado da súa solicitude.

COORDINACIÓN
: Gema Baños, Virginia Villar

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal