Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado 

Durante o nadal, o CGAC permanecerá pechado os seguintes días:
24 e 25 de decembro
1 e 6 de xaneiro






Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
FILOCAFÉ

4 setembro 2016 - 4 xuño 2017

FILOCAFÉ

HORARIO: de 18.30 h a 20 h.

Comezamos o curso académico cunha nova edición do Filocafé no CGAC. O primeiro domingo de cada mes ás 18:30, desde setembro ata xuño (agás nos meses de decembro e xaneiro), o CGAC organiza un filocafé na súa cantina. Os filocafés son conversas públicas cun enfoque filosófico nas que poden participar todas as persoas interesadas en intercambiar inquietudes ou puntos de vista desde calquera disciplina ou nivel de coñecemento.
As sesións estarán dirixidas por profesionais de diversas disciplinas como María Meijide (artista), Carlos Santiago (dramaturgo, escritor e músico), Camilo Franco (xornalista, escritor, crítico teatral), María do Cebreiro (poeta, teórica da literatura), Suso Fandiño (artista plástico), María José de Castro López (médico pediatra, investigadora e especialista en enfermidades raras), Fermín Blanco (arquitecto) e Celso Fernández Sanmartín (poeta, contador de historias e filósofo).
Unha vez ao mes, unha obra de arte sairá dos almacéns do museo para acompañarnos no debate e dialogar como uncontertulio máis mentres degustamos un café. A peza elixida empregarase como punto de partida para a conversa. Pero non se vai falar de arte, ou non só de arte, senón de calquera tema que suxira a obra nun nivel conceptual, formal ou anecdótico. Poderase falar de ciencia, gastronomía, política, música, filosofía, cine, estética, actualidade..., asuntos mundanos ou elevados, de xeito que todas as persoas que o desexen poidan opinar e achegar as súas reflexións sobre os temas que vaianxurdindo de maneira espontánea.


PROGRAMA
4 de setembro. María Meijide
2 de outubro. Carlos Santiago
6 de novembro. Camilo Franco
5 de febreiro. María do Cebreiro
5 de marzo. Suso Fandiño
2 de abril. María José de Castro López
7 de maio. Fermín Blanco
4 de xuño. Celso Fernández Sanmartín

Folleto da actividade


María Meijide (Santiago de Compostela, 1978)
É artista plástica. Licenciada en Belas Artes na especialidade de Pintura pola Universidade de Sevilla e máster en pintura pola Universidade de Belas Artes de Lisboa, cunha tesiña titulada “Intimidades próprias e alheias”. A súa produción artística é fundamentalmente pintura figurativa de base realista e rastro autobiográfico organizada, no tocante ás metodoloxías, en dous momentos: produción de taller, á que pertencen exposicións como Do amor e outras desordens, (Arte Periférica, CCB, Lisboa, 2012), Lisboa e outros assuntos de cama (COAG, Compostela, 2011) o Asuntos de andar por casa y otras intimidades (2000vacas arte, Ponferrada, 2008), e produción dinámica, en itinerancia, onde se sitúan proxectos arredor da idea da viaxe como De Kuala Lumpur a Beijing, cuaderno de viajes asiático presentado en el CGAC (Compostela, decembro de 2015), Mapa emocional de Compostela (Fundación Granell, 2014), Proyecto Zacatecas (México, 2007), Cacheiras-Dakar (Compostela, 2005), etc. Toda esta traxectoria inclúe ademais dun par de bolsas de ámbito internacional (en México, 2007, e Lisboa, 2013) e dalgúns premios estatais, un continuo de exposicións en cidades como Arlés, Milán, Zacatecas (México), Bruxelas, O Porto,Madrid, Lisboa ou Marsella.

Carlos Santiago (Santiago de Compostela, 1966)
É un dramaturgo, escritor e artista vinculado á xeración de activistas culturais que xurdiran arredor da Sala Nasa nos anos noventa. Desenvolve a súa actividade entre Galiza e Portugal en diversos campos, como a crítica da cultura, a música, a poesía ouo teatro.
Foi membro das bandas de rock Nicho Varullo (1989-1996) e Psicofónica (1998-2005), e da compañía de teatro Chévere (1992-1997). Ten colaborado como dramaturgo e director escénico con numerosas compañías teatrais galegas e portuguesas. En 2008 crea un selo teatral, Teatro Biodegradável de Ohio, para desenvolver proxectos escénicos propios, e participa en diversos proxectos de teatro comunitario. Monologuista consumado, o seu traballo está fortementecomprometido cunha visión satírica da realidade. O xogo entre
o real e o ficticio e o seu fondo político e filosófico é a cernada súa poética.
 
Camilo Franco
(Ourense, 1963)
É escritor e xornalista. Combina a información coa crítica cultural e teatral. É autor dos libros A lúa no cénit e outros textos (1988), Ribadavia (1993), En malos pasos (1995), “Chuvia tralos cristais” en Narradores de cine (1996), do que foi coordinador, Por conto alleo (2003) e Palabras contadas (Xerais, 2006). No espazo electrónico Vieiros, publicou as series de narracións: Por conto alleo (1999) e Necesariamente X. A razón máis quente (2001). Palabras contadas deu pé á exposición homónima na Fundación Luís Seoane, organizada no marco de Proxecto-Edición 2006 e mais a un espectáculo de spoken word co que percorreu a xeografía galega durante dous anos en compañía de Magín Blanco. É o autor do primeiro folletín en Facebook, Balada triste de moqueta, e coautor da historia colaborativa Matar un conselleiro despois de preguntarlle á xente: “Queres ser un personaxe de novela?”. Coguionista da miniserie Códice (Ficción Producións) e autor dos documentais para television, Códice: 800 anos e un roubo e A Galicia do Hospital Real. camilofranco.eu

María do Cebreiro
(Santiago de Compostela, 1976)
É escritora e profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de Santiago de Compostela. Publicou os libros de poemas O estadio do espello (1999); (nós, as inadaptadas) (2001); Non queres que o poema te coñeza (2004); Os hemisferios (2006); Objetos perdidos (2007), antoloxía da súa obra en versión galego-castelá; Cuarto de outono (2008); Non son de aquí (2009), traducido ao inglés como I Am Not from Here por Shearsman Books (2011), Os inocentes (2014) e O deserto (2015). É autora da versión en galego da obra Tres vidas (2006), de Gertrude Stein, e das monografías e edicións Damas negras (2001); As
antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña. Representación poética e ficción lóxica
(2004), premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica; As terceiras mulleres (2005); Manual de Teoría de la Literatura (2006), en coautoría con Fernando Cabo Aseguinolaza; Te seguirá mi canción del alma (2008), en coautoría con Yolanda Novo Villaverde; Fogar impronunciable. Poesía e pantasma (2011) e Canon y subversión. La obra narrativa de Rosalía de Castro (2012), en coedición con Helena González.

Suso Fandiño (Santiago de Compostela, 1971)
É doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Nos últimos anos, tivo exposicións individuais como La letra con sangre entra, na sala PALEXCO da Coruña, Space for Creative Works do Islington Mile en Birminghan ou Little Shepherd's
Stories
, na galería Adhoc de Vigo, e participou en mostras colectivas como Col., no CGAC; The Syndrome of the Eternal Traveller, en Edimburgo; ou Skywards. Space Artsandlabour, en Londres. Exhibiu a súa obra en espazos coma o Anexo do MARCO de Vigo ou a Zona C de Santiago de Compostela, o Goethe Institut de Frankfurt, a Fundación Barrié de la Maza na Coruña ou a Feira Internacional de Arte Contemporáneo ARCO en Madrid. A súa obra está incluída en coleccións como a da Fundación Pedro Barrié de la Maza, a Colección Fundación Coca-Cola España, a Colección ABANCA e a Colección CGAC.

María José de Castro López (Ourense, 1984)
É pediatra con formación e devoción polos coidados intensivos. Exerce como especialista e investigadora en enfermidades raras (ou orfas). Isto último permítelle viaxar por diferentes países e coordinar equipos de traballo multidisciplinares e multiculturais. Actualmente coordina tres ensaios clínicos de fármacos experimentais, dous con terapia xénica, en fase I-II (na que se salta do animal ao humano).
Gañadora no 2015 dun dos premios de Diario Médico ás ideas máis brillantes do ano por suxerir que a vacina da tuberculose ten efectos heterólogos (alén daqueles para os que foi inicialmente concibida) adestrando o noso sistema inmune, tras aplicar as observacións realizadas en África a España nun experimento de selección natural (primeiro estudo europeo neste sentido).
Interésalle desenvolver a idea de pensamento intuitivo en medicina da mesma maneira que existe na arte (valorar o gut feeling ou “presentimento” no diagnóstico). Tamén lle gustaría aplicar unha teoría do caos á medicina, como existe en física ou en historiografía, para someter o noso discurso á crítica (tan incómoda como beneficiosa) que sofren desde hai anos as humanidades.

Fermín Blanco (La Pola, Asturias, 1977)
É doutor arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid e arquitecto por la ETSAVA. A súa traxectoria profesional está impregnada polo carácter educativo e divulgativo dos seus proxectos sempre nun ámbito híbrido entre disciplinas. Desde o curso 2011 é profesor de “Construction Systems” na IE University. Comeza a súa experiencia profesional co arquitecto Manuel Gallego (2003-2006) e a partir de 2006 exerce a
profesión desde o seu propio estudio de arquitectura na Coruña.
Durante estes anos realizou exposicións, impartiu cursos e conferencias relacionados coa arquitectura, o deseño e a didáctica por gran parte da xeografía nacional e internacional: colexios de arquitectos de Madrid, Barcelona, Asturias, Galicia ou Cádiz; museos e institucións culturais como Medialab-Prado, Patio Herreriano, MUSAC, Fundación Luís Seoane ou CGAC; universidades como a Universidad Politécnica de Madrid ou a Escola Técnica Superior de Arquitectura del Vallès da UPC en Barcelona; e congresos como o internacional de Enxeñaría en Bangalore, India.
En 2008 patenta o Sistema LUPO, un sistema modular con fins didácticos que se industrializa en diferentes versións e serve como banco de experimentación do estudio. A súa tese de doutoramento Los huesos de Fisac: la búsqueda de la pieza ideal recibiu o primeiro premio na VII Bienal Arquia/tesis 2010/11 e marcou o inicio dunha serie de proxectos de carácter divulgativo sobre a transferencia do coñecemento desde a técnica e a arte á sociedade. www.ferminblanco.com / www.sistemalupo.com

Celso Fernández Sanmartín

“Dinme na casa que nacín un día de setembro de 1969 en Lalín, e os papeis así o oficializan, a partir de aí, teño a meu avó ensinándome a poñer a horta, a miña avoa temperando brasas na palma da man…; a primeira experiencia escolar, dura; a universitaria en Santiago coa filosofía, frutífera, imantada coas artes plásticas e a antropoloxía; coa poesía, inabarcable; a experiencia laboral como animador de persoas maiores nunha residencia, moi intensa, e como sempre fun amante do storytelling, agora son contador e todo o demais”.

COORDINACIÓN: Virginia Villar


Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal