Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
XORNADAS DE INVESTIGACIÓN COMPARTIDA CON EVA LOOTZ. WOLFRAMIO.

22- 25 novembro 2016

XORNADAS DE INVESTIGACIÓN COMPARTIDA CON EVA LOOTZ. WOLFRAMIO.

Wolframio é un proxecto en curso iniciado por Eva Lootz con motivo da exposición  Cut Through the Fog. Trátase dun traballo de investigación que indaga no papel das minas de volframio en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial, así como nas repercusións que a extracción dese metal tivo no tecido social galego.

Aínda que inicialmente concibido en solitario pola artista, en realidade Wolframio está pensado para desembocar nun proxecto colectivo que contribúa a diminuír a brecha existente entre o corpo social e a institución arte. Non en van, Eva Lootz concibe a cultura en xeral e a arte en particular como dispositivos para revitalizar o pensamento crítico e mobilizar as democracias estancadas.

A finais dos anos trinta, Galicia converteuse no principal provedor de volframio da Alemaña nazi, materia prima que os alemáns precisaban para endurecer o aceiro dos seus tanques e proxectís. Este feito desencadeou a moitas veces mencionada —pero nunca de todo esclarecida— “guerra do volframio”. Coincidindo co final da Guerra Civil e ante a escaseza de forza de traballo nas minas, durante este período destináronse continxentes de presos políticos aos labores extractivos.Este episodio, aínda hoxe reprimido na conciencia xeral, marcou a vida de miles de persoas e está na orixe de grandes fortunas. O seu interese non radica apenas no seu aspecto de novela negra, senón no feito de que constitúe un exemplo, explícito e relativamente próximo, do limbo en que se consegue manter a relación intrínseca das materias estratéxicas coa violencia e os intereses do poder.

As preguntas ás que o proxecto Wolframio pretende dar resposta son as seguintes:
Cales son as minas de volframio que existen en Galicia e onde se sitúan?
Cantos homes, cantas mulleres e cantos nenos traballaron nesas minas entre 1939 e 1955?
Que cantidade de volframio se extraeu das minas galegas e se enviou a Alemaña?
Como influíu a minería do volframio no PIB da poboación galega e que incidencia tivo na emigración?
Quen foron os máximos beneficiarios do tráfico do volframio?

Ata a data a única pregunta para a que se encontrou unha resposta satisfactoria é a xeográfica.Ao longo das distintas sesións, contaremos coa participación de varias persoas cuxas vidas están dalgún modo vinculadas ao episodio obxecto desta investigación. Todas elas comparten coa artista a convicción de que vale a pena esclarecer o sucedido, xa que, en palabras de Eva Lootz, “non disipar a néboa que aniña sobre feridas mal curadas paraliza as iniciativas do presente”.

Folleto da actividade


Eva Lootz (Viena, Austria, 1940)
É unha artista radicada en España desde 1968 cuxa obra se caracteriza pola utilización de rexistros heteroxéneos (escultura, fotografía, cine, instalacións e intervencións sonoras) e un marcado interese pola interacción entre materia e linguaxe.
En 1994 obtivo o Premio Nacional de Artes Plásticas; en 2009, o Premio Tomás Francisco Prieto da Real Casa da Moeda; en 2010, o Premio MAV de Mulleres nas Artes Visuais; e en 2013, o Premio da Fundación Arte y Mecenazgo.
Entre as súas exposicións cabe destacar: Noche, decían (Barcelona, 1987), A Farewell to Isaac Newton (Londres, 1994), La lengua de los pájaros (Palacio de Cristal do Retiro, MNCARS, Madrid, 2002), A la izquierda del padre (Casa da Moeda, Madrid, 2010) e La canción de la tierra (Tabacalera, Madrid, 2016).


DESTINATARIOS: Ao tratarse dunhas xornadas de investigación interdisciplinaria a convocatoria está aberta a calquera persoa adulta con interese no tema e, en particular, a persoas con formación en campos como a arte , a historia , a xeoloxía, a socioloxía e a antropoloxía.

PRAZAS: mínimo 5 / máximo 20

MATRÍCULA: 10 €

INSCRICIÓN:
As persoas interesadas poden inscribirse enviando unha mensaxe electrónica a cgac.pedagogia@xunta.gal ou chamando ao teléfono 981 546 631. As solicitudes deberán incluír os seguintes datos: nome completo, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.

O prazo para a recepción de inscricións finalizará o luns, 20 de novembro.
O CGAC expediralles un certificado de asistencia e aproveitamento ás persoas que participen no taller.

COORDINACIÓN: Gema Baños
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal