Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
XORNADAS CAMIÑADAS. RURALDECONOLIZADO. XORNADAS CAMIÑADAS

13-14 xaneiro 2017

XORNADAS CAMIÑADAS. RURALDECONOLIZADO. XORNADAS CAMIÑADAS

Xornada 1: CGAC (Santiago de Compostela), 13 xaneiro 2017
Xornada 2: MUSAC (León), 14 xaneiro 2017

Horario: 17-20 h

Ruraldecolonizado
é un proxecto que parte da seguinte cuestión: están a ser os coñecementos xerados dende o medio rural marxinados en favor dos que proveñen das cidades? Mediante a metodoloxía das conversas camiñadas foise tratando de responder a esta pregunta coa axuda de veciños e veciñas de zonas rurais do nordés ibérico. O proxecto baséase no entendemento das devanditas zonas rurais non so como espazos de produción de alimentos e materias primas, senón tamén como espazos produtores de coñecemento, de subxectividades, nos que se deron e seestán a dar poéticas de (re)existencia.

Trátase de amosar os novos relatos que se xeran no medio rural e de propor un reencontro con esoutros tempos, cosmovisións, comunidades, relacións coa natureza, afectos e procesos de resistencia que ocorren nestes espazos non urbanos. A través da práctica artística do camiñar, o proxecto busca detectar e difundir os coñecementos co fin de rescatar estas áreas do seu silencio e escoitar os seus relatos ocultos, contribuíndo así a reivindicar un pluralismo epistémico.

En palabras dos directores do proxecto, Fran Quiroga e Andrea Olmedo Río: “Descolonizar o rural é falar, conversar do ser e o estar nun mundo contemporáneo, é falar desde outras ópticas, desde outras perspectivas, desde outra maneira de vivir e sentir a realidade”.

Ruraldecolonizado é unha investigación experimental concibida como unha constante invitación ao diálogo coas persoas e comunidades coas que se foi atopando. Primeiro ao redor da zona transfronteiriza entre Vinhais en Trásos-Montes (Portugal) e o sur de Galicia, unha área con gran tradición agropecuaria e constantes procesos migratorios. Posteriormente, na Sobarriba (León), unha franxa próxima ao núcleo urbano cuxos habitantes maiormente traballan na cidade.

Máis info

Folleto da actividade


XORNADAS CAMIÑADAS
O obxectivo principal das Xornadas camiñadas é contribuír a detectar e difundir os coñecementos de persoas clave que nos territorios rurais onde estes operan. Onde antes unha forza común parecía sustentar a vida e as súas contornas naturais, o progreso, aos poucos, imponse a saberes e oficios milenarios. Á espera de políticas que o frecuenten, entre a emigración e o envellecemento, paradoxalmente, o medio rural e as complexas experiencias que o ocupan, o mundo rural continúa revelando procesos de resistencia, espazos de invención e experiencias de vida que cuestionan a modernidade e as súas larvadas promesas de benestar.

Máis aló das tradicionais relacións entre produtores e consumidores, existen miradas propias desde o ámbito rural? Son os coñecementos que se xeran neste medio uns saberes de segunda ou subalternos? As formas do estar a ser en territorios non urbanos foron marxinadas polos centros de poder en favor da súa visión hexemónica, ou pódese desde a cidade vivir alleo a estes procesos? Desde a xestión comunal de bens, como ocaso dos baldíos portugueses, aos regadíos ou as redes de apoio mutuo; desde as causas que dan fin a oficios tradicionais como o pastoreo á falta de substitución xeracional e de entendemento entre as diversas maneiras de comprender a aldea, a vila e toda a súa estrutura; desde a perda de autonomía das comunidades locais á vocación de querer habitar onde se nace... Estas e outras cuestións serán as que se aborden nas Xornadas camiñadas.

As Xornadas camiñadas terán lugar en Santiago de Compostela e León. Concíbense como unha invitación a calquera persoa interesada en conversar sobre como a diversidade de coñecementos pode facer fronte a esa colonialidade do saber. A partir dun percorrido por espazos e lugares en ambas as cidades, imaxinaremos e transitaremos conxuntamente por diferentes preguntas, promovendo a creación dun espazo no que compartir como trazar esoutros futuros nos que, fronte ao homoxéneo, se pense desde o diverso, ou fronte á universalidade se poida trazar esa pluriversalidade.


OBXECTIVOS

-Atopar lugares nos que se evidencie un diálogo non hexemónico entre o rural e o urbano.
-Repensar como o medio rural sufriu un proceso de colonialidade ao redor dos seus saberes e formas do estar a ser.
-Habilitar un lugar de encontro e de diálogo.
-Amosar o traballo realizado por Ruraldecolonizado ao longo de 2016.

INSCRICIÓN
As xornadas están dirixidas a calquera persoa interesada na cultura contemporánea. Para participar é necesario inscribirse antes do 9 de xaneiro de 2017 a través do formulario en liña dispoñible na páxina web do MUSAC (http://bit.ly/2f1l3S7).
As 40 prazas dispoñibles adxudicaranse por orde de inscrición. A matrícula é gratuíta. Expedirase un certificado de asistencia ás persoas participantes.


Fran Quiroga
É licenciado en Ciencias Políticas pola USC. Coordina, entre outros proxectos, o CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC. Como investigador publicou en revistas como Teknokultura, Tempos Novos, Encrucijadas, La Descomunal ou Derritaxes. Participou en diversas conferencias en espazos como o Arts Santa Mònica, o Medialab Prado ou o MARCO de Vigo.

Andrea Olmedo Río
É creativa dixital. Máster en Artes Dixitais (2013) e Máster en Documental de Creación pola Universitat Pompeu Fabra. Doctoranda en medios locativos no Departamento de Artes Visuais da Universidade de Évora. Co-coordinadora de Constelaciones.


DIRECCIÓN: Fran Quiroga e Andrea Olmedo Río

COORDINACIÓN CGAC: Gema Baños

Ruraldecolonizado é un proxecto coproducido polo CGAC e o MUSAC a través da convocatoria Laboratorio 987 de axudas á produción cultural.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal