Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
TALLERES DE NADAL 2016

28 decembro 2016 - 4 xaneiro 2017

TALLERES DE NADAL 2016

Este Nadal o CGAC prepárase para acoller dous talleres dirixidos a nenos e nenas de entre 4 e 9 anos arredor das suxestivas exposicións das artistas Eva Lootz e Berta Cáccamo.

Para os máis pequenos, a bailarina-performer Marina Oural deseñou un taller de movemento no que os corpos dos participantes dialogarán, por unha banda, cos espazos envolventes e sensoriais da mostra Cut Through the Fog de Eva Lootz e, por outra banda, coa pintura monumental de Berta Cáccamo na exposición Expansión ensaio.

Os nenos e nenas de 7 a 9 anos traballarán coa educadora Candela Rajal nun taller de experimentación creativa con materiais comúns. Os participantes partirán do interese de Eva Lootz e de Berta Cáccamo pola materia para investigar eles mesmos o comportamento de elementos como a auga, a area, a pedra, a cera... as súas propiedades e as súas posibilidades expresivas.


Taller de danza. A danza da faba máxica
28 e 29 de decembro de 2016
Dirixido por Marina Oural
Idade: 4-6 anos
Horario: 11:00-13:00 h
Prazas: 15

Neste taller de movemento os nenos e nenas experimentarán a través do seu corpo as sensacións que desprenden a natureza e a arte. Poderán sentirse auga, vento, terra, sol... Traballarán a escoita activa, a presenza e a ausencia, a pesadez e a lixeireza, a verticalidade e a horizontalidade, o tacto e o contacto, o intercambio de roles, a cor, a palabra e a poesía. Deixaremos que o corpo fale creando unha peza escénica coa obra de Eva Lootz e de Berta Cáccamo como marco.


Taller de creación. Extrapictóric@s
3 e 4 de xaneiro de 2017
Dirixido por Candela Rajal
Idade: 7-9 anos
Horario: 11:00- 13:00 h
Prazas: 20

Con motivo das exposicións actuais do CGAC neste taller mergullarémonos dentro das infinitas posibilidades da creación artística a través da investigación e experimentación con diferentes materiais. Elementos como o sal, a area, a tea, o acetato, o fío, o feltro ou parafina converteranse nos nosos compañeiros nunha viaxe dende o máis visual ata o máis subxectivo. Poderemos explorar as transformacións e os comportamentos da materia ao intervila nun xogo de acción-reacción, de pregunta e resposta. Cortar, pegar, engadir, quitar, estrullar, dobrar, raiar, esmagar ou bater serán algúns dos recursos que empregaremos par crear.Poñerémonos na pel de investigadores e investigadoras extrapictóricos a través da manipulación, a observación e o coñecemento de diferentes materiais.

 

INSCRICIÓN: A inscrición nos talleres é gratuíta. As solicitudes deberán enviarse a través do correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es. As persoas interesadas deberán indicar os seguintes datos: nome completo e idade dos nenos e/ou nenas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico e nome do taller no que desexan participar. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. Os asistentes deberán traer roupa de abrigo e de choiva ou paraugas para poder saír ao exterior.

Folleto da actividade


COORDINACIÓN: Virginia Villar

 

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal