Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
CONFERENCIA SOBRE ARQUITECTURA AO REDOR DA OBRA DE EVA LOOTZ 'FORM FINDING'. FREI OTTO, UN HOME LIBRE

26 xaneiro 2017

CONFERENCIA SOBRE ARQUITECTURA AO REDOR DA OBRA DE EVA LOOTZ 'FORM FINDING'. FREI OTTO, UN HOME LIBRE

Sala do Padroado, 19 h
Entrada libre e gratuíta

Con motivo da clausura da exposición Cut Through the Fog o CGAC organiza unha charla sobre arquitectura vinculada á obra da artista Eva Lootz. Fermín Blanco emparentará as procuras sobre a forma, o material e os procesos xenerativos dunha artista plástica coa produción dun arquitecto.

Fiel á tradución literal do seu nome, Frei Otto caracterizouse por ser un home libre no exercicio da súa profesión. A súa obra e o seu pensamento manteñen unha coherencia ao longo da súa carreira sempre diluíndo as fronteiras entre disciplinas xa sexa a arquitectura, a bioloxía, a enxeñería ou a socioloxía. Todos estes campos interesáronlle e influíron nel do mesmo xeito que a convulsa realidade histórica que lle tocou vivir nunha Alemaña desfeita e reconstruída, partida e reunificada que lle fixo perder a fe na arquitectura consolidada, pesada e eterna. Da man do pensamento científico emprendeu unha interminable procura de solucións cheas de enxeño e eficiencia, en pos dun ideal de arquitectura lixeira, adaptable e efémera.

Na súa conferencia Fermín Blanco proponnos un achegamento retrospectivo ás investigacións desenvolvidas por Frei Otto a través do Institut für leichte Flächentragwerke (Instituto de Estruturas Lixeiras) da Universidade de Stüttgart  relacionándoo co interese de Eva Lootz polo comportamento, as propiedades e as posibilidades expresivas dos materiais. Arte, ciencia e tecnoloxía unidos por un fío argumental que nos achegará ao pensamento dos seus impulsores.

Folleto da actividade

Audio da conferencia [castelán] (Fermín Blanco, 26 de xaneiro de 2017)

 

Fermín Blanco é doutor arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid e arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Valladolid. A súa traxectoria profesional está impregnada polo carácter educativo e divulgativo dos seus proxectos sempre nun ámbito híbrido entre disciplinas. Desde o curso 2011 é profesor de Construction Systems na IE University.

Comeza a súa andaina profesional co arquitecto Manuel Gallego (2003-2006) e a partir de 2006 exerce a profesión desde o seu propio estudio de arquitectura na Coruña. Durante estes anos realizou exposicións, impartiu cursos e conferencias relacionados coa arquitectura, o deseño e a didáctica por gran parte da xeografía nacional e internacional: colexios de arquitectos de Madrid, Barcelona, Asturias, País Vasco, Navarra, Galicia ou Cádiz; museos e institucións culturais como Medialab-Prado, Patio Herreriano, MUSAC, Fundación Luís Seoane, Cerezales ou CGAC; universidades como a Universidade Politécnica de Madrid ou Escola Técnica Superior de Arquitectura do Vallès en Barcelona; e congresos como o internacional de Enxeñaría en Bangalore, India.

En 2008 patentou o Sistema LUPO, un sistema modular con fins didácticos que se industrializa en diferentes versións e serve como banco de experimentación do estudio. Os talleres e didácticas desenvolvidos desde esta multiplataforma forman parte dun proxecto encamiñado a profundar nos cambios educativos e na súa adaptación ao presente.

Máis información: www.ferminblanco.com / www.sistemalupo.com


DIRECCIÓN: Fermín Blanco

COORDINACIÓN: Virginia Villar

 

 

 

 

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal