Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
O CORPO. TALLERES PARA FAMILIAS

18 febreiro - 18 xuño 2017

O CORPO. TALLERES PARA FAMILIAS

O CGAC presenta un novo ciclo de talleres de experimentación artística dirixidos a familias con nenos e nenas de idades comprendidas entre os 4 e os 9 anos. Os pequenos e pequenas poderán descubrir, crear e gozar en familia e achegarse xuntos ao fascinante universo da arte contemporánea. Nesta nova edición de Talleres para familas traballaremos a relación que existe entre o corpo e arte contemporánea. Coñeceremos as miradas de cinco artistas arredor do corpo. O corpo como modelo, como materia, como lenzo, como sombra, como ferramenta, como pegada... Analizaremos ademais os roles que asumimos e o modo de actuar dunha sociedade globalizada que parece obsesionada por seguir canons estéticos vinculados ao corpo sen se deter a descubrir o máis extraordinariodas persoas: as súas diferenzas.

Folleto da actividade


XOGO DE ROL. CINDY SHERMAN. 18 e 19 de febreiro
Sábado 18, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 19, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: Do 6 ao 17 de febreiro
Cindy Sherman explora e interpreta diversas identidades no seu traballo. Travístese e transfórmase en mil mulleres diferentes: do mundo do cine, da moda, da historia, da arte, da rúa… Asume múltiples roles sendo ela mesma autora, protagonista, maquilladora, estilista, fotógrafa e modelo. O seu rostro, o seu corpo e a súa personalidade desaparece tras diversosestereotipos e personaxes. Coma ela crearemos a partir do disfrace, da mascarada, xogando e creando diversos álter ego.


REALIDADES. GEORGE SEGAL. 18 e 19 de marzo
Sábado 18, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 19, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 6 ao 17 de marzo
Os personaxes da obra de George Segal preséntanse como esculturas de tamaño natural que a miúdo aparecen en ambientes cotiáns rodeadas de obxectos comúns: nunha parada de autobús, nun semáforo, nunha cadeira... Neste taller intentaremos situar os nosos corpos nas nosas realidades recreadas. Repararemos no noso camiñar, expresións, posturas, respiración... Farémonos conscientes da nosa relación cos obxectos que nos rodean e de como reproducimos as mesmas accións día tras día coma rituais. Moldearemos os nosos corpos coma se fósemos barro ou plastilina ata atrapar un instante.

COMA UN PINCEL. JANINE ANTONI. 22 e 23 de abril
Sábado 22, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 23, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 10 ao 21 de abril
Janine Antoni transforma actividades cotiás como comer, dormir, bañarse, lavar ou limpar en modos de facer arte. Emprega como principal ferramenta diferentes partes do seu corpo para realizar as súas obras: os seus dentes, a súa boca, o seu pelo, a súa lingua... Durante o taller converteremos o noso corpo nunha ferramenta para a acción e a creación. Todas as persoas deixamos unha pegada no mundo, así que podemos decidir como facelo.

AQUÍ E AGORA. MARINA ABRAMOVIC
. 20 e 21 de maio
Sábado 20, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 21, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 8 ao 19 de maio
Marina Abramovic traballa co seu corpo. Na súa obra pon a proba os seus límites físicos e mentais e asemade implica e explora ao espectador nas súas accións. Converte as súas pezas artísticas en experiencias compartidas co público en tempo real. Neste taller empregaremos o noso corpo como materia prima para provocar e para crear. Tal como ocorre na traxectoria de Abramovic pasaremos da acción á pura presenza. Tócanos experimentar coa forma viva da arte: a performance.

CONTANDO HISTORIAS. KARA WALKER. 17 e 18 de xuño
Sábado 17, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 18, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: Do 5 ao 16 de xuño
Coas súas siluetas negras recortadas e proxeccións con lanternas máxicas, Kara Walker explora diversas cuestións da nosa sociedade como a identidade, o xénero ou a raza. Moitos dos contos e historias que hoxe en día coñecemos chegaron a nós trasmitidos por vía oral. Nesta sesión trataremos de narrar as nosas propias historias, anécdotas e experiencias e de escenificalas proxectando os nosos corpos e deixando que eles nos conten.


Rebeca Mariño Souto, graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e Técnica Superior en Animación Sociocultural, traballou nos departamentos de educación do CGAC e AFundación, e segue a colaborar activamente con diferentes institucións culturais realizando talleres educativos dirixidos ao público infantil e familiar. Actualmente está a completar a súa formación como Experta en Xestión Cultural.

Clara Rodríguez Márquez, licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista en intervención multidisciplinar na diversidade de contextos educativos pola Universidade de Vigo. Os seus traballos no MARCO, Verbum ou CGAC reportáronlle unha ampla experiencia en pedagoxía museística. Na súa traxectoria profesional destacan proxectos educativos artísticos que atenden á equidade e ás persoas con necesidades específicas de apoio educativo, como o programa educativo de participación sociocultural dirixido a ersoas con autismo e altas capacidades desenvolvido no CGAC. Nestes últimos seis anos o seu esforzo e dedicación gozosa centrouse nun proxecto persoal de educación e creatividade en Acume Didáctica en Vigo.


INSCRICIÓN: Os talleres son gratuítos e para participar é necesario escribir —nos prazos establecidos— a cgac.educacion@xunta.es indicando o título da actividade na que desexan inscribirse, os nomes dos participantes, as súas idades, un teléfono de contacto e un correo electrónico. Só serán admitidas as persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá un correo electrónico de confirmación.

PRAZAS: 10 nenos/nenas acompañados cada un por 2 familiares máximo en cada taller

DIRECCIÓN: Rebeca Mariño e Clara Rodríguez

COORDINACIÓN: Virginia Villar

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal