Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook twitter Youtube rss
A NOVA VIDA DAS IMAXES: FOUND FOOTAGE. TALLER DE CREACIÓN AUDIOVISUAL

11-14 xullo 2017

A NOVA VIDA DAS IMAXES: FOUND FOOTAGE. TALLER DE CREACIÓN AUDIOVISUAL

Con motivo da exposición Bañistas, ensaio visual de fotografía anónima atopada na que o comisario Xosé Manuel Buxán Bran recupera material fotográfico abandonado, o CGAC programa, no marco dos Talleres de Lecer, un taller de found footage dirixido por Javier Trigales.
Nun presente no que o fluxo de imaxes se converteu en bombardeo atroz, cando xa todo foi mostrado é un acto necesario de ecoloxía repensar e reutilizar as imaxes existentes, achegando luz ao magma informe legado polo cine e a televisión e creandonovos discursos e asociacións.
Na actualidade, unha serie de nomes tanto nacionais como internacionais manteñen este subxénero máis vivo que nunca e convérteno nunha das ramas máis frutíferas e apaixonantes da videoarte e o cine experimental. Neste taller analizaremos o pasado e o presente da reciclaxe de imaxes e construiremos anosa propia peza de found footage.

O principal obxectivo deste taller de lecer é aprender a linguaxe audiovisual do found footage e do cine experimental e de creación. Ao longo de catro xornadas identificaremos asferramentas que utilizan os directores e valoraremos a importancia e a transcendencia das obras analizadas, trataremos de comprender mellor unha parte clave do cine experimental e a evolución que sufriu ao longo destes anos ao tempo que fomentamos a creatividade e as capacidades artísticas dos asistentes para que busquen unha voz propiadentro da linguaxe audiovisual.
Con este fin estudaremos a evolución histórica e as diferentes técnicas de reapropiación da imaxe a través de exemplos audiovisuais: planos, secuencias e curtametraxes das figuras máis importantes do found footage. Ademais utilizaremos imaxes de arquivo para traballar de forma práctica nunha peza audiovisual propia.



Folleto da actividade

Horario: de 11:00 a 13:00 h



PROGRAMA

Martes, 11 de xullo: Prehistoria da apropiación da imaxe
Os grandes nomes: Bruce Conner, Ken Jacobs, Chris Marker e outros. Entrega de imaxes de arquivo para traballar na aula.

Mércores, 12 de xullo: Do artefacto pop ao estruturalismo e o terror cósmico
Jeff Keen, Hollis Frampton, Peter Tscherkassky e outros. Traballo sobre as imaxes de arquivo para realizar unha peza audiovisual.

Xoves, 13 de xullo: Reapropiación e revolución. O found footage como relectura sociopolítica e arma revolucionaria
Harun Farocki, Barbara Hammer, Santiago Álvarez e outros. Traballo sobre as imaxes de arquivo para realizar unha peza audiovisual.

Venres, 14 de xullo: Pasado e presente da metraxe encontrada en España
Iván Zulueta, María Cañas, Xurxo Chirro e outros. Supervisión e finalización das pezas de found footage realizadas por cada unha das persoas asistentes ao curso.



Javier Trigales

Guionista e xestor cultural. Traballou durante varios anos en programas punteiros de televisión como El intermedio e Sé lo que hicisteis. Na actualidade desenvolve o labor de programador e comisario de actividades audiovisuais para museos e festivais. Tamén escribe críticas cinematográficas para numerosos medios e publicou unha decena de libros colectivos. É autor do guión da longametraxe Viejos, gañador do premio ao mellor proxecto internacional no Festival de Sitges 2016, e forma parte da xuntadirectiva da Asociación Galega de Guionistas.



DESTINATARIOS: Estudantes e profesores de Comunicación Audiovisual, alumnos de Belas Artes, Ciencias da Comunicación, Historia da Arte e calquera persoa interesada na arte audiovisual. Para poder asistir ao taller as persoas participantes deberán dispoñer dun ordenador portátil cun programa de edición de vídeo (Adobe Premiere, Final Cut, Windows Movie Maker…).

INSCRICIÓN: A matrícula é gratuíta. Para inscribirse é necesario enviar un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal indicando nome completo, idade, formación ou área de interese, número de teléfono e correo electrónico de contacto.

PRAZO DE INSCRICIÓN: do 15 de maio ao 10 de xullo

COORDINACIÓN: Virginia Villar



Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal