Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
SEMANA DOS MUSEOS. MUSEOS E HISTORIAS CONTROVERTIDAS: DICIR O INDICIBLE NOS MUSEOS

16-21 maio 2017

SEMANA DOS MUSEOS. MUSEOS E HISTORIAS CONTROVERTIDAS: DICIR O INDICIBLE NOS MUSEOS

Coa finalidade de sensibilizar o público respecto do papel que lles corresponde aos museos no desenvolvemento da sociedade, o 18 de maio celebramos o Día Internacional dos Museos. Desde 1992, o Consello Internacional de Museos (ICOM) propón un lema anual arredor do cal se reúnen todos os membros da comunidade museística internacional, calquera que sexa a súa natureza. O tema proposto para o ano 2017 é Museos e historias controvertidas: diciro indicible nos museos.

Con este motivo o CGAC programa unha semana chea de actividades dirixidas a todos os públicos: a exposición da obra El final, aquí (2003-2008), do artista Jorge Barbi, cuxa temática está vinculada ao lema proposto polo ICOM; visitas guiadas ás exposicións, visitas guiadas á arquitectura e á historia do CGAC, talleres para familias e un concerto de Vertixe Sonora Ensemble.


Folleto da actividade

Folleto común DIM 17


EXPOSICIÓN EL FINAL, AQUÍ (2003-2008). JORGE BARBI
Do martes 16 ao domingo 21 de maio, de 11:00 a 20:00 h

O CGAC rescata dos fondos da súa colección unha peza do artista galego Jorge Barbi, que retrata lugares aparentemente comúns pero cunha gran carga histórica e dramática soterrada. Un proxecto que recolle fotografías realizadas polo artista ao redor das súas investigacións sobre a memoria histórica. Entre 2003 e 2007 Jorge Barbi reúne datos precisos de lugares de fusilamentos en zonas rurais. Paisaxes que evocan lugares que adoitan pasar desapercibidos. Segundo o autor son “…lugares comúns onde aparentemente nunca aconteceu nada, ata que a memoria invisible que encerran os carga de singularidade… Nestas fotografías o punto de vista da cámara está situado no lugar onde caeron os paseados. Non é posible reproducir o que estas persoas viron por derradeira vez, se é que nesa tráxica circunstancia se pode ver outra cousa que os propios pensamentos, mais estes son os lugares que outros elixiron para o seu final; nós si que os vemos e neles a súa última mirada”.



VISITAS GUIADAS Á ARQUITECTURA E Á HISTORIA DO CGAC
Mércores 17 e xoves 18 de maio, ás 12:00 h e ás 18:00 h

Durante o percorrido destas visitas falarase do deseño do edificio que alberga o Centro Galego de Arte Contemporánea, proxectado e construído entre 1988 e 1993 polo arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira, e da súa estreita relación formal e conceptual co parque de Bonaval e coa cidade de Santiago de Compostela.
Durante estas visitas especiais, que ofreceremos os días 17 e 18 de maio co gallo do Día Internacional dos Museos, faremos un repaso tanto da historia do CGAC coma das súas claves arquitectónicas, transitando desde o pórtico exterior ata a cuberta do edificio.
Para participar nesta actividade non se precisa inscrición previa. As visitas partirán da recepción do CGAC ás 12:00 h e ás 18:00 horas. O grupo formarase por orde de chegada ata un máximo de 25 persoas. As visitas terán unha duración aproximada de 50 minutos.



CONCERTO DO CICLO MÚSICA E ARTE. CORRESPONDENCIAS SONORAS
Venres 19 de maio, ás 19:00 h
Sala de exposición Criterios interpretativos (planta baixa)

Todos os anos na semana dos museos presentamos a nova edición do ciclo Música e arte. Correspondencias sonoras no que, baixo o comisariado de Vertixe Sonora, compositores internacionais creanpezas musicais a partir das exposicións do CGAC.
Nesta ocasión, presentamos a estrea en España da nova obra do compositor galego Ramón Souto Catálogos de sopro, respiración e asubío (ciclo Outra historia do vento), que estuda de xeito obsesivo e recorrente a difusión do aire. Será interpretada por Vertixe Sonora Ensemble con Pablo Coello, Ailsa Lewin, Nerea Rodríguez e Diego
Ventoso (manipuladores de obxectos).



VISITAS GUIADAS EN FIN DE SEMANA
Sábado 20 de maio, ás 12:00 h

O público poderá achegarse ao CGAC para gozar da mostra [Ex]posicións críticas. Discursos críticos na arte española, 1975-1995 acompañado por unha mediadora especializada en arte. Estas visitas teñen como finalidade estimular o interese pola creación artística contemporánea e facilitar a comunicación entre o espectador e as obras de arte.
Para participar nesta actividade non se precisa inscrición previa. As visitas partirán da recepción do CGAC ás 12:00 h. O grupo formarase por orde de chegada ata un máximo de 25 persoas. As visitas terán unha duración aproximada de 50 minutos.




TALLERES PARA FAMILIAS. O CORPO

Aquí e agora. Marina Abramovic
Sábado 20 de maio, de 11:00 a 13:00 h. Taller dirixido a familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 21 de maio, de 11:00 a 13:00 h. Taller dirixido a familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Esta actividade está deseñada para que os pequenos e pequenas poidan descubrir, crear, gozar e achegarse ao fascinante universo da arte contemporánea xunto coas súas familias.
A artista Marina Abramovic traballa co seu corpo. Na súa obra pon a proba os seus límites físicos e mentais e asemade implica e explora o espectador nas súas accións. Converte as súas pezas artísticas en experiencias compartidas co público en tempo real. Neste taller empregaremos o noso corpo como materia prima para provocar e
para crear. Tal como ocorre na traxectoria de Abramovic, pasaremos da acción á pura presenza. Tócanos experimentar coa forma viva da arte: a performance.
Prazo de inscrición: do 8 ao 19 de maio en cgac.educacion@xunta.gal (indicar nome completo, idade, teléfono e enderezo electrónico).
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal