Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook twitter Youtube rss
TALLERES DE LECER 2017

4-28 xullo 2017

TALLERES DE LECER 2017

Un ano máis o CGAC presenta unha oferta de talleres para o tempo de lecer que se desenvolverán ao longo do mes de xullo. Unha proposta chea de actividades dirixidas ao público de todas as idades co obxectivo de espertar a curiosidade e o interese polo contorno máis inmediato dando renda solta ás súas enerxías creativas.
Este ano centrarémonos especialmente nos procesos de creación a través do audiovisual traballando con tabletas, cámaras de vídeo e material fílmico xa gravado. Namentres, os máis pequenos experimentarán cos materiais, a forma, o volume, o movemento e as cores.

Folleto da actividade


Calder no acuario

Taller de plástica e ensamblaxe
Dirixe: Montse Rego, artista
Do 4 ao 7 de xullo de 2017
Horario: de 11:00 a 12:30 h
Idade: de 4 a 6 anos
Prazas: 15
Traballaremos co volume e o baleiro xogando coas nosas mans e coa nosa imaxinación. En relación coa exposición Bañistas. Found Photography, 1880-1963, neste taller debuxaremos trazos no aire con arame, e daráselles forma a animais, vexetais e elementos mariños. Coas mans, e coa axuda dalgunha pequena ferramenta, modelamos as figuras, que se conforman a partir do espazo delimitado polo metal; dun xeito similar a como un debuxo toma forma sobre o papel grazas á maxia do lapis.
Ademais crearemos volume a partir de formas planas mediante a ensamblaxe, a seriación, etc. Con pezas de cartón coloreado e cortado, con formas xeométricas e orgánicas, os rapaces poden deseñar e construír as súas formas.



A nova vida das imaxes: found footage

Taller de creación audiovisual

Dirixe: Javier Trigales, guionista e xestor cultural
Do 11 ao 14 de xullo de 2017
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Idade: adultos
Prazas: 20  
Neste taller analizaremos o pasado e o presente da reciclaxe de imaxes e construiremos a nosa propia peza de found footage. Ao longo de catro xornadas identificaremos as ferramentas que utilizan os directores deste subxénero cinematográfico e valoraremos a importancia e a transcendencia das obras analizadas. Trataremos de comprender mellor unha parte clave do cine experimental e a evolución que sufriu ao longo destes anos ao tempo que fomentamos a creatividade e as capacidades artísticas dos asistentes para que busquen unha voz propia dentro da linguaxe audiovisual.

Máis info, aquí



Anima iTablet
Taller de animación

Dirixe: Alberto Vázquez e Carina Moreira, educadores e artistas, Asociación Espacio Rojo
Do 18 ao 21 de xullo de 2017
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Idade: de 7 a 9 anos
Prazas: 15
A todos nos gusta usar unha tableta, especialmente á xente nova, pero podemos facelo dunha forma creativa? Neste taller imos explorar e desenvolver a creatividade a través da animación creando pequenas pezas/curtametraxes.
En Anima iTablet darémoslles vida a obxectos e personaxes, desenvolvendo habilidades con axuda da tecnoloxía. Traballando de forma colaborativa, poremos voces, música e editaremos unha historia para crear a nosa pequena grande animación.



O poder do erro (diante e detrás da cámara)
Taller de videocreación

Dirixe: Alejandra Pombo, artista
Do 26 ao 28 de xullo
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Idade: De 10 a 12 anos
Prazas: 15
Neste taller dirixido pola artista Alejandra Pombo realizaremos unha película na que haberá directores que non dirixan e actores que non actúen.
Entenderemos o erro non como unha falta senón como unha oportunidade para poder ir máis aló do imaxinado. Para tal fin, crearase unha situación de rodaxe na que os participantes interactuarán co espazo público percorrendo diferentes recantos do museo. Procuraremos e potenciaremos o encontro co erro, co accidental e co inesperado. Faremos da serendipia un método de traballo e servirémonos das limitacións como motor de arranque para a creación dunha peza de vídeo conxunta.


INSCRICIÓN: Todos os talleres son de balde.
As solicitudes de inscrición poderán presentarse a partir do 13 de xuño a través do enderezo electrónico cgac.pedagogia@xunta.gal e deberán conter os seguintes datos: nome completo e idade da persoa ou persoas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico e título do taller no que desexan inscribirse. Só se admitirán as solicitudes que estean debidamente cumprimentadas.
Para participar nos talleres é imprescindible ter a idade sinalada. Poderase inscribir un máximo de dous participantes por solicitude. O CGAC confirmará mediante un correo electrónico a recepción e o estado das inscricións.

COORDINACIÓN : Gema Baños, Virginia Villar

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal