Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
CINE DE VERÁN AO AIRE LIBRE. FÓRA DE CONTEXTO. CICLO DE CINE TURISTA

5-20 xullo 2017

CINE DE VERÁN AO AIRE LIBRE. FÓRA DE CONTEXTO. CICLO DE CINE TURISTA

Horario: 22.30 h

O CGAC e o Cineclube de Compostela programan unha nova edición do Cine de Verán. Este ano, no cinema ao aire libre, proxectaremos Fóra de contexto. Ciclo de cine turista, dirixido por Cibrán Tenreiro. As noites dos mércores e xoves do mes de xullo a partir das 22:30 h poderemos gozar de seis grandes títulos do cinema internacional que ofrecen unha particular mirada arredor da figura do turista e da viaxe.

“O cinema naceu viaxando. Aos dous anos de presentar o invento, os irmáns Lumière tiñan operadores filmando todos os continentes para un público entusiasmado coa idea de coñecer o mundo sentado nunha sala escura. Co tempo, a experiencia do turista volveuse accesible para o común da xente, e as películas
pasaron de ser fermosas postais de lugares exóticos a contar tamén os relatos desas persoas que abandonaron a casa para situarse fóra de contexto. Ten sentido, xa que o labor do turista e o do cineasta é o mesmo: mirar. Así, estes seis filmes son, por unha parte, a escusa para aforrar cartos e ver Memphis, Mohang, Venecia, as Illas Eolias, as montañas de Xeorxia ou Viena desde o asento. Pero tamén para observar os turistas desde distintas perspectivas. Ás veces os viaxeiros son un elemento que altera o equilibrio previo entre un lugar e os seus habitantes: Deliverance (Defensa) deriva esa tensión cara ao terror para uns arrogantes excursionistas que desafían a natureza da Norteamérica profunda, mentres Da-reun na-ra-e-suh (Noutro país) converte os malentendidos e a estraña liberdade que dá o choque lingüístico nun humor onírico pero lúcido. Noutras ocasións, os turistas poden ser o que non son na súa vida diaria. Viven excitados, abertos á casualidade do romance (como en Before Sunset [Antes do amencer]), ou á imaxinación e ao xogo (como en Caro diario [Querido diario]), pero tamén á decepción de non cumprir as expectativas: Mystery Train opón o mito de Elvis visto desde fóra á misteriosa realidade dun Memphis descoidado, e Katherine Hepburn cruza o Atlántico coa esperanza de que Venecia lle cambie a vida en Summertime (Tolemias de verán). A frustración vén ás veces de quedar na postal, na superficie das cousas, pero a mirada destes cineastas atopa no turismo conflitos profundos, drama e comedia, ata facer que as viaxes paguen a pena”.

Cibrán Tenreiro


Folleto da actividade



PROGRAMA


Mércores, 5 de xullo
Mystery Train

Dirección e guión: Jim Jarmusch
Intérpretes: Masatoshi Nagase, Youki Kudoh, Nicoletta Braschi, Cinqué Lee, Screamin' Jay Hawkins, Elizabeth Bracco, Tom Noonan, Steve Buscemi, TomWaits, Rick Aviles, Joe Strummer
Estados Unidos - Xapón, 1989
Xénero: comedia
Duración: 105 min
Non recomendada para menores de 13 anos

Tres historias suceden en Memphis ao mesmo tempo. En “Lonxe de Yokohama”, unha parella xaponesa chega entusiasmada coa vontade de peregrinar aos lugares emblemáticos da vida de Elvis Presley e as orixes do rock and roll. En “Unha pantasma”, unha muller italiana ten que pasar o día na cidade esperando un avión para repatriar o cadáver do seu marido. En “Perdidos no espazo”, o alcohol leva a tres homes a acabar perseguidos pola lei. Inspirado pola idea de Memphis como icona dunha cultura americana en decadencia, Jim Jarmusch utilizou diferentes puntos de vista para retratar o seu carácter mítico, e contou coa participación de figuras emblemáticas da música como Joe Strummer, Screamin’ Jay Hawkins, Rufus Thomas ou Tom Waits.



Xoves, 6 de xullo
Da-reun na-ra-e-suh (Noutro país)

Dirección e guión: Hong Sang-Soo
Intérpretes: Isabelle Huppert, Yu Jun-Sang, Moon So-Ri, Jung Yu-Mi, Yoon Yeo-Jung, Moon Sung-Geun Corea do Sur, 2012
Xénero: comedia
Duración: 89 min
Para todos os públicos

Isabelle Huppert exerce de turista neste filme de Hong Sang-Soo. Non só dentro del, senón tamén na realidade: o director preguntoulle se quería participar nunha película para a que só tiña decidido o lugar onde filmala, e ao sumarse encantada ao elenco de actores coreanos acabou dándolle forma á película. Huppert interpreta tres variacións sobre a mesma historia.  Unha muller francesa chamada Anne chega á cidade costeira de Mohang e alí recibe a axuda da dona do motel onde se hospeda e a dun socorrista. Hong Sang-Soo retorce os códigos da realidade e fai comedia desde o absurdo da comunicación entre persoas que non falan o mesmo idioma.


Mércores, 12 de xullo
Summertime (Tolemias de verán)
Dirección: David Lean; Guión: David Lean, H. E. Bates (Novela: Arthur Laurents)
Intérpretes: Katharine Hepburn, Rossano Brazzi, Darren McGavin, Jane Rose, Mari Aldon, MacDonald Parke, Gaitano Aveiro, Jeremy Spenser, Isa Miranda
Reino Unido - Estados Unidos, 1955
Xénero: comedia romántica
Duración: 100 min
Para todos os públicos

Unha muller solteira e de mediana idade (Katherine Hepburn) cumpre o seu soño de toda a vida e viaxa a Venecia logo de aforrar durante anos. Ten a esperanza de atopar alí o romance que ata entón a esquivou, e percorre a cidade entre a fascinación pola beleza de cada edificio e a tristeza pola súa propia soidade. Ata que coñece a Renato, un atractivo e galante anticuario... Antes de dirixir as épicas Lawrence de Arabia ou
Doutor Zhivago, David Lean dirixiu esta película que combina de xeito insólito o clasicismo ou os estereotipos do turismo con elementos estrañamente modernos para a época, esquecendo por momentos a narración para deixarse levar pola contemplación e compoñendo con Hepburn un personaxe feminino complexo, forte e vulnerable a un tempo.


Xoves, 13 de xullo
Caro diario (Querido diario)

Dirección e guión: Nanni Moretti
Intérpretes: Nanni Moretti, Renato Carpentieri, Antonio Neiwiller, Jennifer Beals, Moni Ovadia, Carlo Mazzacurati, Valerio Magrelli, Claudia della Seta, Lorenzo Alessandri
Italia, 1993
Xénero: comedia
Duración: 96 min
Para todos os públicos

Nanni Moretti filma tres capítulos do seu diario. No primeiro, “En Vespa”, pasea por unha Roma calorosa e case baleira na súa moto, observando edificios e lugares mentres mestura a realidade coa súa imaxinación e reflexiona sobre o cinema, o urbanismo ou o baile. No segundo, “Illas”, escapa da cidade para visitar a un amigo nas Illas Eolias, pasando por todo o arquipélago á procura da tranquilidade. No terceiro, “Médicos”, relata as súas dificultades para diagnosticar e curar unha enfermidade. Moretti gañou o premio a mellor director en Cannes por esta película na que utiliza a autobiografía como motor dun cinema completamente libre, capaz de conxugar o humor surrealista e a cinefilia co drama das súas experiencias persoais.



Mércores, 19 de xullo
Deliverance (Defensa)

Dirección: John Boorman; Guión: James Dickey (Novela: James Dickey)
Intérpretes: Jon Voight, Burt Reynolds, Ned Beatty, Ronny Cox, James Dickey, Billy McKinney
Estados Unidos, 1972
Xénero: thriller
Duración: 110 min
Para maiores de 18 anos

Catro homes de Atlanta deciden ir de excursión ao norte de Xeorxia para descender polo río Cahulawassee en canoa antes de que o seu fermoso val sexa inundado pola construción dun encoro. Os locais advírtenos de que o seu plan é perigoso, pero eles trátanos con condescendencia e desafían a natureza salvaxe. John Boorman confronta a arrogancia do mundo urbano coas ameazas dun mundo non civilizado, nun esquema replicado en centos de filmes de terror. A tensión testosterónica entre os protagonistas medra conforme a violencia exterior os obriga a tomar decisións drásticas. Jon Voight e Burt Reynolds renunciaron a usar dobres na rodaxe, o que contribuíu a aumentar a forza realista do filme.



Xoves, 20 de xullo
Before Sunrise (Antes do amencer)

Dirección: Richard Linklater; Guión: Richard Linklater, Kim Krizan
Intérpretes: Ethan Hawke, Julie Delpy, Andrea Eckert, Hanno Pöschl, Erni Mangold, Haymon Maria Buttinger Estados Unidos - Austria - Suíza, 1995
Xénero: drama romántico
Duración: 101 min
Para todos os públicos

Jesse, un mozo estadounidense (Ethan Hawke), e Céline, unha moza francesa (Julie Delpy), coñécense nun tren e deciden baixar en Viena e pasar o día xuntos visitando a cidade antes de volver aos seus respectivos países. A premisa é simple e a película tamén: basicamente trata sobre dúas persoas que camiñan e falan. Pero no proceso, entre os diálogos máis reveladores e os máis banais, Céline e Jesse van coñecéndose ata que o filme acaba por converterse nun dos grandes romances da historia do cine. A forza da paixón xuvenil é compensada pola calma na narración, que funciona máis por acumulación de instantes que pola resolución de conflitos dramáticos. Linklater remataría por facer unha triloxía arredor dos dous protagonistas, engadindo capas de complexidade á súa relación en Before Sunset (Antes do atardecer, 2004) e Before Midnight (Antes da media noite, 2013).


DIRECCIÓN: Cibrán Tenreiro. Cineclube de Compostela

COORDINACIÓN: Virginia Villar

Entrada libre e de balde. As películas proxectaranse en versión orixinal subtitulada en castelán. No caso de que chova, as proxeccións terán lugar no auditorio do CGAC. O servizo de cafetería permanecerá pechado.
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal