Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
CURSO DE CINEMA. OS CORPOS DO CINEMA

18 outubro 2017 - 23 maio 2018

CURSO DE CINEMA. OS CORPOS DO CINEMA

Horario: mércores de 19 a 20.30 h.

Os corpos do cinema é unha reflexión sobre a figura e a súa relación cos espazos no medio audiovisual. Baixo este pretexto, analizaremos como o corpo transita en diferentes contextos cinematográficos, ben desde unha perspectiva de xénero (comedia, musical, western...), de cineastas (Jacques Tati, Michelangelo Antonioni, Béla Tarr, Leos Carax...) ou de narrativas e espazos diversos (personaxes errantes, a cidade, a estrada, a adolescencia, lugares distópicos...).
“O feito é que ninguén, polo de agora, determinou o que pode o corpo”, escribiu Spinoza na súa Ética (1677), e a súa intuición segue sendo válida no noso mundo contemporáneo. A liberación e a potencialidade dese corpo (que o move) e dos seus afectos (que o conmove) son tamén cuestións claves da (cin)ética do cinema, a arte do movemento, o tempo e a luz.
O corpus cinematográfico nútrese dunha inacabable provisión de corpos (ficcionais, documentais, animados ou virtuais) que camiñan, xogan, gritan, cantan, bailan... A través deles, o cinema continúa preguntándose polo que pode o corpo á vez que explora a potencialidade das imaxes e os sons en movemento.
Cineastas como Stanley Donen, Michelangelo Antonioni, Béla Tarr, Leos Carax, Kelly Reichardt, David Cronenberg, Monte Hellman, Louis Malle ou John Hughes; e performers (algúns deles tamén cineastas) como Jacques Tati, Jerry Lewis, Dennis Lavant, Takeshi Kitano, Louis C.K., Gene Kelly, Buster Keaton, Zhang Ziyi ou os Daft Punk servirannos de guía neste curso que quere trazar un breve itinerario polo movemento, o tránsito e a transformación no cinema. Do gag á introspección de certo cinema oriental, do musical ao cinema de acción ou de artes marciais, da precisión marcial do loitador á inocencia lúdica do clown, da carnalidade do actor á nostalxia da carne do  cyborg, da comedia adolescente á traxicomedia da madurez, da vagabundaxe urbana á mística dos espazos abertos no western ou a road movie. Os corpos do cinema é unha actividade organizada polo CGAC e o Cineclube de Compostela.



PROGRAMA

18 outubro Perpetuum mobile: a pulsión nómade ou a ansia de infinito
25 outubro Paseos pola cidade do cinema
8 novembro Playtime! (ou que difícil é ser Jacques Tati!)
15 novembro Cosmópolis: viaxe ao fin da noite
22 novembro Buster Keaton, a máquina perfecta
29 novembro Mae West, un corpo impertinente en Hollywood
13 decembro Denis Lavant, a escultura insensata
20 decembro Smells Like Teen Spirit: Ritos de paso na comedia adolescente
10 xaneiro Louie (Louis C.K. ou a tenrura da pesadume)
17 xaneiro Jerry Lewis (ou a melancolía do clown)
24 xaneiro O corpo como autobiografía: a triloxía de Jason Bourne
31 xaneiro Figuras nunha paisaxe I: o deserto e o cowboy errante
7 febreiro As estradas poeirentas de Abbas Kiarostami
21 febreiro Infinito punto de fuga: Estrada asfaltada en dúas direccións (Monte Hellman, 1971) e Punto límite: cero (Richard C. Sarafian, 1971)
7 marzo O final do camiño: as road/walk movies de Kelly Reichardt
21 marzo Corpos posthumanos: Electroma (Daft Punk, 2006) e Under the Skin (Jonathan Glazer, 2013)
4 abril The Grandmaster: Wong Kar-wai e o cinema de artes marciais
11 abril Corpos documentais: caricatura, imitación e sátira política
18 abril Camiñantes melancólicos da fin do mundo
25 abril Cinema (non) musical: o baile como emancipación
9 maio Figuras nunha paisaxe II: poder panóptico e corpos en fuga
16 maio Sempre en tránsito, Takeshi Kitano
23 maio Onde están as cousas salvaxes: territorios nostálgicos da infancia


José Manuel López
(Vigo, 1974) Crítico e docente cinematográfico licenciado en Publicidade, é profesor de Guión audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra (Universidade de Vigo) e desde 2012 imparte cursos de cine no MARCO de Vigo e no CGAC. Actualmente está a escribir a súa tese “O último lugar. Errancia e vagabundaxe no cinema contemporáneo”. Ademais de colaborar endiversas revistas cinematográficas especializadas, en 2004 fundou a revista de cine en liña Tren de sombras e formou parte do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine (antes Cahiers du Cinéma. España) desde 2007 ata 2017. En 2008 coordinou o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral para o Festival Internacional de Cinema das Palmas de Gran Canaria e participou en diversos libros colectivos como La risa oblicua: tangentes, paralelismos e intersecciones entre documental y humor, Elegías íntimas: el cine visto por los cineastas, Un extraño entre nosotros: las aventuras y utopías de José Luis Borau, Las edades de Apu: estudios sobre la trilogía de Satyajit Ray ou Paul Schrader: el cineasta frente a los tiempos. Participou como dialoguista na cuarta e quinta tempadas da serie televisiva Matalobos, emitida pola TVG, e impartiu charlas, seminarios ou conferencias en centros de toda España como a Escola Lens e o Master LAV en Madrid, a Fundación Luís Seoane e o CGAI na Coruña, a Seminci, o Festival de Cine Español de Málaga, o Centro das Artes de Sevilla ou a Facultade de Comunicación e a Casa das Campás en Pontevedra.


DIRECCIÓN: José Manuel López

COORDINACIÓN: Virginia Villar

DESTINATARIOS: Profesores, estudantes e todas as persoas interesadas no cinema.

PRAZAS: 150

INSCRICIÓN: O prazo de inscrición estará aberto desde o 6 de setembro ata o 17 de outubro de 2017. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal no que deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, informarase ás persoas inscritas sobre como realizar o pago.

MATRÍCULA: Matrícula ordinaria: 80 € / Socios do Cineclube de Compostela: 65 €.

CERTIFICACIÓN: O CGAC entregará un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75% das sesións.
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal