Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
FILOCAFÉ 2017 - 2018

1 outubro 2017 - 3 xuño 2018

FILOCAFÉ 2017 - 2018

Horario: de 18.30 a 20 h.
Entrada libre e gratuíta.

Un ano máis, o primeiro domingo de cada mes ás 18:30 h, desde outubro ata xuño (agás no mes de xaneiro), o CGAC organiza un filocafé na súa cafetaría. Este ano a Asociación Galega da Crítica unirase aos filocafés no CGAC.
Os filocafés son conversas públicas enfocadas desde un punto de vista filosófico nas que poden participar todas as persoas interesadas en intercambiar inquietudes ou puntos de vista desde calquera área ou nivel de coñecemento.
As sesións estarán dirixidas por profesionais de diversas disciplinas como Quico Cadaval (dramaturgo, actor, monologuista), Arturo Casas (poeta e profesor de Teoría da Literatura e Literatura comparada), Beatriz Busto Miramontes (antropóloga, etnomusicóloga), Inma López Silva (escritora e profesora da Escola Superior de Arte Dramática), Javier María López Rodríguez (musicólogo, compositor, músico e profesor), Eduard Velasco (libreiro, filólogo, tradutor e poeta) e Xosé Manuel Buxán Bran (crítico de arte, comisario e profesor na Facultade de Belas Artes de Pontevedra).

Unha vez ao mes, retiraremos unha obra de arte da Colección CGAC dos nosos almacéns para que nos acompañe e propicie un debate ao seu redor. A peza elixida empregarase como punto de partida para a conversa; pero non imos falar de arte, ou non só de arte, senón de calquera cuestión que suxira a obra a nivel temático, conceptual, formal ou anecdótico. Poderase falar de ciencia, gastronomía, política, música, filosofía, cine, estética, actualidade..., cousas mundanas ou elevadas, de xeito que todas as persoas que o desexen poidan opinar e achegar as súas reflexións sobre os temas que vaian xurdindo de xeito espontáneo mentres gozan dun café.




PROGRAMA
1 de outubro. Quico Cadaval
3 de decembro. Arturo Casas
4 de febreiro. Beatriz Busto Miramontes
4 de marzo. Inmaculada López Silva
1 de abril. Javier María López Rodríguez
6 de maio. Eduard Velasco
3 de xuño. Xosé Manuel Buxán Bran


Quico Cadaval naceu no ano 4 a.m.M.M. (antes da morte de Marilyn Monroe) na ría de Arousa, onde deus apoiou o dedo corazón no seu día de descanso, o sétimo. Criouse nunha taberna na que soubo da orixe da vida e da procedencia dos agasallos de Reis antes do prazo indicado polas pedagoxías. Frecuentou vellas que mexaban de pé e xuraban en calquera postura e tamén a escola dun mestre de guedellas leoninas, entusiasta da literatura barroca e do castigo físico, que curtiu a súa personalidade artística. Prevaricou e procrastinou na sua época universitaria con períodos de consumo inmoderado de cánnabis e bebidas fermentadas, o que provocou o escándalo entre os seus influentes amigos junkies. Meteuno no lameiro do teatro un amigo que preferiu unha multinacional dos seguros.
Aquí debía comezar unha longa nómina de amigas e de amigos, que son o seu tesouro, mais o espazo limítanos. E o tempo. Acabou escribindo teatro e agora anda polo mundo a contar uns contos para os que lle fixo falta todo o anterior.


Arturo Casas (A Coruña, 1958). É profesor de Teoría da Literatura e Literatura comparada na USC, acreditado como catedrático en 2013. Ocupouse como investigador da obra de Rafael Dieste e outros pensadores e escritores do exilio republicano, o pensamento estético-literario moderno e posmoderno, os estudos sistémicos e sociolóxicos
sobre cultura, a metodoloxía da historia literaria, o ensaio na modernidade e a poesía contemporánea. Entre as súas publicacións cóntanse edicións da poesía de Uxío Novoneyra (2010) e Salvador García-Bodaño (2017), así como os volumes Performing Poetry: Body, Place and Rhythm in the Poetry Performance (2011) e Resistance and Emancipation: Cultural and Poetic Practices (2011), dos que foi coeditor, e La Historia literaria comparada en sus alternativas teóricas (no prelo). Foi o primeiro director do Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes, constituído na USC por oito grupos de investigación. Co Grupo Alea de Análise Poética e o Consello da Cultura Galega activou en 2011 a base de datos e repositorio dixital poesiagalega.org, da que é editor. Éo así mesmo, desde 2016, de Poetry in the Public Space.


Beatriz Bustos Miramontes (Santiago de Compostela, 1979). É doutora en Antropoloxía social e cultural, mestra en Educación musical pola Universidade de Vigo e licenciada en Historia e Ciencias da Música e Antropoloxía social e cultural pola Universidade Autónoma de Madrid. Obtivo o título de doutora coa tese “La Galicia proyectada por NO-DO. La arquitectura del estereotipo musical a partir del uso del folclore musical 1943-1981”, pola que mereceu a máxima cualificación. O seu percorrido investigador céntrase na construción cultural de Galicia e da súa representación na imaxe cinematográfica de NO-DO a partir do uso do folclore durante a ditadura franquista desde as perspectivas teóricas da etnomusicoloxía. Exerce a súa actividade docente como especialista da área de Música no colexio Divino Maestro nas etapas de infantil, primaria e secundaria e na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela, onde centra o seu traballo na educación musical de alumnos de 3 a 5 anos e na área de Etnomusicoloxía para alumnos adultos.


Inmaculada López Silva (Santiago de Compostela, 1978). É escritora e crítica teatral, doutora en Filoloxía pola Universidade de Santiago e diplomada polo Institut d’Études Théâtrales da Université Paris III – Sorbonne Nouvelle. Actualmente é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e membro da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. Figura nos consellos de redacción das revistas Grial e Revista Galega de Teatro e noutras publicacións relacionadas cos estudos teatrais no ámbito internacional. Centrada na análise da política e institucións teatrais e nos sistemas teatrais emerxentes publicou libros como Resistir no escenario. Unha historia institucional do teatro galego (2015). Tamén é tradutora aogalego da obra dramática de Albert Camus e Jean Genet. Columnista no xornal La Voz de Galicia, acadou o recoñecemento do público e da crítica e recibiu numerosos premios con novelas como Non quero ser Doris Day (2006) e Memoria de cidades sen luz (2008). Ademais escribiu o libro de viaxes New York, New York (2007) e o diario-ensaio feminista Maternosofía (2014). En 2016 publicou a que ata agora é a súa última novela, Aqueles días en que eramos malas.


Javier María López Rodríguez (Lugo, 1969). É musicólogo, compositor, músico e profesor. Integrante de agrupacións relacionadas coa improvisación como O.M.E.GA ou TDC, foi alumno de composición de José Luis de Delás, e as súas obras foron estreadas por formacións como a Real Filharmonía de Galicia, Taller Atlántico Contemporáneo ou Grupo Instrumental Siglo XX. Ademais de compor músicas para diferentes obras escénicas participou en festivais internacionais como Temp’ora ou Mixtur, publicou Breve Historia de la Música (Nowtilus, 2011) e Del colapso tonal al arte sonoro (Punto de Vista), así como diferentes artigos sobre pedagoxía musical e
musicoloxía en revistas como Música y Educación ou Anatomía de la Historia. Impartiu cursos, relatorios e concertos didácticos. Conta con galardóns como o segundo premio de composición do concurso convocado polo Gruppo Europeo Ricerca Musicale Indipendente, e foi finalista da novena edición do concurso internacional de composición Città di Udine e do Counterpoint-Italy’s en 2014. É profesor titular das especialidades de Historia da Música en conservatorio e de Música en ensino secundario, aínda que o máis lle preocupa realmente é que en Galicia cada vez hai menos nenos e nenas.


Eduard Velasco (Barcelona, 1982). É licenciado en Filoloxía catalá e Filoloxía galega. Foi profesor de catalán en Barcelona, Menorca, Santiago de Compostela e Lisboa. Publicou artigos de divulgación sobre cultura catalá en Galicia e sobre cultura galega nos Países Cataláns. Traduciu literatura entre as dúas linguas: ao galego, as novelas Pa negre (Pan negro, FVR), de Emili Teixidor; Els sots feréstecs (As valgadas bravas, Hugin e Munin), de Raimon Casellas; e Paraules d’Opòton el Vell (Palabras de Opoton o Vello), de Avel.lí Artís Gener; ao catalán, tres pezas de Vicente Risco: os relatos Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, Os europeos en Abrantes e mais a novela O porco de pé (El porc dempeus). Ten publicados dous poemarios en Espiral Maior: Ruído de trens (Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé) e O filósofo coxo (Premio de Poesía Xosé María Díaz Castro). Desde xuño de 2016 é codirector, xunto a Alicia Fernández, da libraría especializada en poesía Chan da Pólvora, na rúa de San Pedro de Santiago de Compostela.


Xosé M. Buxán Bran (Eibar, Guipúscoa, 1964). Doutorouse en Belas Artes pola Universidade do País Vasco cunha tese titulada “Homoerotismo en la iconografía de San Sebastián Mártir: una visión desde el presente”, conta cun percorrido investigador e científico intimamente ligado ás conexións entre arte e cultura queer, identidade sexual, xénero, feminismo e masculinidades, con varios volumes publicados ao respecto e un vasto número de artigos e ensaios editados en numerosas obras colectivas. Como curador e xestor de espazos expositivos, dirixiu primeiro a Sala X, Sala de Exposicións do Campus de Pontevedra e logo a Sala Alterarte do Campus de Ourense, onde programa na actualidade o proxecto Estado Crítico 3: 10 comisari*s, 10 artistas.
Foi crítico de arte en diversos medios de comunicación, e froito desta actividade publicou un primeiro volumerecompilatorio dos seus traballos xornalísticos titulado Desprazamentos: a viaxe como unha das Belas Artes (Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2014). O seu último libro publicado, Bellos y desconocidos (Laertes, 2015), aborda a temática da fotografía atopada.


COORDINACIÓN: Virginia Villar
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal