Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 

O domingo día 12 de xullo, con motivo da celebración das eleccións ao Parlamento de Galicia, as salas de exposición do centro permanecerán pechadas ao público.




Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
TALLERES DE NADAL 2017

28 decembro 2017 - 5 xaneiro 2018

TALLERES DE NADAL 2017

Durante as vacacións de nadal o CGAC acolle dous talleres dirixidos a nenos e nenas arredor da suxestiva exposición «Y», do artista Álvaro Negro. Unhas actividades dirixidas aos máis pequenos coas que poderán experimentar e explorar a arte contemporánea. Un tempo para coñecer e mergullarse nos procesos creativos a través das linguaxes, soportes, materiais, técnicas e conceptos propios da arte máis actual.

Para os máis novos, Adrián Taracido deseñou un obradoiro arredor da materia, as texturas e a pegada. Lara Torres traballará coa natureza como escenario de cambios lumínicos, cromáticos, climáticos e ambientais cos nenos e nenas de 7 a 9 anos.

Texturas

28 e 29 de decembro de 2017

Dirixido e impartido por Adrián Taracido (licenciado en Belas Artes) 

Idade: 4 a 6 anos
Prazas: 15
Horario: 11:00-12:30 h

A través da técnica tradicional do modelado experimentaremos os procesos polos que atravesan os materiais, os seus diferentes estados, a súa resistencia e fraxilidade, e observaremos o seu comportamento coa nosa interacción.

Crearemos superficies nas que iremos incorporando pigmentos, elementos orgánicos e as nosas propias pegadas. Formas creadas coas nosas mans que irán compoñendo un manto de texturas a base de capas, cores e o uso de materiais como a escaiola e a plastilina.

A túa natureza, a túa luz

4 e 5 de xaneiro de 2018
Dirixido e impartido por Lara Torres (licenciada en Belas Artes) Idade: 7 a 9 anos
Prazas: 15
Horario: 11:00-13:00 h

Logo de visitar a exposición de Álvaro Negro os nenos e nenas traballarán a partir dun escenario creado por eles mesmos. Con materiais de diversa procedencia construirán a maqueta dun espazo natural fantástico. Explorarán o impacto das luces e as sombras sobre as formas, as cores e as diferentes opacidades e texturas dos materiais empregados no seu deseño. As súas paisaxes irán experimentando cambios e tomando vida propia atendendo aos ritmos das estacións, dos días e dos fenómenos atmosféricos.

INSCRICIÓN

Os talleres son gratuítos.

As solicitudes de inscrición poderán presentarse a partir do 4 de decembro enviando unha mensaxe de correo electrónico a cgac.pedagogia@xunta.gal. As persoas interesadas deberán indicar os seguintes datos: nome completo e idade dos nenos e/ou nenas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico e nome do taller no que desexan participar.

Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude.

Os asistentes deberán traer roupa e calzado axeitados para a choiva e que se poidan manchar.

COORDINACIÓN: Gema Baños e Virginia Villar




Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
cgac.xunta.gal