Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
TALLERES PARA FAMILIAS. O MOVEMENTO

20 de xaneiro - 15 de xuño de 2018

TALLERES PARA FAMILIAS. O MOVEMENTO

Un ano máis, O CGAC organiza un ciclo de talleres sobre arte contemporánea para familias. Pais, nais, tías, tíos, avoas, avós... poden gozar cos máis pequenos investigando e experimentando coa arte en sesións prácticas de creación. Os nenos e nenas de entre 4 e 9 anos están convidados a vir con dous dos seus familiares a participar nesta actividade que ten lugar a terceira fin de semana de cada mes.

Esta edición estará dedicada á arte contemporánea e o movemento. A través da obra de seis artistas trataremos diversos bloques temáticos relacionados con este concepto: a busca do movemento na pintura e na escultura, a creación co corpo en movemento e a consecución do movemento con recursos como o vídeo ou mecanismos de acción presentes na produción artística dos séculos XX e XXI.

Pintura e movemento. Bridget Riley

Sábado 20 de xaneiro, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo 21 de xaneiro, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 8 ao 19 de xaneiro

Para falar da pintura e o movemento partiremos do traballo da artista inglesa Bridget Louise Riley, pioneira da op art. Riley crea complexas paisaxes abstractas coas que consegue efectos ópticos hipnóticos e psicodélicos que poñen a proba a percepción das persoas que as observan, ás que lles esixe un papel necesariamente activo. Nestes talleres xogaremos coa xeometría, cos contrastes cromáticos, coa combinación de formas, coa repetición e coa escala para conseguir ilusións ópticas nas nosas creacións.

Luz e movemento. LászlóMoholy-Nagy

Sábado 17 de febreiro, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo 18 de febreiro, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 5 ao 16 de febreiro

Moholy-Nagy foi un gran artista multimedia das vangardas históricas que traballou coa pintura, a escultura, o deseño, a fotografía e o cine. Na súa obra investiga as relacións entre o espazo, o tempo e os materiais experimentando coas posibilidades da luz e do movemento. Como Moholy-Nagy exploraremos a versatilidade da luz, a escuridade, descubriremos este material como medio de creación observando os seus comportamentos ante a nosa interacción. Xeraremos composicións, debuxaremos e construiremos pezas con diversos tipos de luz, de materiais sensibles e de atmosferas.

Escultura e movemento. Alexander Calder

Sábado 17 de marzo, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo 18 de marzo, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 5 ao 16 de marzo

Nos seus comezos, este artista norteamericano creaba pequenas figuras de animais en madeira e arame que co tempo derivaron nos seus famosos e popularizados chupin: estruturas móbiles colgantes que foron o xerme da escultura cinética. Alexander Calder debuxa no espazo, xoga co equilibrio, coas sombras, co movemento case imperceptible conseguindo que as súas esculturas parezcan sosterse soas no aire balanceándose suavemente. Para este obradoiro poñeremos a proba o noso equilibrio, faremos levitar as cores, flotar as formas e procuraremos construír as nosas propias esculturas acróbatas.

Mecanismos e movemento. Roman Signer

Sábado 14 de abril, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo 15 de abril, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 2 ao 13 de abril

Transformacións, explosións, destrucións... Roman Signer traballa co dinamismo e coa tensión das enerxías nas súas denominadas esculturas en acción. Cun ton irónico e dándolle a volta ao método científico tradicional de experiementación e o descubrimento, Signer emprega materiais como a area, o fume, a auga, o vento e obxectos cotiáns que somete a complexos procesos de transformación. Centrándonos nestes procedementos a medio camiño entre a arte e a ciencia, levaremos a cabo un obradoiro cheo de experiencias no que someteremos diferentes materiais ao cambio e á acción mediante diversos mecanismos.

Vídeo e movemento. Pipilotti Rist

Sábado 19 de maio, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo 20 de maio, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 7 ao 18 de maio

Pipilotti Rist, debe o seu nome artístico á personaxe infantil Pippi Langstrumpf, coa que comparte un espíritu libre, crítico e disparatado. A artista emprega imaxes que nos resultan familiares como ferramenta para evidenciar os estereotipos e as ideas preconcibidas que nos mostran a televisión e a publicidade. Emprega o formato do videoclip con imaxes brillantes de cores saturadas e alegres pero cun discurso crítico. Proxecta as súas montaxes sobre obxectos domésticos como sillóns, cortinas, mobles de cociña, nas paredes ou no chan, envolvendo os espazos con imaxes en movemento. Nestas sesións crearemos novos ambientes espaciais buscando o movemento a través da expresión corporal e da utilización do vídeo.

Corpo e movemento. Heather Hansen

Sábado 16 de xuño, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo 17 de xuño, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 4 ao 15 de xuño

Utilizando o seu corpo como unha verdadeira ferramenta, Heather Hansen xunta a danza e as artes visuais en debuxos de grande formato. A través de coreografías meticulosas, case rituais, move e contorsiona o seu corpo deixando en cada movemento o seu rastro a través do uso do carbón. Trazos negros xestuais sobre soportes brancos, neutros e de grandes dimensións. O resultado son composicións de grande expresividade, debuxos case cinéticos nos que se repiten patróns simétricos. Nesta ocasión centrarémonos no valor procesual da obra de Hansen e empregaremos o noso propio corpo en movemento como ferramenta para a experiencia artística.

Rebeca Mariño Souto é experta en xestión cultural pola USC especializada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e Técnica Superior en Animación Sociocultural. Traballou para os departamentos de educación do CGAC e AFundación e colabora activamente con diferentes institucións culturais realizando talleres educativos dirixidos a público infantil e familiar. Actualmente forma parte de 7H Cooperativa Cultural desenvolvendo o seu traballo como xestora cultural e educadora artística.

Candela Rajal Alonso é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo especializándose máis tarde en arte contemporánea e museoloxía. Desde 2012 traballa en diversos ámbitos relacionados coa xestión cultural, formando parte do equipo de DARDO ou do Museo de Arte Contemporáneo de Anveres, traballando tamén en diversas galerías de arte como Annie Gentils Gallery (Anveres) ou Formato Cómodo (Madrid). Actualmente compaxina a súa faceta de investigadora coa realización de obradoiros e proxectos de educación artística en diversas institucións e centros culturais.

INSCRICIÓN: Os talleres son gratuítos e para participar é necesario escribir —nos prazos establecidos— a cgac.educacion@xunta.gal indicando o título da actividade na que desexan inscribirse, os nomes dos participantes, as súas idades, un teléfono de contacto e un correo electrónico.

Só serán admitidas as persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres.

As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá un correo electrónico de confirmación.

PRAZAS: 10 nenos/nenas acompañados cada un por 2 familiares máximo en cada taller

DIRECCIÓN: Rebeca Mariño e Candela Rajal

COORDINACIÓN: Virginia Villar

Folleto da actividade

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal