Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
CURSO DE EDUCACIÓN ARTÍSTICA. ARTE NA AULA

09 marzo - 10 novembro 2018

CURSO DE EDUCACIÓN ARTÍSTICA. ARTE NA AULA

Este ciclo de cursos prácticos para docentes presenta a arte contemporánea como ferramenta de aprendizaxe na aula.

O programa está estruturado ao redor de tres eixes de gran presenza na educación formal (as matemáticas, a narración e o coñecemento do contorno natural) e deseñado para explorar os límites entre áreas de coñecemento e convidar os educadores a experimentar e aprender antes de levar as súas propostas á aula.

A través dunha metodoloxía dinámica e participativa alternaranse visitas ás salas do CGAC e o seu contorno próximo, proxeccións de imaxes, sesións de observación, reflexión e debate, talleres de creación e elaboración de propostas didácticas.

Cada bloque exponse de forma independente pero dentro dunha estrutura e obxectivos comúns. Os participantes poden cursar un ou todos os bloques en función de se o seu interese é puntual e temático ou pretenden unha experiencia de maior significatividade.

MATEMÁTICAS CON ARTE

9-10 de marzo

Venres, de 18:00 a 20:00 h

Sábado, de 10:00 a 14:00 h

Este curso analiza a arte como ferramenta para traballar as matemáticas de acordo cunha idea globalizada da educación onde os límites entre o museo e a aula, entre a plástica e as matemáticas se esvaecen.

As obras de arte, o noso corpo e o edificio que nos acubilla serán o punto de partida para experimentar cos números, a medida, a xeometría e as cuestións espaciais. Traballaremos coas obras de arte como base para aprender conceptos matemáticos e coas matemáticas como ferramenta para construír imaxes.

IMAXES QUE CONTAN HISTORIAS

1-2 de xuño

Venres, de 18:00 a 20:00 h

Sábado, de 10:00 a 14:00 h

A lectura de imaxes —a través da análise dos escenarios, a expresión facial e corporal, o vestiario ou o recoñecemento de símbolos e atributos— permitiranos asomarnos ao fascinante mundo da palabra e a imaxe.

Abordaremos a narración visual, oral e textual como un poderoso instrumento, tanto para a creación e goce artístico, como para o proceso educativo.

ARTE E ECOLOXÍA

9-10 novembro

Venres, de 18:00 a 20:00 h

Sábado, de 10:00 a 14:00 h

A relación entre a arte e a natureza foi constante na historia da arte pero serán os artistas actuais os que se interesen polas relacións do ser humano e o territorio, os que conviden á reflexión sobre as agresións á nosa contorna e propoñan outros modelos de acción.

Neste curso exploraremos procesos e técnicas para aprender a observar, rexistrar, planificar, intervir, transformar, vivir, conservar e poñer en valor a nosa contorna a través da arte.

OBXECTIVOS

Os obxectivos deste ciclo son tomar contacto coa arte contemporánea como recurso educativo, establecer lazos entre a arte e a aula eliminando mitos e prexuízos, reflexionar sobre a práctica educativa no ámbito da educación plástica e a súa relación con outras áreas de coñecemento, desenvolver a capacidade para observar, coñecer, crear e debater ao redor do artístico e xerar dinámicas creativas nas profesoras e profesores para despois fomentalas no alumnado.

DESTINATARIOS

Docentes de educación formal (infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ciclos formativos ou graos de educación), educadores artísticos ou persoas interesadas na didáctica da arte, estudantes de Belas Artes ou Ciencias da Educación.

HORARIO

Venres, de 18:00 a 20:00 h

Sábados, de 10:00 a 14:00 h

Gael Zamora Lacasta

É titulada en Historia da Arte e educación primaria. Exerce como profesora do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal na Facultade de Educación de Segovia da Universidade de Valladolid. É ademais educadora artística con ampla experiencia en museos con todas as franxas de idade dentro da educación formal e non formal. Ten experiencia como coordinadora e relatora en cursos para docentes sobre creatividade, recursos didácticos e arte no Museo de Arte Contemporánea Esteban Vicente, o Centro para as Artes e o Deseño Palacio Quintanar, o Museo Lázaro Galdiano, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Valladolid, a Universidade Autónoma de Madrid, o Movemento de Renovación Pedagóxica Acción Educativa e os centros de Formación do Profesorado de Segovia e Cuenca.

 INSCRICIÓN: O prazo de inscrición estará aberto desde o 5 de febreiro ata o 8 de marzo  de 2018. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal no que deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá un correo electrónico de confirmación.

 PRAZAS: 18

MATRÍCULA GRATUÍTA

CERTIFICACIÓN: Segundo a modalidade escollida, o CGAC entregará un certificado de asistencia polo curso completo ou ben por cada bloque temático a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións. Cada curso consta de 6 horas lectivas e o total dos cursos de 18 horas lectivas.

DIRECCIÓN: Gael Zamora Lacasta

COORDINACIÓN: Virginia Villar

Folleto da actividade

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal