Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
TALLER CARLOS GARAICOA. A CIDADE: PARAÍSO DA REPRESENTACIÓN

28 - 31 maIo 2018

TALLER CARLOS GARAICOA. A CIDADE: PARAÍSO DA REPRESENTACIÓN

A relación que establezo a través da miña obra co espazo urbano e público parte máis dun interese por desenvolver unha linguaxe ca dunha inclinación cara á cidade en si mesma. O desenvolvemento das miñas propostas sobre urbanismo e arquitectura xorde dun vínculo moi estreito coas rúas da Habana, e non dunha predilección polo urbanismo como fenómeno conceptual.

Penso que a procura dun sistema é máis importante que a creación dun corpus de traballo. É definitivamente máis interesante o proceso para facer unha obra que a obra de arte como obxecto final. Quixera atopar ese camiño ao abandonar a miña obsesión por construír obxectos, deixarme levar por ese proceso contaxioso de arribar a unha obra, só no nivel conceptual, absolutamente desprexuizado.

Pero como podemos escapar ao paradoxo de representar a realidade? A cidade é, sen dúbida, un paraíso para a representación e poderíase dicir que as múltiples linguaxes que usei ao longo da miña carreira —escritura, arquitectura, escultura, fotografía e vídeo, entre outras— foron propiciadas pola cidade. A linguaxe da arte foi excluída da vida contemporánea e a distancia entre unha persoa común e un artista foi crecendo. O meu propósito é acurtar esa distancia, buscar fórmulas para crer, entender e facer entender o proceso da linguaxe e da arte, co fin de reinserilo no proceso comunicativo do ser humano.

Traballaremos na rúa, sairemos —cal flâneurs situacionistas— para atoparnos coa vida e coa historia da cidade, dun barrio, dunha rúa, dun edificio... e, a partir de alí, percorreremos as historias, ficticias ou reais, pouco importa. O esencial é que esa historia e os obxectos resultantes se insiran, se amalgamen, no espazo coma se sempre formasen parte desa realidade.

A continuación propoño, a modo de guía, unha breve lista de conceptos que nos rodearán neste taller: historia, ficción, contexto, documento, imaxinario, realidade, política, beleza, violencia, ironía, desprexuízo, poder, o límite e a súa negación, sistema, palabra e estudo de campo.


CARLOS GARAICOA MANSO (Cuba, 1967)

Vive e traballa entre A Habana e Madrid. Emprega un enfoque multidisciplinario para referirse a cuestións culturais e políticas, a través do estudo da arquitectura, do urbanismo e da historia. Os medios que utiliza inclúen a instalación, o vídeo, a fotografía, a escultura, os libros pop-up e o debuxo.

Tivo exposicións individuais en Parasol Unit, Londres; CGAC, Santiago de Compostela; Espaço Cultural Porto Seguro, São Paulo; Fondazione Merz, Turín; MAAT, Lisboa; Azkuna Zentroa, Bilbao; Museum Villa Stuck, Múnic; Nasjonalmuseet, Oslo; CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles, Madrid; Fundación Botín, Santander; NC-Arte e FLORA ars + natura, Bogotá; Kunsthaus Baselland Muttenz/Basel e Kunstverein Braunschweig, Brunswick, entre outros.

Participou en eventos como a Bienal da Habana; Bienal de Shanghái; Bienal de São Paulo; Bienal de Venecia; Bienal de Moscova; Trienal de Yokohama e Trienal Echigo-Tsumari no Xapón; Bienal de Johannesburgo; Bienal de Liverpool; Documenta 11 e 14, Kassel; Trienal de Auckland; Photoespaña 12, Madrid, e Trienal Poli/Gráfica de San Juan.

En 2005, recibiu o XXXIX International Contemporary Art Prize Foundation Pierre de Monaco en Montecarlo e o Katherine S. Marmor Award en Los Angeles.

DESTINATARIOS

Artistas novos e profesionais dos ámbitos da xestión cultural, da arquitectura e da fotografía, e persoas que se sintan implicadas na comunidade e no contexto que as rodea.

INSCRICIÓN

As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a cgac.pedagogia@xunta.gal. As solicitudes deberán incluír os seguintes datos: nome completo, enderezo de correo electrónico e teléfono de contacto. Ademais deberán ir acompañadas dunha carta de motivación e dun breve currículo e, no caso dos artistas de tres imaxes do seu traballo.

Unha vez que lles confirmemos a inscrición, enviarémoslles as indicacións precisas para facer efectiva a matrícula.

PRAZAS: 15
MATRÍCULA: 20 €

COORDINACIÓN: Gema Baños

Folleto da actividade

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal