Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
SEMANA DOS MUSEOS HIPERCONECTADOS: ENFOQUES NOVOS, PÚBLICOS NOVOS

14-20 de maio de 2018

SEMANA DOS MUSEOS HIPERCONECTADOS: ENFOQUES NOVOS, PÚBLICOS NOVOS

CONCERTO DO CICLO MÚSICA E ARTE. CORRESPONDENCIAS SONORAS

Martes 15 de maio / Entrada libre e de balde Dirixe Vertixe Sonora Ensemble

A celebracion do Día Internacional dos Museos serve un ano máis como punto de partida do ciclo Música e arte. Correspondencias sonoras, un encontro entre a música e a arte do noso tempo no que tenen cabida todas as expresións creativas actuais co obxectivo de dar a coñecer as estéticas máis avanzadas, os compositores máis destacados do novo panorama musical e as perspectivas de desenvolvemento máis interesantes da nova música.

O ciclo principia co magnetismo dun concerto que emprega elementos teatrais e visuais con obras de Teresa Treccozzi (Italia, 1981) e Giovanni Santini (Italia, 1986).

A edición deste ano, ademais dos xa habituais ensaios abertos ao público e das conversas cos compositores, incorpora actividades didácticas que inclúen ensaios xerais abertos a escolares e actividades específicas para estudantes de música.

12:00-13:00 h Concerto didáctico para centros escolares / Inscrición previa en cgac.educacion@xunta.gal
19:30-20:00 h Conversa cos compositores
20:00-20:15 h Presentacion co alumnado dos conservatorios e escolas de música

20:30 h Concerto Magnetismo
Teresa Treccozzi (Italia, 1981) Sonata magnética (2017) Saxofón, guitarra eléctrica, piano, percusión e obxectos Giovanni Santini (Italia, 1986) Your Body... Your Voice (2016) Piano, 3 intérpretes e 24 imáns de canto de cascabel

HOMENAXE AO ARTISTA MANUEL MOLDES

Martes 15 de maio ás 18:00 h / Entrada libre e de balde Salas de Modelo x armar. Arte en Galicia na Colección CGAC


O CGAC renderalle unha homenaxe ao artista Manuel Moldes, membro fundacional do colectivo Atlántica, membro da Real Academia Gallega de Bellas Artes e profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra cuxa obra forma parte da exposición Modelo x armar. Arte en Galicia na Colección CGAC.

No acto participarán o director do CGAC, Santiago Olmo, o director do Centro Cultural Torrente Ballester, Miguel Fernández-Cid, e os comisarios Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre.

CURSO OS CORPOS DO CINEMA
Mércores 16 de maio ás 19:00 h / Entrada libre e de balde

Dirixe José Manuel López

O CGAC fará unha sesión aberta do curso Os corpos do cinema dedicada a Takeshi Kitano e titulada Sempre en tránsito. O curso está dirixido e impartido polo crítico de cine e profesor José Manuel López.

VISITAS GUIADAS Á ARQUITECTURA E Á HISTORIA DO CGAC

Xoves 17 e venres 18 de maio ás 12:00 h e ás 18:00 h / De balde

Os días 17 e 18 de maio, con motivo do Día Internacional dos Museos, o CGAC programa unhas visitas especiais arredor da súa arquitectura e da súa historia. Percorreremos o edificio desde o pórtico exterior ata a cuberta, onde está instalada de xeito permanente a obra Triangular Pavilion do artista Dan Graham.

No transcurso destas visitas falarase do deseño do edificio que alberga o Centro Galego de Arte Contemporánea, proxectado e construido entre 1988 e 1993 polo arquitecto Álvaro Siza Vieira, e da súa estreita relación formal e conceptual co Parque de Bonaval e coa cidade que o acolle.

Para participar nesta actividade non epreciso solicitar cita previa. As visitas partirán da recepción do CGAC. Os grupos formaranse por orde de chegada ata un máximo de 25 persoas. As visitas terán unha duración aproximada de 50 minutos.

VISITAS GUIADAS EN FIN DE SEMANA

Sábado 19 de maio ás 12:00 h / De balde

O público poderá achegarse ao CGAC para gozar das exposicións Muntadas. Estratexias do desprazamento e Carlos Garaicoa. El palacio de las tres historias acompañado por mediadoras especializadas en arte. Esta visita ten como finalidade estimular o interese pola creación artística contemporánea e facilitar a comunicación entre o espectador e as obras de arte.

Para participar nesta actividade non é preciso solicitar cita previa. A visita partirá da recepción do CGAC. O grupo formarase por orde de chegada ata un máximo de 25 persoas. A visita terá unha duración aproximada de 50 minutos.

TALLERES PARA FAMILIAS. O MOVEMENTO

VÍDEO E MOVEMENTO. PIPILOTTI RIST

Sábado 19 de maio: para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos Domingo 20 de maio: para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos Prazo de inscrición: do 7 ao 18 de maio

Pipilotti Rist, débelle o seu nome artístico ao personaxe infantil Pippi Langstrumpf, con quen comparte un espírito libre, crítico e disparatado. A artista emprega imaxes que nos resultan familiares como ferramenta para evidenciar os estereotipos e as ideas preconcibidas que nos amosan a televisión e a publicidade. Emprega o formato do videoclip con imaxes brillantes de cores saturadas e alegres pero cun discurso crítico. Proxecta as súas montaxes sobre obxectos domésticos como cadeiras de brazos, cortinas, mobles de cociña, nas paredes ou no chan, envolvendo os espazos con imaxes en movemento. Nestas sesións crearemos novos ambientes espaciais buscando o movemento a través da expresión corporal e da utilización do vídeo.

Folleto da actividade


CGAC
SERVIZO DE ACTIVIDADES E PROXECTOS EDUCATIVOS
Rúa Ramón del Valle Inclán 2, 15703 Santiago de Compostela
Tel.: 981 546 602/31 / cgac.educacion@xunta.gal / www.cgac.xunta.gal





Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal