Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
TALLER DE ARTISTA CON FERMÍN JIMÉNEZ LANDA: FACER DÚAS VECES

16 xullo - 20 xullo 2018

TALLER DE ARTISTA CON FERMÍN JIMÉNEZ LANDA: FACER DÚAS VECES

O taller consiste en repetir unha serie de obras de arte para poder vivir experiencias que só o autor viviu e que nos son vedadas aos demais artistas polo respecto á autoría, por aquilo de que xa se fixeron unha vez. Os traballos son sinxelos en canto á súa factura, simples na súa estrutura e baratos.

Estaban aí, como acazapados na realidade, esperando a ser descolgados, e poderíansenos ocorrer a nós pero, para a nosa desgraza, non foi así. Con todo, é ese estar ao alcance da man mediante unha pequena faísca o que nos produce un estraño xúbilo ao velos por primeira vez.

Por uns días esquecemos os nosos egos, os prexuízos e perdémoslles o respecto a uns cantos artistas, tomando as súas accións como partituras. Traballamos desde un medio distinto ao da propia creación, retomando o modelo de bricolaxe artística colectiva.

Exemplos de accións:
Boris Achour: L’aligneur de pigeons (1996). Liña de comida para pombas a crear unha liña de pombas.
Francis Alÿs: Paradox of Praxis 1. Sometimes Making Something Leads to Nothing (1997). Arrastrar un gran bloque de xeo pola cidade ata que descalle completamente.
Leopold Kessler: Good Old Times (2000). Reactivar cheminea de fábrica abandonada con máquina de fume.
Ivan Argote: Plus Formel (2009). Un grafiti revolucionario reescrito en Times New Roman.
Leopold Kessler: Ghost Terraces (2009). Mesa de terraza de restaurante colocada na rúa sen restaurante ningún.
Roman Ondak: Good Feelings in Good Times (2003). Facer colas ficticias de xente en portas onde non ocorre nada.
Roman Ondak: Lucky Day (2006). Tirar unha cantidade desorbitada de moedas nunha fonte.

Esta segunda vida das accións permitiranos revivir en primeira persoa reflexións alleas sobre a vida cotiá, os ritos, sobre o temporal, o procesual, as posibilidades da arte de incidir na realidade, as relacións e tensións entre imaxes, palabras e ideas, a idea do potencial, o latente ou o ausente, os xestos mínimos, a atención escultural, as convencións e límites do espazo público e a convivencia nas cidades.

Cada día intercalaranse pequenas sesións de visionamento de referentes, traballos propios e breves pezas de vídeo co groso do taller que será a praxe exposta no espazo público.

Fermín Jiménez Landa


FERMÍN JIMÉNEZ LANDA (Pamplona, 1979)

Realizando accións, intervencións públicas, vídeo, instalacións ou debuxo, traballa en procesos de equivalencia, investimento e intercambio que nos fan ver a realidade desde un punto equidistante entre o absurdo e o sensato, o entrañable e o iconoclasta, o empírico e o inverificable.

Entre os seus proxectos e exposicións atópanse Bamboleo de Chandler (Nogueras Blanchard, Barcelona, 2017), El rayo verde (La Gallera, Valencia, 2016), Turno de noche (Artium, Vitoria, 2015), Las puertas (La Casa Encendida, Madrid, 2012), Amikejo (Laboratorio 987, MUSAC, León 2011), Actos oficiales (Espai Montcada, CaixaForum, Barcelona, 2008); e entre as súas exposicións colectivas están When Animals Talked to Humans (Galería Travesía Cuatro, Madrid, 2018), Manifesta 11 (Zúric, 2016), Generaciones 2015 (La Casa Encendida, Madrid, 2015), Sin motivo aparente (CA2M, Madrid, 2013). 


HORARIO

De luns a venres de 10:00 a 14:30 h
Mércores e xoves de 10:00 a 14:30 h e de 16:00 a 19:30 h

DESTINATARIOS: artistas, estudantes de Belas Artes, estudantes ou profesionais das artes escénicas, a antropoloxía e a socioloxía ou calquera persoa interesada na temática proposta.

PRAZAS: 15

INSCRICIÓN

As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. As solicitudes deberán indicar o seu nome completo, enderezo de correo electrónico, teléfono de contacto e área de traballo ou interese.

MATRÍCULA DE BALDE 

DIRECCIÓN: Fermín Jiménez Landa

COORDINACIÓN: Virginia Villar

Folleto da actividade







Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal