Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado
Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Vimeo Instagram rss
ENCONTRO CO ARTISTA IGNASI ABALLÍ

11-12 xullo 2011

ENCONTRO CO ARTISTA IGNASI ABALLÍ

Ignasi Aballí (Barcelona, 1958). Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, onde vive e traballa na actualidade, é un dos principais artistas do panorama contemporáneo español e ten unha importante proxección a nivel internacional.

Partindo da pintura e da fotografía como medios de produción habituais, a obra de Aballí supón unha continua reflexión sobre os materiais e os procesos de creación artística, cuestionando a razón de ser da pintura e das imaxes que xera. Os principais axentes construtores do seu discurso artístico son as ideas de simulación, de ilusión, de aparición en contraposición coa ausencia, a invisibilidade ou a transparencia. Estes aspectos están en relación co paso do tempo, do efémero e das pegadas que permanecen dos obxectos pasados cando só queda a súa ausencia, espazos que debe encher en ocasións a imaxinación.

Desde a súa participación na Bienal de Sidney de 1988, a presenza de Aballí nas principais institucións artísticas e galerías de todo o mundo foi constante. Nos últimos anos a súa obra foi exposta na Bienal de Venecia de 2007 e en diversas exposicións, tanto individuais como colectivas. En relación coa idea do tempo destaca a exposición 0-24 h, que se presentou en distintas sedes nos anos 2005 e 2006 —MACBA (Barcelona), Museu Serralves (O Porto), Ikon Gallery (Birmingham) e ZKM (Karlsruhe)—, a exposición Tempo morto, na Galería Pedro Oliveira (Porto), e a participación en PhotoEspaña 2010 con Secuencias temporales.

Así mesmo realizou diferentes obras nas que afonda sobre a idea de rexistro ou arquivo como Calendarios, Inventario ou Listados, proposta que deu lugar a un libro de artista presentado recentemente en Art Basel 2011. As ausencias e presenzas e a súa relación co espazo deron lugar a proxectos como Nothing, or Something (Today Art Museum, Pequín, 2009), Transparencia (Centre d’Arts Contemporànies de Vic, 2010-2011) ou a intervención no edificio do CA2M, Centro de Arte Dos de Mayo (Madrid) con motivo da exposición colectiva Colección III (2011).

Tamén foi comisario, xunto con Melcior Comes e Vicent Sanchis, da exposición BVP: Barcelona- València- Palma. Unha historia de confluencias e diverxencias celebrada no CCCB (Barcelona, 2010) onde se puñan de relevo os paralelismos entre as tres cidades tendo en conta as paisaxes urbanas e a súa influencia na xeografía humana.

DIRECCIÓN: Ignasi Aballí

COORDINACIÓN: Gema Baños, Ana Rodríguez

HORARIO: De 10:30 a 13:30 h e de 15:30 a 18:30 h

DESTINATARIOS: A actividade está dirixida a artistas profesionais ou en formación.

INSCRICIÓN: As solicitudes para participar nesta actividade pódense presentar na recepción do CGAC, chamando aos teléfonos do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos do CGAC ou por correo electrónico indicando os seguintes datos do candidato: nome, idade, enderezo postal, enderezo de correo electrónico, teléfono de contacto, formación e un breve comentario sobre as razóns polas cales desexan participar neste encontro.

PRAZAS: 20. Todos os candidatos recibirán resposta á súa solicitude mediante correo electrónico.

MATRÍCULA: De balde

Entregarase certificado de asistencia.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal