Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado 

Durante o nadal, o CGAC permanecerá pechado os seguintes días:
24 e 25 de decembro
1 e 6 de xaneiro






Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
WOS  FESTIVAL  2018

12 - 16 setembro

WOS FESTIVAL 2018

RELACIÓN DE ACTIVIDADES DO WOS FESTIVAL 2018 NO CGAC

Venres 14 | 16:00 | Auditorio | Entrada libre ata completar capacidade

CULTURA DE CLUB: PANORAMA DA MÚSICA ELECTRÓNICA EN ESPAÑA/ENCONTRO

Coincidindo coa publicación de Loops 2: Unha historia da música electrónica no século XXI, abordamos a evolución da música electrónica desde a perspectiva da escena nacional da man do propio autor, Javier Blánquez.

O salto das raves aos festivais como exemplo da súa capacidade de adaptación aos novos hábitos de consumo, o papel actual da chamada cultura de club na era das redes sociais e a irrupción constante de novas correntes como síntoma do relato cultural do novo milenio.

Participan:

Javier Blánquez é unha das máximas autoridades en música electrónica do noso país e responsable do recentemente reeditado Loops 1 -que coordinou xunto a Omar Morera- e da súa continuación, Loops 2, unha extensa segunda parte desta “Biblia da música electrónica”que abarca, ao longo de case setecentas páxinas, a evolución do xénero desde os albores do século XXI e ata a actualidade. www.loopslibro.com

Frankie Pizá é xornalista musical. Cofundador de Concepto Radio, actualmente conduce o programa Bamboleo da RBMA e é redactor xefe de This Is Underground, un medio de comunicación que achega contexto, rigor e paixón pola experimentación con novos formatos e a profundización nas ideas para o futuro. www.tiumag.com

Natalia García é manager e representante de artistas. A súa traxectoria profesional con Peacock DJ Agency permaneceu ligada á promotora La Real Produciones depositaria do legado da mítica discoteca ovetense que programou ás principais figuras de techno mundial a mediados dos anos noventa e cuxo espírito trasladou á programación de grandes eventos como o festival Aquasella. www.peacockdjagency.com

Modera:

Abraham Rivera é director e locutor de Retromanía en Radio 3, colaborador en Tentaciones de El País e programador de Electrónica en Abril, unha das citas ineludibles para estar ao día das tendencias do panorama electrónico contemporáneo.

TEMOS QUE FALAR: NOVAS POLÍTICAS DE XESTIÓN CULTURAL / ENCONTRO

Sábado 15 | 16:00 | Auditorio | Entrada libre ata completar capacidade

Como poden dialogar os novos axentes culturais coas institucións? Nun contexto de restricións orzamentarias, a iniciativa privada abriu o debate sobre a xestión do espazo público, os problemas de financiamento vinculados á práctica do mecenado e o patrocinio, ou a identificación dun público estratéxico. Do xeral ao particular, tentaremos propoñer alternativas para a resolución de conflitos desde o punto de vista da xestión cultural e a regulación administrativa.

Participan:

Xavier Campos é membro fundador da xunta directiva da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e asesor cultural da Deputación da Coruña. www.xestoresculturais.gal

Branca Novoneyra é concelleira responsable de Acción Cultural, con competenciasen Cultura (Auditorio de Galicia, Teatro Principal e Zona C) e Festas, ademais de escritora, bailarina e coreógrafa.

Manuel A. Fernandes é responsable de comunicación de Braga Media Arts, un proxecto de referencia para a maioría dos temas para tratar no coloquio e que mereceu o recoñecemento de Cidade Creativa da UNESCO ao reforzar as relacións entre arte e tecnoloxía e potenciar unha rede de traballo contemporánea e transdisciplinar cuxos beneficios reverten na sociedade, cultura e economía da cidade. www.bragamediaarts.com

Horacio González iniciou a súa relación coa creación dixital e os novos medios como coordinador do Festival IFI. Formou parte dos colectivos VHPlab e Escoitar en calidade de artista multidisciplinar e desenvolvedor de software e é o impulsor do proxecto de acción crítica e enxeñería cultural chamado Agentes del Caos iniciado en outubro de 2014. www.vhplab.net / www.agentesdelcaos.net

Rut Balbís é bailarina, creadora e profesora de danza. Forma parte do Colectivo RPM responsable do programa Residencias Paraíso de danza e creación contemporánea, unha innovadora iniciativa de investigación ao redor das artes do movemento que conseguiu interactuar con distintas institucións galegas: concellos, deputacións, Agadic e outros. www.colectivorpm.gal

Baltasar Patiño é cofundador de Matarile Teatro, impulsor durante doce anos doFestival Internacional de Danza En Pé de Pedra e promotor de espazos de exhibición para a creación contemporánea, como o Teatro Galán e sala Montiel, un espazo in-permanente de exhibición e resistencia, independente de orzamentos e normativas oficiais. www.matarileteatro.net

Modera:

Javier Martín é coreógrafo e investigador. Impulsa un proxecto de corte epistemolóxico ao redor das artes do movemento que contempla a creación de espectáculos, a teoría, a activación e desenvolvemento de grupos de investigación, seminarios e conferencias. www.javiermartin.gal

ASUNA: 100 KEYBOARDS / PERFORMANCE

Sábado 15 | 17:30 | Hall | Entrada libre ata completar capacidade

100 Keyboards é unha performance sonora creada polo artista Asuna Arashi. Procedente da escena experimental xaponesa, Arashi explora nesta obra os efectos físicos e psicolóxicos inducidos polas diferentes profundidades de son que forman parte da xeografía dun espazo.

En 100 Keyboards un centenar de teclados de xoguete emiten notas suspendidas de acordo ás teclas que o artista bloquea con espátulas. As múltiples ondas sonoras expándense en diversas direccións, creando unha complexa distribución de presións acústicas que xera un “moiré ” de interferencias sónicas. Esta sinfonía ou “moiré sónico” tradúcese nunha experiencia auditiva única, específica do sitio no que se produce, configurada polo resultado da diferenza entre os sons, o espazo no que se reproducen, e o movemento do espectador. A inmersión na obra revela sutís variacións acústicas que emerxen e se retraen, hipnóticas capas de son e unha variación infinita de resonancias.

A pesar de ser considerado un novo talento da arte sonora e a vangarda xaponesas, a traxectoria de Asuna Arashi remóntase aos 90. Pioneiro e figura clave na escena de ambient, drone e experimental de Tokio, Arashi publicou numerosas referencias discográficas en selos de todo o mundo. Nos últimos anos o seu traballo focalízase no campo da performance e as instalacións, especialmente na fronteira que desdebuxa a división entre arte e música.

ABU SOU / DJ SET

Sábado 15 | 16:00 | Terraza | Entrada libre ata completar capacidade  


Abu Sou forma parte da crew da tenda barcelonesa Discos Paradiso, e é o director e presentador do programa de radio centrado no coleccionismo musical Canela En Surco. A translación do seu programa ao club levouno a picar en salas e festivais de todo o estado (Razzmatazz, Moog, Nitsa, Lanna Club, RBMA, Weekender, Bilbao BBK Live ou Cruilla entre outros), así como a abrir e pechar veladas para xente como Larry Heard, Floating Points, Hunee, Terrence Parker, Dj Nature, Andrés, Moodyman, Lena Willikens ou Tako. Nos próximos meses o seu programa de radio bifurcarase en selo discográfico coa reedición de ‘Universo dá Ilha’ de Vasco Martins, un disco producido nos anos 80 en Cabo Verde.

A súa procura céntrase na música producida no Oeste africano, Caribe e Sudamérica, aínda que no set para WOS promete incluír algún experimento galaico-portugués de décadas pasadas.

PROGRAMA COMPLETO

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal