Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
FILOCAFÉ 2018 - 2019

7 outubro 2018- 7 abril 2019

FILOCAFÉ 2018 - 2019

Horario: de 18:30 a 20:00 h

Coa chegada do outono estreamos unha nova edición do Filocafé no CGAC, coa colaboración da Asociación Galega da Crítica. A cita terá lugar o primeiro domingo de cada mes ás 18:30 horas (desde outubro ata abril) na Cantina do CGAC.

Os filocafés son conversas públicas nas que poden participar todas as persoas interesadas en intercambiaren inquietudes ou puntos de vista desde calquera área ou nivel de coñecemento.

As sesións estarán dirixidas por profesionais de diversas disciplinas como Encarna Otero (curiosa para albiscar, galega feminista para mudar o mundo), Nicasio Gradaille (músico e profesor), Román Padín (especialista en museos e moda), Gena Baamonde (creadora e directora escénica) e Emma Pedreira (narradora e poeta).

A fórmula que propoñemos para os filocafés consiste en retirar dos almacéns unha obra de arte da Colección CGAC co fin de que esta sirva de acompañamento á conversa e propicie un debate ao seu arredor. A peza elixida empregarase como punto de partida. Con todo, non só falaremos de arte senón tamén doutros asuntos que suxira a obra a nivel temático, conceptual, formal ou anecdótico. Podemos falar de ciencia, gastronomía, política, música, cine, estética, actualidade... cousas mundanas ou elevadas, de xeito que todas as persoas que o desexen poidan opinar e achegar as súas reflexións sobre os temas que vaian xurdindo de xeito espontáneo mentres gozan dun café.

PROGRAMA

7 de outubro. Encarna Otero, historiadora e política
2 de decembro. Nicasio Gradaille, profesor e músico
3 de febreiro. Román Padín, especialista en museos e moda 3 de marzo. Gena Baamonde, creadora e directora escénica 7 de abril. Emma Pedreira, narradora e poeta

ENCARNA OTERO (Santiago de Compostela, A Coruña, 1950)

Defínese polos seus estudos en Francia, o seu traballo e vocación de ensinante, a súa militancia feminista, o seu traballo político no nacionalismo, o seu traballo acerca da historia das mulleres (no álbum de mulleres na comisión de igualdade do Consello da Cultura), a súa actividade na escrita, dous libros de contos ilustrados editados por Galaxia, o documental A luz do negro, sobre o traballo das mulleres no wolframio, e a súa condición de compostelá de vida e de corazón.

NICASIO GRADAILLE (Neda, A Coruña, 1964)

Afincado en Vigo, onde é profesor no Conservatorio Superior de Música, é pianista e membro fundador do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) de Santiago de Compostela. Obtivo o título de doutor na Universidade de Vigo cunha tese sobre o Concert for Piano de John Cage. Gravou para a Radio Galega as Sonatas and Interludes deste compositor norteamericano e impartiu seminarios sobre a súa obra para piano en diversos conservatorios europeos coma os de Gante, Leeds, Viena, Aveiro ou Londres (Royal College of Music). Interesado na música contemporánea, participou nos festivais Via Stellae (Santiago de Compostela), Semana do Corpus (Lugo), Espazos Sonoros (Ourense, Vigo e Sada), Semana de Música Religiosa (Cuenca) ou o Festival Internacional de Música y Danza (Granada). Gradaille foi galardoado co primeiro premio no Concurso Internacional Xavier Montsalvatge (Música para Piano do Século XX) de Girona e no Concurso Nacional Gregorio Baudot de Ferrol.

ROMÁN PADÍN OTERO (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 1966)

Licenciado en dereito e doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo coa tese “La articulación de la moda en el espacio museístico en el cambio de milenio”. É profesor na Escola Superior de Moda de Galicia (ESDEMGA) e no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo. Colabora ademais en diversos xornais, suplementos e revistas especializadas, entre outros, “Faro da Cultura” do Faro de Vigo, El Correo Gallego, Mugalari, Gara, Serendipia e Artnotes.

MULLERONA (GENA BAAMONDE) (Ribeira, A Coruña, 1970)

Directora, actriz e creadora. Titulada en Dirección de Escena, cursou estudos de posgrao e ten un mestrado en Artes Escénicas. Na actualidade desenvolve a súa actividade como investigadora predoutoral na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, onde está a traballar nunha tese titulada “Sexualidades des-xeneradas na práctica escénica contemporánea”. Vinculada durante anos a Matarile Teatro, Teatro Galán e ao festival de danza En Pé de Pedra, funda a compañía María a Parva, onde dirixiu e escribiu o texto orixinal das obras Mullerona, Xogo para nenas e Indignos. Tamén foi asistente de dirección e dramaturxia en diversas montaxes de compañías coma o Centro Dramático Galego, Factoría, Disque Danza, A Artística, Helen Bertels ou Voadora. Vén de dirixir os espectáculos Elisa e Marcela para A Panadaría Teatro, Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos para Matrioshka Teatro e Nómades para a compañía Xarope Tulú. Vai desenvolver o seu proxecto Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos dentro do programa Residencias Paraíso do colectivo RPM.

EMMA PEDREIRA (A Coruña, 1978)

Licenciada en Filoloxía hispánica, é unha escritora en lingua galega. Forma parte da plataforma de crítica feminista A Sega. Como poeta está encadrada na coñecida como xeración dos noventa e a súa obra abrangue máis de dez títulos poéticos entre os que se atopan s/t, O libro das mentiras ou o recente Antídoto, publicado en edición bilingüe galego-castelán por Alvarellos Editora. En 2017, un dos poemas incluídos neste poemario foi considerado o Mellor Poema do Mundo e galardoado co Premio de Poesía Jovellanos. Como narradora cultiva as formas curtas, en libros de microrrelatos como Corazón e demais tripas ou Bibliópatas e fobólogos. Este último valeulle o Premio da Crítica Española no apartado de narrativa en lingua galega en 2018. Recibiu tamén o Premio Xerais de Novela por Besta do seu sangue e o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño por As voces ágrafas, tres dos máis grandes galardóns das nosas letras.

Folleto da actividade

COORDINACIÓN: Virginia Villar


Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal