Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado

Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
ACTIVIDADES 25 ANIVERSARIO

26 - 30 setembro

ACTIVIDADES 25 ANIVERSARIO

MÉRCORES, 26 DE SETEMBRO

19:00 h

CHARLA ENTRE DIRECTORES DO CGAC

Coa participación de Antón Pulido, Miguel Fernández- Cid, Miguel von Hafe Pérez e Santiago Olmo Auditorio do CGAC

Un exercicio de diálogo, memoria e reencontro xa que o museo de hoxe é froito do traballo colectivo dos equipos do centro e dos seus directores así como da interacción das ideas e propostas formuladas con e para os diversos públicos. Unha excelente ocasión para transmitirlle á cidadanía a importancia dun proxecto que debe sentir como propio e subliñar o seu carácter colectivo.

XOVES, 27 DE SETEMBRO

21:00 h

PERCORRIDO INAUGURAL POLA INTERVENCIÓN DE JAVIER RIERA NO PARQUE DE BONAVAL

Hall, Espazo de Proxectos do CGAC e parque de Bonaval / Entrada libre e de balde

A construción do edificio do CGAC realizouse paralelamente e en diálogo coa transformación da antiga horta do convento de San Domingos de Bonaval nun parque a través da colaboración de Álvaro Siza Vieira e a paisaxista galega Isabel Aguirre. A modo de celebración desta radical e decisiva transformación urbana da cidade de Santiago, Javier Riera (Avilés, Asturias, 1965) concibiu un breve paseo polo parque de Bonaval á noitiña: cando se apaga o sol a escuridade deixa aparecer sobre as árbores formas e xeometrías a través de proxeccións que crean un instante escenográfico. No interior do museo e para completar a visión do seu traballo, o artista presenta diversas proxeccións xunto a dous libros das súas recentes cianotipias, que conectan co desenvolvemento das imaxes proxectadas. Asemade, no Espazo de Proxectos, amosarase unha selección de intervencións lumínicas en espazos naturais nas que se pode apreciar o paso do tempo do día á noite.

O traballo de Javier Riera baséase en proxeccións de luz de forma xeométrica, realizadas directamente sobre a vexetación e a paisaxe. Utiliza a fotografía como medio de rexistro e difusión do sucedido, sen manipulala dixitalmente. Céntrase, por tanto, nunha experiencia de intervención real sobre o espazo e o tempo da paisaxe, que o aproxima ás propostas da land art.

A relación entre xeometría e natureza adquire neste traballo un carácter meditativo, apelando a unha convivencia do público co poder de suxestión da modificación da paisaxe á que asiste, que aspira a ampliar a súa percepción, tendendo pontes cara a calidades e dimensións ocultas dos espazos nos que se produce. Riera entende a xeometría como unha linguaxe natural anterior á materia, capaz de establecer con ela un tipo de resonancia sutil e reveladora.

VENRES, 28 DE SETEMBRO

20:00 h

DANZA: CLOSER
Thomas Noone Dance Company CGAC / Entrada libre e de balde

Esta obra xorde do interese do director e coreógrafo Thomas Noone pola investigación sobre as diferentes linguaxes da danza, as colocacións na escena e as diversas perspectivas vivenciais para o público. Thomas Noone crea obras corais e desenvolve linguaxes específicas para cada bailarín cuestionando quen somos, que somos e como manifestamos a nosa humanidade mentres intentamos controlar o noso lado animal.

21:00 h

ARTE & LOUNGE

A Cantina do CGAC / Entrada libre e de balde

Á noitiña, cuns petiscos, os asistentes poderán experimentar a intervención de Javier Riera sobre a paisaxe do parque.

As proxeccións no parque poderanse ver os días 27, 28 e 29 de setembro, e 6, 13 e 20 de outubro desde o solpor até a medianoite. O público poderá gozar desta intervención entrando no parque desde o acceso flanqueado polo CGAC e o Museo do Pobo Galego.

22:00 h

CONCERTO: BOMBINO, ROCK TUAREG

Exterior do CGAC / Entrada libre e de balde

A noite do venres contará coa actuación de Bombino, que fusiona ritmos bérberes tradicionais coa enerxía do rock. Bombino presentará o seu novo álbum Deran (Partisan Records, maio de 2018) xunto ao tuareg Illias Mohammed á guitarra e voz, o estadounidense Corey Wilhelm á batería e percusión, o mauritano Youba Dia ao baixo, o percusionista marroquí Hassan Krifa e con Anana ag Haroun Assouf e Toulou Kiki nos coros. Un traballo que traza un itinerario polo deserto a través dos misteriosos sons contemporáneos procedentes do Sáhara.

SÁBADO, 29 DE SETEMBRO

11:00-19:00 h

MARATÓN DE TALLERES

Exterior do CGAC / Acceso libre e de balde

Realizaremos tres talleres simultáneos de creación plástica para todos os públicos dirixidos polo equipo do artista Alejandro Marote. Os talleres terán lugar durante todo o día e non será precisa a inscrición previa, de xeito que o público poderá sumarse no momento que queira a cada unha destas tres actividades. Convidaremos as persoas participantes a crear e intervir diversas estruturas xeométricas compoñendo unha grande instalación.

Taller Equipo A
Neste taller de estampación os asistentes aprenderán o proceso de serigrafía a varias cores. Empregaremos recortes de siluetas fotográficas para deseñar os nosos propios modelos. O público poderá traer as súas pezas de roupa para realizar os deseños.
O CGAC agasallará as 50 primeiras persoas que se acheguen ao taller con camisetas ou bolsas de tea do 25 aniversario para facer as serigrafías.

Taller Megalópolis 
Neste taller reflexionaremos sobre a cidade do futuro e a sustentabilidade. Analizaremos a xeometría que cimenta e que contén a natureza e crearemos maquetas de edificios con cartón reciclado que interviremos mediante diferentes procesos plásticos como a serigrafía, a pintura ou a colaxe. O resultado será a construción grupal dunha megalópole que se colgará nunha grande estrutura pendular en forma de icosaedro. Un pequeno gran planeta artístico, fantástico e colaborativo.

Taller (Meta)morphosis
Durante esta actividade experimentaremos co proceso que vai da figuración á abstracción pura e traballaremos arredor da xeometría e dos fractais presentes na natureza. Partiremos dunha grande esfera de 4 metros de altura que interviremos a partir de diferentes técnicas plásticas para construír, mediante o traballo colaborativo, unha grande escultura poliédrica.

13:00 h

SESIÓN VERMÚ CON MÚSICA EN DIRECTO: ALÓ DJANGO, GYPSY SWING

Exterior do CGAC

Co gallo do 25 aniversario do centro, o grupo galego Aló Django amenizará a sesión vermú cun repertorio musical inspirado no jazz e na música dos xitanos manouche centroeuropeos dos anos vinte.

Se o tempo o permite a sesión vermú terá lugar na explanada exterior do CGAC ou na cantina do CGAC, se chove.
Aló Django: Xabier Mera, guitarra e voz / Quim Fariña, violín / Alfonso Calvo, contrabaixo / David Tato Rodríguez, guitarra

DOMINGO, 30 DE SETEMBRO

13:00 h

CINE CON MÚSICA EN DIRECTO

Auditorio do CGAC

Propoñemos de novo unha viaxe aos tolos anos vinte con esta selección fílmica para festexar os 25 anos do CGAC.
A formación Caspervek Trío interpretará en directo a banda sonora composta por Brais González para a obra mestra de cinema O maquinista da xeral, do ano 1926. Unha comedia de acción trepidante para todos os públicos, dirixida e protagonizada por Buster Keaton, que se proxectará no auditorio do CGAC. Caspervek Trío: Blas Castañer, percusión / Eduards Vecbastiks, violín / Brais González, composición e piano

Programa das actividades





Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal