Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado 

Durante o nadal, o CGAC permanecerá pechado os seguintes días:
25 de decembro
1 e 6 de xaneiro



Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
CURSO DE HISTORIA DA ARQUITECTURA. INTRAHISTORIAS DA ARQUITECTURA.

20 marzo - 5 xuño 2019

CURSO DE HISTORIA DA ARQUITECTURA. INTRAHISTORIAS DA ARQUITECTURA.


Horario: mércores de 19:00 a 20:30 h

Intrahistorias da arquitectura é un programa nado con vocación didáctica, un curso apoiado no impulso investigador e científico, con carácter divulgador e crítico.

Nesta primeira edición proponse unha serie de temas claves para interpretar a realidade arquitectónica que nos rodea, da que para ben ou para mal, non podemos escapar. A arquitectura acompáñanos no noso día a día, facilítanos ou ás veces entorpécenos, excítanos, incomódanos, suxírenos, reláxanos ou impresiónanos.

Faremos un percorrido polas diferentes escalas da disciplina, as súas relacións coa sociedade, a técnica, os efectos dos movementos sociais, o xénero, o patrimonio, a autoconstrución, as modas, o fenó- meno do arquitecto estrela, a estética, as relacións entre disciplinas, os dogmas, a construción, a educación, o bio, o eco, a investigación, o territorio e, por suposto, falaremos de política.

A arquitectura é unha desas disciplinas ricas en contidos cuxa intrahistoria está chea de actores secundarios e cuxos efectos trans- versais abren múltiples camiños para a investigación, o debate ou o faladoiro. Convertidas todas elas en formato de curso, o CGAC lanza esta proposta dirixida polo educador e arquitecto Fermín Blanco, e convida o público cada mércores a estes encontros nos que trataremos a vida desde unha perspectiva moi construtiva.

PROGRAMA

MARZO

20 marzo Intrahistorias da arquitectura. Como diciamos onte...

27 marzo Coñecemento compartido, aprendendo da tradición. Leccións colectivas sen mestre

ABRIL

3 abril Arquitectura con acento. A arquitectura do material. Preguntádelle ao ladrillo o que quere ser

10 abril O refuxio, reflexións sobre o espazo mínimo. Da cabana de Thoreau aos pisos colmea

24 abril Cando os traballos comunitarios non son un castigo. Facenderas

MAIO 

8 maio A arquitectura educa. Sobre a educación e os seus espazos

15 maio Vivir a arquitectura. Visita, xornada experiencial

22 maio   Integración das artes; casos de estudo en clave optimista

29 maio A miña estética é a miña ética. Por que lle din feísmo?

XUÑO

5 xuño Clausura do curso. Taller práctico de construción co Sistema Lupo*

METODOLOXÍA

Neste curso achegámonos ás bases conceptuais da arquitectura.
Os temas elixidos serán transversais a varias disciplinas co que se busca fomentar a participación dun público heteroxéneo interesado

na arquitectura (pero non especificamente experto nela).
Trataremos de integrar diferentes medios nas sesións e, en paralelo, propónse un terceiro tempo nas redes sociais (#intrahistoricos) a través do grupo de Facebook “Club de Arquitectura”, moderado por Fermín Blanco.

FERMÍN BLANCO (La Pola, Asturias, 1977)
É doutor arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid e arquitecto pola ETSAVA. A súa traxectoria profesional está impregnada polo carácter educativo e divulgativo dos seus proxectos, sempre nun ámbito híbrido entre disciplinas. Desde 2011 é profesor de Sistemas de Construción na IE School of Architecture and Design. Comeza a súa experiencia profesional co arquitecto Manuel Gallego (2003-2006) e a partir de 2006 exerce a profesión desde o seu propio estudio de arquitectura na Coruña. Durante estes anos realizou exposicións e impartiu cursos e conferencias relacionados coa arquitectura, o deseño e a didáctica. En 2008 funda Sistema Lupo, un paraugas baixo o que actualmente se acubilla un excelente equipo de profesionais implicados no binomio arquitectura-educación. A súa premiada tese doutoral, “Los huesos de Fisac: la búsqueda de la pieza ideal”, marcou o inicio dunha serie de proxectos de carácter científico-divulgativo sobre a transferencia do coñecemento desde a técnica e a arte á sociedade. Na actualidade coordina entre outros os programas Nenoarquitectura na Fundación Luís Seoane de Coruña, e MIES é + no CGAC e é presidente-coordinador (ocasional) da Asociación Ludantia Arquitectura e Educación. 

www.ferminblanco.com

INSCRICIÓN: O prazo de inscrición estará aberto desde o 5 de novembro ata o 19 de marzo de 2019. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal na que deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación e as indicacións precisas para realizar o pagamento da matrícula.

PRAZAS: 150

MATRÍCULA: 30 €

PERSOAS DESTINATARIAS: estudantes, profesorado, público interesado na historia da arquitectura e na historia da arte.

CERTIFICACIÓN: O CGAC entregaralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75% das sesións.

COORDINACIÓN: Virginia Villar

* O Sistema Lupo está constituído por pezas modulares que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción.

Folleto da actividade






Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal