Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado 

Durante o nadal, o CGAC permanecerá pechado os seguintes días:
25 de decembro
1 e 6 de xaneiro



Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
PROGRAMA DE EDUCACIÓN ARTÍSTICA PARA  A INTEGRACIÓN DE PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL:  AULA DIVERSA. ARTE, NATUREZA E ABSTRACCIÓN

28 novembro 2018 - 29 maio 2019

PROGRAMA DE EDUCACIÓN ARTÍSTICA PARA A INTEGRACIÓN DE PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL: AULA DIVERSA. ARTE, NATUREZA E ABSTRACCIÓN


Horario: mércores de 17:00 a 19:30 h

O CGAC presenta un novo programa de educación artística dirixido a todos os públicos para a integración de persoas con diversidade funcional.

A educadora Adriana Pazos Ottón deseña e desenvolve unha proposta de experimentación con e desde a arte contemporánea como ferramenta de inclusión social. O equipo de traballo contará coa colaboración da psicóloga Antía Sarmiento.

Concibimos o museo como un lugar aberto ao encontro das diferenzas, exercendo a responsabilidade e o compromiso de establecer accións integradoras que creen puntos de encontro. O programa busca facilitar a todos e todas o acceso á experiencia museística abríndose á pluralidade de lecturas, á reflexión crítica e ao intercambio, aglutinando diferenzas intelectuais, sociais, ideolóxicas, educativas, culturais e emocionais a través de estratexias educativas e creativas. Un espazo de aprendizaxe inclusiva no que todo o mundo poida achegar os seus coñecementos e experiencias desde as súas perspectivas múltiples para xerar un foro físico, conceptual e social común.

Esta primeira edición dedicarémoslla á relación entre a arte, a natureza e a abstracción.

As sesións estarán adaptadas ás necesidades específicas dos colectivos asistentes e combinarán visitas guiadas con talleres didácticos.

Partiremos de visitas guiadas ás exposicións temporais do CGAC para que as persoas participantes poidan coñecer e familiarizarse co espazo museístico en permanente transformación e coa diversidade de artistas, discursos, soportes e propostas que a arte contemporánea ofrece.

Achegarémonos ao traballo de artistas que centran o seu interese na natureza desde diferentes perspectivas e medios, como Richard Long, Robert Smithson, Giuseppe Penone, Fernando Casás, Guillaume Leblon, Ana Mendieta ou Eva Lootz.

METODOLOXÍA

As dinámicas dos talleres proporán reflexións, accións e experiencias ao redor destes conceptos:

•O espazo da paisaxe: apropiar, construír, habitar, desposuír, ocupar, aniñar, soltar, voar, proxectar, escavar... espazo óptico.

•Estar na paisaxe: punto de vista, elaboración, fantasía, percepción, emoción, exposición, atmosfera, ámbito... espazo táctil e sonoro.

•Recrear a paisaxe: cartografía, deriva, historia, rastrexo e radar...espazo íntimo

Analizaremos o medio natural e a intervención que realiza o ser humano, as formas xeométricas e orgánicas que contén, as composicións abstractas que xera... e traballaremos ao redor da eficacia da propia orde natural con valores como o da diversidade.

Un dos eixes de interese será a paisaxe e a forma en que esta é habitada e intervida, a nosa maneira de relacionarnos con ela, como se transforma dobregándose aos nosos requirimentos. Trataremos a orde humana e a orde natural, o caos, os padróns, a abstracción e a figuración.

Traballaremos co noso corpo, co espazo que nos rodea e trasladaremos as ideas á experimentación física, escénica, obxectual e plástica.

Ao longo do ano repetiremos a sesión en diferentes datas:

CALENDARIO

SESIÓN I. 28 de novembro

SESIÓN II. 12 de decembro

SESIÓN III. 5 de febreiro

SESIÓN IV. 27 de marzo

SESIÓN V. 24 de abril

SESIÓN VI. 29 de maio

ADRIANA PAZOS OTTÓN é xestora cultural, docente en pedagoxía artística e creatividade, videoartista, performer e fotógrafa. Licenciouse en Belas Artes na Escola Nacional de Belas Artes de Montevideo e en Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. Realiza estudos de Educación e Innovación en Arte e Cultura Dixital na UOC e en técnicas artísticas aplicadas ao traballo de grupo e como vehículo aplicadas á didáctica e á creatividade.

Colaborou no deseño e implantación de didácticas artísticas para exposicións en institucións como Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa, Fundación Luís Seoane, Fundación Barrié, Cidade da Cultura de Galicia, Fundación Granell e Rede Museística Provincial de Lugo.
www.adrianapazosotton.com

ANTÍA SARMIENTO FERNÁNDEZ é licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e máster en Terapias de Terceira Xeración pola Universidade Internacional de Valencia. Traballa a psicoterapia grupal e individual, a reestruturación cognitiva, a terapia cognitivo-condutual e a terapia con EMDR.

INSCRICIÓN: O programa é gratuíto e para participar é necesario escribir a auladiversacgac@gmail.com e indicar o nome do colectivo ou persoas participantes, o nome da persoa responsable, as súas idades, as súas necesidades, un teléfono de contacto e un enderezo electrónico.

As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.

PERSOAS DESTINATARIAS: O programa está dirixido a todos os públicos e idades (adultos e público infantil a partir de 4 anos).

PRAZAS: En función dos colectivos ou persoas que se inscriban na actividade acordarase un número de prazas adecuado para o seu bo funcionamento. Os nenos e nenas de 4 a 8 anos deben asistir acompañados por unha persoa adulta.

DIRECCIÓN: Adriana Pazos Ottón 

COORDINACIÓN: Virginia Villar


Folleto da actividade




Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal