Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado 

Durante o nadal, o CGAC permanecerá pechado os seguintes días:
25 de decembro
1 e 6 de xaneiro



Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
CURSO DE HISTORIA DA ARTE CONTEMPORÁNEA. QUEN TEME A ARTE CONTEMPORÁNEA? APROXIMACIÓNS E AFASTAMENTOS ÁS PRÁCTICAS ARTÍSTICAS DO SÉCULO XX

9 xaneiro - 13 marzo 2019

CURSO DE HISTORIA DA ARTE CONTEMPORÁNEA. QUEN TEME A ARTE CONTEMPORÁNEA? APROXIMACIÓNS E AFASTAMENTOS ÁS PRÁCTICAS ARTÍSTICAS DO SÉCULO XX

Horario: mércores de 19:00 a 20:30 h

A arte do pasado século e a dos nosos días proxectan un desenvolvemento cheo de descontinuidades ateigado de referencias e de linguaxes que se encadean coa tradición artística occidental ou, polo contrario, co seu rexeitamento. A súa interpretación ofrécenos unha variedade de estratexias operativas suxeitas ao hábitat creado polas condicións ambientais de cada momento e á acción particular de cada autor.

O espectador foi a miúdo encaixado nun labor pasivo baseado nun mero procedemento contemplativo no formal e desposuído de toda capacidade de tradución, enfrontándose a un modelo heteroxéneo categorizado en estilos, movementos e axentes; un sistema de escrutinio baseado na maior ou menor abundancia de denominadores comúns ou diverxencias entre autores, obras e comportamentos artísticos.

O sistema da arte —habitualmente máis empeñado na disertación sobre os comos que no descubrimento dos porqués— cultivou unha predilección pola descrición formal, pola localización cronolóxica e, como consecuencia, pola taxonomía como metodo- loxía que une taxis e nomos; ordenamento e norma.

O achegamento á arte contemporánea que propoñemos neste curso parte da refutación da categorización episódica e identifícase con ela. Este traxecto afástase da simplicidade nominal e normativa nun intento de crear unha nova escenografía rica en excepcións posibles e relacións improbables. Un encadramento de situación dislocado no temporal pero suxeito transversalmente aos diferentes movementos, tanto na súa riqueza de resultados, como na súa localización ao longo do tempo.

Procuraremos unha análise dos diferentes comportamentos artísticos como elementos hábiles na tarefa de producir significación desde a interpretación do contorno económico, social e político como coxerador de contidos. Isto permitiranos achegarnos a unha perspectiva multiplicada desde a que, sen estar en disposición de ofrecer respostas, si poderemos mellorar algunhas das nosas preguntas.

Suso Fandiño

PROGRAMA

9 xaneiro Introdución: a invención da arte?

16 xaneiro Algúns impactos da historia da arte sobre a propia arte

23 xaneiro Naturezas, categorías e tipoloxías das vangardas

30 xaneiro A retórica do monumento e o obxecto. De Willendorf a R. Mutt

6 febreiro O manierismo expresionista. O pathos

13 febreiro A síntese idealizada. O ethos

20 febreiro A dexeneración do xénero.

27 febreiro A desaparición da arte A imaxe como reflexo. A cultura popular

6 marzo A imaxe funcionalizada. Arte e poder. Arte e relato mesiánico

13 marzo A arte morreu... viva a arte!

SUSO FANDIÑO

É licenciado e doutor en Belas Artes e Historia da Arte. Nado en 1971 en Santiago de Compostela, a súa traxectoria comeza co cambio de século e desenvólvese ata os nosos días a medio camiño entre a docencia e a práctica artística. Inicia a súa andaina integrado na nova xeración de artistas que protagonizou o cambio de dirección tomado pola arte galega desde a segunda década dos noventa. Entre os seus proxectos expositivos máis coñecidos atópanse as súas colaboracións coas galerías españolas Ad Hoc, T20 e Trayecto, a norteamericana Maus Contemporary ou a portuguesa Pedro Oliveira, onde desenvolve un continuo traballo expositivo e asiste a numerosas feiras de arte contemporánea entre as que cabe destacar ARCO, ao longo de trece edicións consecutivas; LOOP; e as realizadas no exterior: Art Lisboa, Paper Positions Berlin, Liste Art Fair e Drawing Now Paris, entre outras.

No ámbito institucional, leva a cabo proxectos tanto no campo da docencia e a divulgación como no artístico nas institucións máis importantes de Galicia (CGAC, MARCO, Fundación Barrié e MAC, entre outras). A súa obra forma parte de coleccións públicas e privadas españolas e internacionais como a Colección CGAC, a Fundación Coca-Cola, a Fundación Barrié ou a Jan Michalski Fondation. A súa serie Vous etês ici, sobre o conflito sirio, recibiu en 2016 o máximo galardón no 24.o Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos.

DESTINATARIOS: profesorado, estudantes e público interesado na arte contemporánea.

PRAZAS: 150

INSCRICIÓN: O período de inscrición está aberto desde o 25 de outubro ata o 8 xaneiro de 2019. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal. Deben indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un número de teléfono de contacto. Logo de aceptar as súas solicitudes, as persoas inscritas recibirán a información necesaria para realizar o pagamento.

MATRÍCULA: 30

CERTIFICACIÓN: O CGAC expediralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.

COORDINACIÓN: Virginia Villar



Folleto da actividade












Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal