Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado 

Durante o nadal, o CGAC permanecerá pechado os seguintes días:
25 de decembro
1 e 6 de xaneiro



Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss
CURSO COS ARTISTAS BLEDA Y ROSA. XEOGRAFÍA DO TEMPO: ANÁLISE E MÉTODO

14 - 15 decembro 2018

CURSO COS ARTISTAS BLEDA Y ROSA. XEOGRAFÍA DO TEMPO: ANÁLISE E MÉTODO

HORARIO

Venres, 14 de decembro, de 16:00 a 20:00 h
Sábado, 15 de decembro, de 10:30 a 14:30 h e de 16:00 a 20:00 h

O modo de abordar a paisaxe, de representar o territorio ou de mirar aquilo que pensamos, encóntrase condicionado por unha gran trama cultural; e son de múltiple natureza os elementos que interveñen na súa construción física ou imaxinaria. Os acontecementos, na paisaxe e a arquitectura, tamén no recordo e a memoria, aséntanse —como capas máis ou menos visibles— establecendo unha nova realidade, e esta pode ser trasladada a unha imaxe.

A intención do curso que propoñemos é, en certa medida, replicar o taller do artista e, para iso, ao longo das sesións previstas iremos despregando, explorando e analizando de forma pormenorizada os diferentes proxectos que conforman Xeografía do tempo; afondando na análise das estratexias e metodoloxías de traballo desenvolvidas, apelando á experiencia e abrindo o debate, co obxectivo de compartir e comparar coñecemento.

BLEDA Y ROSA

María Bleda (Castelló, 1969) e José María Rosa (Albacete, 1970) son artistas e profesores convidados en varias universidades. Traballan conxuntamente desde hai máis de dúas décadas e o núcleo fundamental da súa obra é a representación do territorio, co que buscan resaltar o complexo cruzamento de culturas e tempos que o conforman.

Presentaron os seus proxectos en conferencias e exposicións internacionais, entre as cales convén salientar as celebradas no Kunsthalle zu Kiel (2003), no Centro Andaluz de Arte Contemporáneo e na Universidade de Salamanca (2009) ou no Real Jardín Botánico de Madrid (Ante el tiempo, PHotoEspaña, 2010). Tamén participaron en Rencontres d’Arles (Magasin des Ateliers, Arles, 2005); Mediterranean: Between Reality and Utopia (The Photographers’ Gallery, Londres, 2004), ou Manifesta 4 (Frankfurt, 2002). En 2008, concedéronlles o Premio Nacional de Fotografía.

DESTINATARIOS

Esta actividade está dirixida preferentemente a persoas interesadas na arte contemporánea e na fotografía como vehículos de expresión artística, así como a todas aquelas persoas abertas a pensar e a debater sobre a construción e a representación da paisaxe.

PRAZAS: 20

INSCRICIÓN:

As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. As solicitudes deberán indicar o seu nome completo, número de DNI, enderezo de correo electrónico, teléfono de contacto e unha breve carta de motivación na que se explique a vinculación coa creación contemporánea.

MATRÍCULA: 20 €

DIRECCIÓN: Bleda y Rosa

COORDINACIÓN: Virginia Villar

Folleto da actividade





Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal