19 xaneiro - 19 maio 2019
TALLERES PARA FAMILIAS. PASAPORTE CONTEMPORÁNEO 2019
Horario: Sábados e domingos de 11:00 a 13:00 h
Comezamos o 2019 cunha nova edición de Talleres para familias no CGAC. Os nenos e nenas de entre 4 e 9 anos están convidados a vir con dous dos seus familiares a participar nesta actividade que ten lugar a terceira fin de semana de cada mes. Será unha oportunidade para afondar na creación e nos procesos da arte contemporánea entre pequenos e adultos.
Este ano prepararemos o noso pasaporte para comezar unha viaxe fantástica ao redor do mundo en varias etapas partindo do extremo oriente e facendo a nosa primeira parada en Xapón. A través das obras de diferentes artistas xaponeses indagaremos na cultura nipona desde unha visión contemporánea e exploraremos ideas, formatos, discursos e recursos artísticos mediante o xogo e a creación.
Nesta ocasión eliximos a paisaxe xaponesa para descubrir espazos cheos de posibilidades para a imaxinación.
ESTAMPAS XAPONESAS
PAISAXES ENREDADAS. CHIHARU SHIOTA
Sábado 19 de xaneiro. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 20 de xaneiro. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 7 ao 18 de xaneiro
A medio camiño entre un mundo onírico e un mundo real, Chiaru Shiota traballa creando obras de gran formato que inundan o espazo expositivo. Empregando o fío como materia principal, indaga sobre a memoria e os vínculos que unen as persoas e os obxectos. Neste taller traballaremos coas posibilidades artísticas deste material e coas sensacións, e exploraremos as posibilidades do espazo.
PAISAXES COTIÁS. KOKI TANAKA
Sábado 16 de febreiro. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 17 de febreiro. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 4 ao 15 de febreiro
As accións máis cotiás poden resultar unha tarefa do máis complexa
para Koki Tanaka. Na súa obra explora o mundo dos obxectos para
darlles novos usos e pon o punto de atención sobre accións
insignificantes. Durante este taller xogaremos co noso corpo
relacionándoo co espazo, cos obxectos e coas súas posibilidades
para interromper a nosa rutina con novas inventivas para o día a día.
Sábado 16 de marzo. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 17 de marzo. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 4 ao 15 de marzo
Unha ocasión para mergullarnos no traballo de Yayoi Kusama, descubrindo obras que van desde soportes como a pintura ou a escultura ata grandes instalacións. Nesta sesión traballaremos con conceptos que explora a artista como a luz, a cor, o reflexo e a curva, creando ambientes e espazos destinados a transmitir sensacións.
PAISAXES FUTURAS. MARIKO MORI
Sábado 13 de abril. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 14 de abril. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 1 ao 12 de abril
Coñecida polas súas esculturas, vídeos, fotografías, instalacións, imaxes dixitais e pezas de performance, Mariko Mori recolle a tradición da cultura xaponesa para mesturala coa tecnoloxía e o mundo dixital máis contemporáneo creando paisaxes futuristas. Viaxaremos ata o futuro para explorar os procesos artísticos máis innovadores e crear a través da mirada pop de Mariko Mori.
PAISAXES SONORAS. YOSI HORIKAWA
Sábado 11 de maio. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 12 de maio. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 29 de abril ao 10 de maio
Yosi Horikawa é un artista abraiado polo poder do son. Desprázase miles de quilómetros para capturar o sons dos pasos de peóns das grandes cidades ou dos bosques máis profundos, recollendo o son dos paxaros ou da choiva que cae contra as árbores para mesturalo e crear fermosas composicións. Na última sesión sairemos na procura dos sons que nos ofrece a natureza, a cidade, a xente ou os obxectos que nos rodean.
INSCRICIÓN: Os talleres son gratuítos e para participar é necesario enviar una mensaxe por correo electrónico —nos prazos establecidos— a cgac.educacion@xunta.gal indicando o título da actividade na que desexan inscribirse, os nomes dos participantes, as súas idades, un teléfono de contacto e un enderezo de correo electrónico.
Só serán admitidas as persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá un correo electrónico de confirmación.
PRAZAS: 10 nenos/nenas, acompañados cada un por un máximo de dous familiares en cada taller
DIRECCIÓN: Rebeca Mariño e Candela Rajal
COORDINACIÓN: Virginia Villar