Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado




Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
XORNADAS CIENTÍFICAS. NOVAS PROPOSTAS PARA A INVESTIGACIÓN EN ARTE E ESTÉTICA CONTEMPORÁNEAS

2-3 de maio de 2019

XORNADAS CIENTÍFICAS. NOVAS PROPOSTAS PARA A INVESTIGACIÓN EN ARTE E ESTÉTICA CONTEMPORÁNEAS

Os modelos discursivos aplicados á análise da arte van mudando ao mesmo tempo que as propias tendencias, coas achegas de investigadores que formulan novas propostas teóricas e metodolóxicas. Nestas xornadas pretendemos presentar algúns dos enfoques máis innovadores que se están a aplicar ao estudo do fenómeno artístico tanto desde a historia da arte como desde a estética.

A creación artística viuse sometida nas últimas décadas a un proceso de revisión dos seus fundamentos conceptuais, o que implica, en ocasións, a busca da disolución nas dinámicas sociais e a incorporación de pautas de actuación propias de contextos non artísticos. Á vez, foise xeneralizando unha hibridación nas disciplinas artísticas que fixo problemática a aplicación de modelos máis ou menos establecidos dentro da crítica e da historia da arte, e asumíronse como centrais conceptos que aluden a ese tránsito entre disciplinas artísticas (narrativas transmedia) ou á idea de performatividade.

Nalgúns casos asistimos a unha aproximación metodolóxica a disciplinas como a socioloxía, a antropoloxía ou as ciencias naturais (neurociencia e teoría da complexidade); noutros, asumiuse a incapacidade da historia da arte para realizar unha análise comprensiva do universo da imaxe e denunciouse o mantemento dun espazo coutado para a interpretación de certo tipo de producións etiquetadas como arte e vinculadas coa orixinalidade, o traballo especializado e a individualidade. A proliferación, característica da era dixital, de imaxes e textos dispoñibles para a súa apropiación e modificación colectiva, fai aínda máis problemática a utilización de modelos tradicionais na análise, estudo e interpretación das artes visuais.

Ademais de presentar e discutir as novas propostas teóricas, as xornadas teñen outro obxectivo: favorecer o encontro entre investigadores e contribuír ao intercambio de ideas e ao fortalecemento dunha comunidade polo xeral moi atomizada. Participarán profesores e investigadores en etapa de doutoramento, vinculados con la Universidad Complutense de Madrid y la Universidad de Santiago de Compostela (grupos GI-1371 Teoría de la Literatura y Literatura Comparada, GI-1510 Historia del Arte, de la Arquitectura y del Urbanismo, y GI-1941 Historia del Cine).

Con esta colaboración, o Centro Galego de Arte Contemporánea reforza os seus vínculos coa universidade e pon de manifesto o seu compromiso e apoio ás investigacións sobre arte actual.


PROGRAMA

XOVES, 2 DE MAIO

COLECTIVOS, COMUNIDADES

10:30 h. Presentación

10:45 h. Marco teórico: Miguel Anxo Rodríguez, profesor de Historia da Arte, USC

11:30 h. Comunicacións

Miró a través dos ambientes de vangarda, Antía Albés Gándara

Cara a unha curadoría compartida: a participación como material de obra, Violeta Janeiro

Transitando a fronteira: xénero e identidade en Gloria Anzaldúa e America Chavez, Carmen Zalvide Rodríguez

13:00 h. Debate

DISCIPLINAS, MEDIOS, TRANSMEDIALIDADE

16:00 h. Marco teórico: Xosé Nogueira Otero, profesor de Historia do Cinema, USC 

16:45 h. Comunicacións

Universos transmediais: o cómic no século XXI, Paz Ferreiro Cendán

Interactividade e performatividade: claves para a compresión da estética videolúdica, Juan Luis Lorenzo Otero

Formas de achegamento á arte sonora: novos recursos para unha arte interdisciplinar, Mariña Alonso López 

Escribir baixo unha chuvia atlántica: concepción e percepción nos procesos de historización do medio fotográfico na Galicia contemporánea, X. Lois Gutiérrez Faílde

18:15 h. Debate


VENRES, 3 DE MAIO

ESTÉTICA E MÉTODOS

10:30 h. Marco teórico: Federico L. Silvestre, profesor de Historiadas Ideas Estéticas, USC 

11:15 h. Comunicacións

Crítica e límites gnoseológicos da neuroestética desde os seus presupostos e métodos, Roque Lazcano Vázquez 

Allagmática e transdución. Marco teórico-metodolóxico da obra de Simondon, Guillermo Rodríguez Alonso

De Mahler a Rie Nakajima: notas para unha estética guattariana do menor, Matías G. Rodríguez-Mouriño

12:45 h. Debate

Entrada de balde ata completar as localidades. 

 
Prégase que confirmen a súa asistencia mediante o envío dunha mensaxe de correo electrónico ao enderezo novaspropostascgac@gmail.com indicando o seu nome, DNI e vinculación (de ser o caso) con algún programa de doutoramento.


Folleto da actividade


DIRECCIÓN: Miguel Anxo Rodríguez, Departamento de Historia da Arte, USC


COORDINACIÓN: Gema Baños, CGAC








Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal