Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado




Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
RENÉ HEYVAERT E A MÚSICA CONTEMPORÁNEA

7 maio 2019

RENÉ HEYVAERT E A MÚSICA CONTEMPORÁNEA

Grupo Instrumental Siglo XX - Florian Vlashi

Centro Galego de Arte Contemporánea

Martes, 7 de maio de 2019, 20:00 h

Antes do concerto, ás 19:30 horas, terá lugar unha visita guiada dos comisarios Anne Heyvaert e Santiago Olmo á exposición de René Heyvaert.

René Heyvaert sempre se interesou pola música e nos seus últimos anos de vida (desde os anos sesenta ata 1984), que coinciden tamén coa súa etapa artística, moi especificamente pola música contemporánea. Tanto nas súas cartas e cadernos como nas conversas cos seus amigos comenta, cita e fala reiteradamente de Arnold Schönberg, Anton Webern, Milhaud, Fauré, Stockhausen, Mauricio Kagel, Vinko Globokar, John Cage, Steve Reich, Philip Glass ou Louis Demeester.

Neste concerto non se tentan recuperar nin as súas preferencias como melómano oínte nin os referentes da época na que desenvolveu a súa obra artística, pola contra, trátase de ofrecer unha interpretación do diálogo que os seus traballos poden establecer con modelos de facer música paralelos á súa obra en canto a intereses e metodoloxías, que son, en definitiva, unha maneira de compartir un certo espírito dos tempos e un signo da súa capacidade de anticipación.

Desde este punto de vista, hai que asociar as obras do programa a diversas facetas do traballo de René Heyvaert, presentes na exposición, como un paralelo, como unha comprensión poética.

Do mesmo xeito que as experiencias musicais do seu tempo, René Heyvaert emprega na súa obra a seriación ou a iteración como metodoloxías: nos seus debuxos sobre papeis pautados ou nos obxectos que repiten con leves variacións combinacións xeométricas e formas básicas.

A presenza constante de elementos naturais, e especialmente ramas e troncos de árbores que funcionan como obxectos, esculturas e ready-made, parece establecer un silencioso diálogo coa obra de Susumu Yoshida, Kodama (L'Esprit de l'arvre ).
 A caligrafía está moi presente na súa correspondencia epistolar escrita, case sempre á man, nos seus cadernos e debuxos e tamén na arte postal (mail art); é moi coidada e convértese nun elemento distintivo da súa personalidade, que interpela a peza de Toshio Hosokawa, Kalligraphie.
Por último a viaxe e a importancia que na súa vida tivo unha certa experiencia americana, tanto para a súa visión da arquitectura como da arte, co transfondo e os ecos da Segunda Guerra Mundial, resumen o anhelo dun novo mundo e unhas novas formas de vida e de sociedade como unha aspiración. Neste contexto vital, a peza Different Trains de Steve Reich condensa a tensión, presente en paralelo na obra de René Heyvaert, de como construír o futuro sen esquecer a memoria.

 

PROGRAMA

Toshio Hosokawa (Hiroshima, Xapón, 1955)

Kalligraphie I, II, III, IV, V, VI, 2007

Seis pezas para cuarteto de cordas

 

Susumu Yoshida (Tokio, Xapón, 1947)

Kodama I (L’Esprit de l’arbre), 1977

Para violín solo

 

Steve Reich (Nova York, Estados Unidos, 1936)

Different Trains, 1988

Para cuarteto de cordas e cinta

I - America - Before the War

II - Europe - During the War

III - After the War

 
AS OBRAS

Kalligraphie, 2007. Compositor: Toshio Hosokawa. Duración: 15 min

“A música é caligrafía, usa sons pintados no lenzo do silencio”.

Toshio Hosokawa

Non sempre estamos preparados para o silencio. Cóllenos por sorpresa. Ás veces son, en cambio, as palabras escritas, signos en si, as que nos deixan cicatrices.

Un trazo de violín caligrafíanos o rostro. Signifícanos. Así comeza Kalligraphie, unha inmersión no trazo negro da corda e os seus silencios níveos, perturbadores, case crepitantes como o papel e os rituais de pincel, man e tinta na cultura nipoa.

“O momento no que golpeas o instrumento rompes coa convención. O son rompe o silencio. Rompen o mundo que existira ata entón”.

Son palabras de Toshio Hosokawa, un compositor nacido dez anos despois dos bombardeos en Hiroshima, e que como moitos compatriotas practica a arte da caligrafía como exercicio de meditación. O movemento de preparación no espazo, dixo, é tan importante como o momento da escritura, a man segue unha continuidade e é a liña no espazo a que resga a liña no papel.

Estíbaliz Espinosa

 

Kodama I (L'Esprit de l'arvre) , 1977. Compositor: Susumu Yoshida. Duración: 10 min

Como reacción da sociedade moderna tan sufocante, trato, en todas as miñas obras, de relacionarme coa natureza a través da música. Esta música está baseada no silencio. É unha música pensada en negativo, as notas existen só para crear e condicionar este silencio. Por esta razón, só hai un mínimo de notas esenciais. O silencio non é a nada, non é só o momento en que un non escoita nada, é unha forma de existencia en si mesmo que se esconde detrás das notas. Espero que a natureza, a través do espírito da árbore (kodama) nos fale  a través do seu profundo silencio...

Susumu Yoshida

 

Steve Reich

Different Trains, 1988. Compositor: Steve Reich. Duración: 30 min

Steve Reich, está considerado como o mellor compositor estadounidense vivo. O seu Different Trains para cuarteto de corda e cinta, é unha obra mestra do século XX. Está baseada en recordos de nenez do compositor cando viaxaba en tren desde Nova York a California nos anos corenta na mesma época en que, en Europa, os trens do Holocausto, viaxaban cara á morte. A obra consta de tres partes: I - América, antes da guerra, II - Europa, durante a guerra, III - Despois da guerra, onde gravacións das  voces orixinais dos sobreviventes dos campos de exterminio están mesturadas cos chifres de trens e de música pregrabada, usando para iso programas dixitais, todo un fito na historia da música clásica.

Florian Vlashi

 

GRUPO INSTRUMENTAL SIGLO XX

O Grupo Instrumental Siglo XX nace en 1996 pola iniciativa do violinista Florian Vlashi como homenaxe ao gran século. A finalidade do grupo é de interpretar as mellores obras de música de cámara compostas desde o principio do século XX ata os nosos días. Os seus membros son instrumentistas solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia. Estreou 144 obras de compositores españois e ten no seu extenso repertorio máis de 200 obras de autores  desde Stravinski, Falla ou Richard Strauss, ata Messiaen, Xenakis e Ligeti. Participou en diversos certames nacionais e internacionais e neles cultivou as mellores críticas e fervorosos aplausos do público. O grupo está aberto a novos proxectos e espazos, combinando a música nova coa poesía, o teatro, a danza, os vídeos e as artes plásticas.


FLORIAN VLASHI, Durres, Albania, 1963

Empezou os seus estudos de violín á idade de 6 anos. Estudou con V. Papa, R. Stefi e I. Madhi e obtivo pola Academia de Belas Artes de Tirana o primeiro posto por unanimidade. Membro da Orquestra Sinfónica de Galicia desde 1992.

Florian Vlashi toca un violín francés do século XVIII de J. Bocquay.

 

GRUPO INSTRUMENTAL SÉCULO XX

Florian Vlashi, violín só/Mihai Tanasescu, violín/Raymond Arteaga, viola/Ruslana Prokopenko, violoncelo

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal