Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado




Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
WE REFUGEES. SEMINARIOS

3 - 17 xuño 2019

WE REFUGEES. SEMINARIOS

O exilio debido a conflitos políticos é un dos dramas que mellor caracterizan a historia do século XX. O dereito de asilo foi concibido como un dos alicerces fundamentais das democracias europeas modernas tras a Segunda Guerra Mundial, tanto para combater os totalitarismos como para construír unha idea de política ética e solidaria e, pola súa vez, amortecer os efectos do exilio nas vidas das persoas en todo o mundo. Por iso o dereito de asilo é tamén o cimento fundador e democrático da Unión Europea (e consecuentemente de todos os seus países membros), que se basea na liberdade de expresión, pensamento e credo relixioso.

Como parte esencial do proxecto, desenvolveranse diversos espazos de discusión e debate, así como varios talleres e seminarios que terán lugar nos meses de xuño e outubro.

Experiencias de lecturas. O exilio na memoria literaria do século XX

Dirixido e impartido por Santiago Olmo, director do CGAC e co-comisario da exposición We Refugees con Piedade Solans

Datas: 3, 10 e 17 de xuño

Horario: de 17:00 a 20:00 h

Destinatarios: Público xeral e especialmente persoas con inquietudes e afeccionadas á lectura

Prazas: 15

O seminario abordará o reflexo da problemática das persoas refuxiadas na literatura ao longo do século XX a través de textos, ensaios, novelas e algúns documentais. Antes de cada sesión, enviarase ás persoas participantes unha selección de textos, na súa maioría extractos, para que poidan lelos e posteriormente poñer en común esa experiencia no seo dun grupo de discusión e debate. Tomarase como punto de partida de análise o artigo “We Refugees”, no que Hannah Arendt describe en primeira persoa a experiencia do exilio forzoso, así como o poema “Estado de sitio” do palestino Mahmud Darwish ou os Diálogos de refuxiados de Bertolt Brecht. Tratarase tamén o papel do exilio como elemento fundador da civilización romana, a través da Eneida de Virgilio ou dos mitos da fundación de Roma.
 Abordaranse, así mesmo, textos de carácter histórico, como as crónicas xornalísticas de Gaziel, escritas desde a fronte dos Balcáns en 1915, ou os textos de Joseph Roth sobre o antisemitismo e os hebreos orientais; en definitiva, testemuños directos do impacto que a Primeira Guerra Mundial e a guerra civil rusa tiveron na creación dun prototipo de refuxiado.

Outros autores aos que tamén nos aproximaremos, aínda que sexa brevemente, son Fulvio Tomizza, Günter Grass, Max Aub (en especial a súa obra Campo francés, onde relata en forma de guión cinematográfico as peripecias dos refuxiados republicanos españois), Leonardo Padura (coa constante presenza nas súas novelas policiais de exiliados e exilios), Lobo Antunes (coas súas narracións sobre a descolonización) ou Jean Amery entre outros. Propoñerase tamén a visualización de documentais sobre algúns casos pouco coñecidos, como a expulsión da comunidade india da Uganda de Idi Amin Dada, os intercambios de poboación entre a India e Paquistán tras a independencia ou entre Grecia e Turquía en 1922.

Santiago Olmo. É co-comisario da exposición We Refugees. Dirixe o CGAC desde 2015. Desde os anos oitenta traballa como comisario de exposicións independente e crítico de arte en diversos medios especializados (Lápiz, Artecontexto, Art Nexus). Entre 2003 e 2015 colaborou co Fondo Fotográfico e Museo da Universidade de Navarra en diversos proxectos. Foi comisario na Bienal de Pontevedra en 2010 e na Bienal de Guatemala en 2012.

 

Música e persoas refuxiadas: identidade, oído colonial e enunciación colectiva

Dirixido e impartido por Matías G. Rodríguez-Mouriño, investigador da USC e documentalista da exposición We Refugees

4-6 xuño

Horario: de 18:00 a 20:00 h

Destinatarios: Público xeral e especialmente persoas afeccionadas á música

Prazas: 15

Este seminario ten como obxecto unha reflexión conxunta sobre as músicas producidas por colectivos de persoas refuxiadas e migrantes durante os séculos XX e XXI. Para achegarnos a esta temática, traballaremos con nocións como música vernácula (que significa vernáculo, e sobre todo, con respecto a quen?), tradición e oído colonial (que escoitamos cando escoitamos estas músicas?), enunciación colectiva (de onde xorden?), desterritorialización (a cuestión do territorio na música contemporánea) ou o común (dereitos de autoría, autoría, distribución...).

Para abordar estes temas trataremos de identificar os correlatos históricos, identitarios e tecnolóxicos que caracterizan a construción de xéneros como o calypso, a rebetika ou a samba.

Centrarémonos nas gravacións de música vernácula publicadas polas discográficas europeas a comezos do século XX e nos inicios da industria da música gravada.

Falaremos da música producida hoxe en día por persoas refuxiadas e dos grandes cambios experimentados na súa circulación (radios libres, p2p etc.), así como das variantes de refuxio interno que, por mor da discriminación de xénero ou clase, danse nas nosas sociedades, e veremos como iso se reflicte na música (por exemplo, no caso do primeiro grime).

Por último, e en relación coa profunda transformación das condicións de distribución destas músicas, extraeremos algunhas conclusións estéticas e filosóficas ao redor da posibilidade dunha enunciación menor, estreitamente ligada aos proxectos de liberación formulados desde estas mesmas comunidades (como é o caso do afrofuturismo). En definitiva, o obxectivo do seminario é preparar as persoas asistentes para manter unha relación máis responsable coas músicas feitas por persoas refuxiadas.

Matías G. Rodríguez-Mouriño é licenciado en Historia da arte e doutorando en Filosofía (cunha tese sobre a estética de Félix Guattari). As súas publicacións e intereses céntranse na estética contemporánea desde unha perspectiva postestrutural, e aparecen ligados particularmente a cuestións como a caosmose, a repetición ou o menor, particularmente en relación coa arte sonora e as paisaxes sonoras. Participou en seminarios e congresos en Portugal, España e Francia, e publicado en revistas como Fedro, Quintana ou philosophy@lisbon. Así mesmo, coordinou a edición de obras de Helena Miguélez-Carballeira, Joel R. Gômez, Igor Lugris ou Teresa Moure, e traducido ao castelán a Gilles A. Tiberghien e Michel Onfray.

INSCRICIÓN: As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a cgac.pedagogia@xunta.es. As solicitudes deberán incluír os seguintes datos: nome do seminario no que desexa inscribirse, nome completo, enderezo de correo electrónico e teléfono de contacto.

A matrícula é gratuíta e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 31 de maio.

Folleto da actividade


Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal