Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado




Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
IN OUR TIME: CONVERSA CON DAVID LAMELAS A PROPÓSITO DO  SEU ÚLTIMO  FILME E OUTRAS OBRAS AUDIOVISUAIS

4 xullo 2019

IN OUR TIME: CONVERSA CON DAVID LAMELAS A PROPÓSITO DO SEU ÚLTIMO FILME E OUTRAS OBRAS AUDIOVISUAIS

Xoves, 4 de xullo ás 19:30 h

Auditorio do CGAC

David Lamelas é unha figura clave da arte conceptual e un dos grandes protagonistas da escena artística arxentina na década dos sesenta. Desde os seus inicios, a súa obra distinguiuse por unha singular capacidade para adaptarse a distintos contextos, xa fosen artísticos, arquitectónicos ou xeográficos, en cidades como Londres, Bruxelas, París, Milán, Los Angeles, Nova York ou Berlín. Como integrante do movemento conceptual, o seu traballo partiu do desexo de “producir formas escultóricas despoxadas de volume físico” e derivou cara a unha reflexión crítica sobre os medios artísticos, en liña coa idea dunha arte desmaterializada. Fíxoo, por exemplo, a través da incorporación da linguaxe nas súas obras, do diálogo constante entre a fotografía e a imaxe en movemento ou mediante a súa orixinal incorporación do cine e os seus referentes ao contexto das artes plásticas. Outros aspectos importantes ao longo da súa traxectoria foron a representación da temporalidade e do espazo, a crítica institucional, a relación entre a arte e os medios de comunicación de masas, a construción de ficcións —e as súas consecuencias na realidade— ou as relacións entre as  artes visuais e a literatura.

Nesta ocasión, o CGAC estrea en España a súa curtametraxe máis recente —In Our Time (2018)—, xunto a The Dictator (1978), unha obra satírica na que Lamelas se achega á política da época a través dunha análise crítica dos medios de comunicación.

In Our Time foi producida polo University Art Museum da Universidade de California en Long Beach, no marco do proxecto Pacific Standard Time: Los Angeles/Latin America, promovido polo Getty Research Institute dos Ángeles. Este filme incorpora temas recorrentes na obra de Lamelas como son a representación do tempo, a memoria e o amor; co recoñecido cadro de James Ensor La entrada de Cristo en Bruselas en 1889 (1888), como pano de fondo. Despois da proxección das películas terá lugar unha conversación entre o artista, Pedro de Llano Neira (comisario e investigador) e Santiago Olmo (director do CGAC).

Lamelas estivo presente nas principais exposicións que configuraron a neovangarda conceptual (Information, MoMA, 1970; Documenta 5, Kassel, 1972; e Reconsidering the Object of Art, MOCA, Los Angeles, 1995) e a súa obra mostrouse de maneira individual no Kunstverein de Múnic (1997), no museo Tamayo da Cidade de México (2004) e, máis recentemente, nas exposicións retrospectivas que se presentaron no University Art Museum de Long Beach en 2017, e no MALBA de Bos Aires en 2018. Os seus traballos forman parte de prestixiosas coleccións  públicas e privadas (MoMA, Os Angeles MOCA, Museo Reina Sofía, Macba, Serralves, Tate, Pompidou, CGAC…) e foron incluídos en bienais como a de Venecia e São Paulo, realizadas en 1967 e 1968, respectivamente, ou na recente Documenta de Kassel en 2017.

Programa

19:30 h         In Our Time, 2018. V.O. en inglés. Duración: 18 min

                     The Dictator, 1979. V.O. en inglés. Duración: 15 min

20:30 h        Conversa entre o artista David Lamelas e o comisario e investigador Pedro de Llano Neira


Audio da conversa



COORDINACIÓN: Carmen Hermo

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal