Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado




Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
CURSO DE CINEMA: DISIDENTES! CINE E OUTRAS SUBLEVACIÓNS COTIÁNS

2 outubro - 11 decembro 2019

CURSO DE CINEMA: DISIDENTES! CINE E OUTRAS SUBLEVACIÓNS COTIÁNS

Horario: mércores de 19:00 a 20:30 h

“Disidentes!”, así cualificaban os membros da Fronte Popular de Xudea os da Fronte Xudaica Popular, e era tamén o berro que lle dirixían ao único membro da Unión Popular de Xudea, sentado unhas bancadas máis abaixo. Esta mítica escena de A vida de Brian (1979) dos Monty Python ilustra graficamente a etimoloxía de dissidere: o acto físico de “sentar á parte”, de “estar separado” e de aí, por extensión, a discrepancia, a resistencia e finalmente, quizá, a sublevación.

A grande ironía deste visionario sketch dos Python é que a disidencia, como calquera outro xesto contracultural, nunca é unitaria ou sistemática e pode conducir á atomización. Ao contrario que o poder, o sistema ou a cultura, que tratan de perpetuarse ata o infinito, a espiral da disidencia tende, finalmente, a esgotarse en si mesma. Pero mentres tanto hai que arder, e arder belamente pois, como deixou escrito Nietzsche, para seguir o camiño do creador e poder ser finalmente libre “debes estar disposto a consumirte na túa propia chama”.

Neste curso trataremos de unir o xesto cinematográfico co xesto político, pero sen altofalantes nin consignas. Acaban de celebrarse os cincuenta anos da Revolución francesa, pero non nos centraremos nesa idea de revolta colectiva que transforma a orde existente, senón nas íntimas insurreccións, nos pequenos xestos contestatarios, nas sublevacións con sordina duns corpos en guerra (non sempre) silenciosa: os privados de liberdade, os individualistas, os migrantes, os tolos, os malditos, os apátridas...

Estes son os disidentes, os que sentan á parte; os que cantan o seu desencanto a quen queira escoitalo; os que se apartan e se esfuman, como o Wakefield de Nathaniel Hawthorne; os que se reclúen dentro de si e nos seus cuartos como o estudante de Un home que dorme de Georges Perec; ou os que prefiren dicir “non”, como o Bartleby de Herman Melville (ou dicir algo, polo menos, doutra maneira); os que, arrebatados, lle dan forma creadora á súa rabia; ou os que, desencantados, lle dan forma destrutora pois, como tamén escribiu Nietzsche: “Como poderás renovarte se antes non te convertiches en cinza!”.

PROGRAMA

2 outubro       “Estou furioso e non penso aguantalo máis!”: Network (Sidney Lumet, 1976)

9 outubro      Apátrida do universo: Wakefield (Robin Swicord, 2016)

16 outubro      Melancolía da disidencia: Harmonías de Werckmeister (Béla Tarr, 2000)

23 outubro      “A guerra máis inútil e máis sanguenta: a guerra por ser eu”: O desencanto (Jaime Chávarri, 1976)

30 outubro      “Obedece, consume, confórmate”: Están vivos! (John Carpenter, 1988) 

13 novembro    Exiliada (de si mesma): Sen teito nin lei (Agnès Varda, 1970)

20 novembro    “I’m against it”: os irmáns Marx contra todo

27 novembro    Dúas mulleres contra o mundo: As margaridas (Veˇra Chytilová, 1966)

4 decembro      Fóra da linguaxe, fóra do mundo: O enigma de Kaspar Hauser (Werner Herzog, 1974)

11 decembro    Cidadáns do Falso Mundo RealTM: HyperNormalisation (Adam Curtis, 2016)


JOSÉ MANUEL LÓPEZ (Vigo, 1974). Crítico, docente e programador cinematográfico, actualmente escribe a súa tese titulada “La última ciudad. Vagabundeos terminales por el cine contemporáneo” e é profesor de Guión e Teoría da Imaxe na facultade de Comunicación de Pontevedra.

Desde 2012 imparte cursos de cinema no MARCO de Vigo e no CGAC. Impartiu, ademais, conferencias en espazos como Master LAV, a ESCAC, o CGAI - Filmoteca de Galicia, a Seminci, o Festival de Málaga ou o Centro de las Artes de Sevilla.

En 2004 fundou a revista de análise cinematográfica Tren de sombras (2004-2008) e desde 2007 ata 2017 formou parte do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine (anteriormente coñecida como Cahiers du Cinéma: España).

En 2008 coordinou o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral para o Festival de Cine da Palmas. Participa en libros colectivos como La risa oblicua. Tangentes, paralelismos e intersecciones entre documental y humor; Las edades de Apu. Estudios sobre la Trilogía de Satyajit Ray ou Paul Schrader. El cineasta frente a los tiempos, entre outros. Colaborou, ademais, en diferentes revistas e, como dialoguista, en dúas tempadas da serie da Televisión de Galicia Matalobos.

En 2015 comisariou o ciclo de cinema O centro non pode resistir. Descentramentos da figura na paisaxe urbana para acompañar a exposición Valérie Jouve. Corps en résistance na Fundación Luís Seoane da Coruña; en 2017 comisariou o programa de curtas Sonic Lux para o festival internacional de cinema Curtocircuíto; e en 2018 foi un dos comisarios de New Spain, unha exposición de artistas e cineastas españois para Solar - Galería de Arte Cinemática e o festival Curtas de Vila do Conde (Portugal).

DIRECCIÓN: José Manuel López

COORDINACIÓN: Virginia Villar

DESTINATARIOS: Docentes, estudantes e persoas interesadas no cinema. PRAZAS: 150

INSCRICIÓN: O prazo de inscrición estará aberto desde o 1 de xullo ata o 1 de outubro de 2019. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. Nel deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, as persoas inscritas serán informadas de como realizar o pagamento.

MATRÍCULA: 30 €

CERTIFICACIÓN: O CGAC expedirá un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.

Folleto da actividade




 
 





 




Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal