Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado




Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
WE REFUGEES DE LOS ENSACADOS DE GOYA Á CONFIGURACIÓN ESPACIAL DO CAMPO UNHA CARTOGRAFÍA DO ESPAZO RESIDUAL

9-10 outubro 2019

WE REFUGEES DE LOS ENSACADOS DE GOYA Á CONFIGURACIÓN ESPACIAL DO CAMPO UNHA CARTOGRAFÍA DO ESPAZO RESIDUAL

A partir dalgunhas das obras presentes na exposición We Refugees, o seminario aborda, a través de textos artísticos e teóricos, unha xenealoxía da constitución do espazo moderno e contemporáneo como un lugar residual, onde as persoas disidentes, desprazadas, refuxiadas ou consideradas unha ameaza para a orde político-racial- social son canalizadas, contidas e, en determinadas circunstancias históricas, mesmo aniquiladas.

Desde a ambigüidade da paisaxe aberta da estampa Los ensacados de Francisco de Goya, ao espazo pechado e racionalizado dos campos de exiliados tras a Guerra Civil española e os campos de exterminio durante a Segunda Guerra Mundial, a cartografía dos campos, a súa zonificación e tecnificación corresponden a unha historia política, ideolóxica e bélica que culmina nos campos de desprazados e refuxiados desde a partición de Palestina ata a actualidade; non-cidades invisibles e encubertas, excluídas do mapa das cidades contemporáneas.

Isto inclúe tamén problemáticas que, como mostran as obras na exposición, afectan os sistemas de transporte, as conexións, as institucións e os servizos, a integración e desintegración social, o tráfico de persoas, ou o concepto de fronteiras do Estado-nación. Neste contexto, xorden conflitos e emerxen novas formas de convivencia nas encrucilladas, nas bifurcacións e nas marxes entre diversas culturas, sociedades e economías; afloran experiencias e conciencias múltiples e non coincidentes ou borderline, como diría o filósofo e lingüista ruso Mijaíl Bajtín, que afectan os afectos, a memoria antropolóxica, as linguaxes e as narrativas individuais e colectivas.

METODOLOXÍA

O seminario consta de dúas sesións:

SESIÓN 1.   9 OUTUBRO DE 17:00 A 20:00 h
Introdución e presentación. Visita á exposición, lectura e selección de obras. Relación de obras cos textos achegados como material de autores e autoras como Hannah Arendt, Giorgio Agamben, Michel Agier, Zygmunt Bauman, Wendy Brown, Achille Mbembe, Sami Naïr, Loretta Napoleoni, Claire Rodier e Eyal Weizman.

Proxección de imaxes.

Formación de grupos e temáticas segundo obras de artistas e autores. Lectura e análise en grupos de 3 ou 4 persoas co material achegado. Coloquio dos grupos entre si.

SESIÓN 2.   10 OUTUBRO DE 16:00 A 19:00 h
Traballo en grupos de 3 ou 4 persoas con textos teóricos. Coloquio dos grupos entre si.

As persoas rexistradas recibirán con antelación un dossier co folleto da exposición We Refugees e a relación dos artistas e temas abordados na mostra, así como unha selección de textos de diversos autores e autoras, cuxa lectura haberá de realizarse antes de asistir ao seminario.

DURACIÓN 6 horas

DESTINATARIOS
O seminario está dirixido a todas as persoas interesadas na materia.

INSCRICIÓN
As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a cgac.pedagogia@xunta.gal antes do 2 de outubro. As solicitudes han de incluír os seguintes datos: nome completo, enderezo electrónico e teléfono de contacto. Ademais, deben indicar cal é a súa área de traballo e explicar brevemente o motivo do seu interese na actividade.

PRAZAS: 16


DIRECCIÓN: Piedad Solans 

COORDINACIÓN: Gema Baños


Folleto da actividade





Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal