Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado




Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
WE REFUGEES. PROGRAMA DE ACTIVIDADES

30 setembro - 17 outubro 2019

WE REFUGEES. PROGRAMA DE ACTIVIDADES

A historia do século XX está atravesada polo drama de conflitos bélicos cuxo resultado foron millóns de persoas desprazadas, exiliadas, expatriadas e refuxiadas. Dramas colectivos e dramas individuais. A propia historia da humanidade construíuse a partir de experiencias como o desprazamento forzoso, a fuxida e o asilo. A exposición We Refugees retoma o título dun coñecido ensaio de Hannah Arendt publicado en 1943 en Menorah Journal, unha revista xudía de Nova York, co obxectivo de indicar e sinalar a universalidade do exilio e a construción de sociedades democráticas ao amparo do dereito de asilo.

Para completar e acompañar a exposición deseñouse un completo programa de actividades que comezou no mes de maio con senllos seminarios, dirixidos por Matías G. Rodríguez-Mouriño e Santiago Olmo, e centrados respectivamente nas manifestacións musicais e literarias do exilio e os refuxiados.

Nos meses de setembro e outubro daráselle voz a algúns dos artistas participantes na exposición a través de diversas actividades como un taller dirixido por Elo Vega e Rogelio López Cuenca, unha conversación de Carole Alfarah co co-comisario da exposición Santiago Olmo, unha conferencia de Claudio Zulian e unha performance de Jesús Palomino. Doutra banda, abordaranse tamén aspectos específicos da experiencia dos refuxiados a través da mirada crítica de especialistas ou estudosos como a co-comisaria da exposición Piedad Solans, o crítico e historiador Manuel García, experto no exilio republicano español, e o catedrático de Historia Contemporánea da USC, Lorenzo Fernández Prieto.

PROGRAMA

DO 30 DE SETEMBRO AO 2 DE OUTUBRO

10:00-14:00 h Taller de artista de Elo Vega e Rogelio López Cuenca

XOVES 3 DE OUTUBRO

18:00 h  Conversa entre Elo Vega e Rogelio López Cuenca

19:00 h Conversa entre Carole Alfarah e Santiago Olmo

20:00 h Voz e (in)diferencia, presentación, e READING_State of Siege, performance do artista Jesús Palomino

MÉRCORES 9

17:00-20:00 h Seminario De Los ensacados de Goya a la configuración espacial del campo. Una cartografía del espacio residual, impartido por Piedad Solans

XOVES 10 DE OUTUBRO

16:00-19:00 h Seminario De Los ensacados de Goya a la configuración espacial del campo. Una cartografía del espacio residual, impartido por Piedad Solans

19:00 h Conferencia do artista Claudio Zulian

VENRES 11 DE OUTUBRO

18:00 h Conferencia de Manuel García Tres artistas del exilio: Max Aub, Felix Candela y Josep Renau, seguida dun coloquio con Manuel García e Lourenzo Fernández Prieto

XOVES 17 DE OUTUBRO

19:00 h Visita guiada á exposición We Refugees co co-comisario e director do CGAC Santiago Olmo 


ELO VEGA (Huelva, 1967) e ROGELIO LÓPEZ CUENCA (Nerja, Málaga, 1959). Artistas visuais e investigadores traballan conxuntamente desde 2005 en proxectos de investigación e creación, traballos artísticos que son, ao mesmo tempo, dispositivos de crítica da cultura como instrumento político. Xuntos despregan a súa actividade mediante producións audiovisuais, exposicións, publicacións, intervencións en espazos públicos e traballos na Rede, realizados na súa maioría en colaboración con outros artistas ou con estudantes e investigadores de diversas disciplinas.

CAROLE ALFARAH (Damasco, Siria, 1981). Narradora visual, produtora e editora de imaxes de orixe siria con residencia entre Madrid e Beirut. Utiliza relatos visuais para dar cobertura a problemas sociais e humanitarios. A súa obra foi difundida por numerosos medios, ONG e axencias de prensa internacionais.

JESÚS PALOMINO (Sevilla, 1969). O seu traballo máis recente concrétase en proxectos específicos vinculados coa arte participativa e as políticas do espectador. Todos eles baséanse en situacións reais que esixen unha reflexión urxente e foron deseñados para ofrecer un comentario estético sobre temas como os dereitos humanos, a ecoloxía, o diálogo cultural e a crítica democrática.

PIEDAD SOLANS (Madrid, 1954). Doutora en Historia da Arte, comisaria e teórica independente. A súa obra investiga nas estruturas da violencia (patriarcal, sociopolítica, ideolóxica, bélica ou poscolonial) a través da arte, a teoría e a historia postestruturalista. Realiza a súa investigación no contexto árabe e musulmán, acerca dos feminismos, as políticas da subalternidade e as novas tecnoloxías.

MANUEL GARCÍA (Tánxer, 1944), crítico e historiador da arte. Experto no exilio republicano español é autor, entre outros de seguintes títulos: Exiliados. Diccionario biográfico del exilio cultural valenciano (Valencia, 1995), Homenaje a Manuela Ballester (Valencia, 1996), El universo de Max Aub (Valencia, 2003), Textos sobre artes. Max Aub (Valencia, 2005), Josep Renau fotomontador (Instituto Cervantes, 2009) e Memorias de posguerra (Universidad de Valencia, 2014).

LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO (Ribadeo, Lugo, 1961) é catedrático de Historia Contemporánea do departamento de Historia da USC e coordinador do grupo de investigación Histagra, sobre historia agraria e política do mundo rural. Participou como coordinador en diversos proxectos de investigación sobre a historia agraria, a guerra e a ditadura. Entre eles destaca Nomes e Voces, un proxecto interuniversitario dedicado ao estudo da represión franquista durante a Guerra Civil e a ditadura en Galicia.

CLAUDIO ZULIAN (Campodarsego, Padua, Italia, 1960) é doutor en Estética, Ciencia e Tecnoloxía das Artes, pola Universidade de París-Saint Denis. Autor dunha obra multiforme que abarca o cinema, a televisión, as artes visuais, a música, o teatro e a literatura. Unha parte importante da súa obra caracterízase por unha sensibilidade cara ao social e político, e a procura da especificidade en cada medio no que traballa.


DIRECCIÓN: Santiago Olmo, Piedad Solans

COORDINACIÓN: Gema Baños


Folleto da actividade









Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal