18 xaneiro - 24 maio 2020
TALLERES PARA FAMILIAS PRÓXIMA PARADAAAAA! ARXENTINA 2020
Horario: sábados e domingos de 11:00 a 13:00 h
O 2020 comeza cunha nova edición de Talleres para familias no CGAC. A actividade está dirixida a familias con nenos e nenas de entre 4 e 9 anos que queiran descubrir o amplo universo da arte contemporánea ou profundar no seu coñecemento.
Continuaremos a viaxe polo mundo indagando sobre diferentes culturas e xeitos de facer. Nesta ocasión pulsaremos o botón de parada na Arxentina, onde baixaremos para explorar o traballo de cinco artistas cuxas miradas, intereses e recursos artísticos nos darán pistas para experimentar e crear xogando co espazo, a percepción e as cores, a proporción, a distorsión, a ambientación e a ilusión sensorial.
Combinacións. Julio Le Parc
Sábado 18 de xaneiro. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 19 de xaneiro. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 7 ao 17 de xaneiro
Artista pioneiro da arte cinética no ámbito mundial, Julio Le Parc experimenta con diferentes materiais desde un punto de vista lúdico e participativo. Seguindo as pegadas do artista, traballaremos con transparencias, luces e relacións cromáticas para introducirnos no mundo das ilusións e a percepción visual.
A escena!Marta Minujin
Sábado 15 de febreiro. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 16 de febreiro. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 3 ao 14 de febreiro
Coñecida polas súas obras coloridas e reivindicativas, Marta Minujin xoga coas normas para rompelas dándolles unha volta ás convencións sociais e trata de buscar novos espazos para a arte e a vida. Inspirándonos nas súas pinturas e instalacións de estilo pop, crearemos refuxios habitables e cheos de cor onde poderemos experimentar co corpo, a luz, a pintura e a creación de novos ambientes.
Un día +.Liliana Porter
Sábado 14 de marzo. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 15 de marzo. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 2 ao 13 de marzo
A mirada de Liliana Porter detense no cotián, xoga a crear pequenos universos con figuriñas e obxectos atopados. Nos seus traballos a realidade mestúrase coa ficción dando lugar a escenarios poéticos e teatrais. Nesta sesión partiremos de microelementos, os nosos propios xoguetes serán os protagonistas de novas aventuras, experimentaremos coas nocións de pequena e grande escala e recrearemos diferentes situacións e espazos a partir de pezas de maquetas.
Non todo é o que parece. Leandro Erlich
Sábado 18 de abril. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 19 de abril. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 6 ao 17 de abril
Leandro Erlich xoga coas ilusións, busca desafiar a nosa percepción a partir de imaxes sorprendentes e sen lóxica aparente. A partir desa dualidade entre o real e a súa representación, redactaremos mensaxes ocultas, descubriremos a maxia dos espellos e crearemos pequenos mundos con materiais e técnicas non convencionais.
Con cobertura.Marina de Caro
Sábado 23 de maio. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 24 de maio. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 11 ao 22 de maio
Reflexionar sobre a expresión corporal, a cor e o deseño constitúe o principal interese de Marina de Caro. Traballando co debuxo, a instalación e a performance, a artista emprega a tea como principal recurso creativo e ofrece diferentes posibilidades de uso do material. Nesta sesión experimentaremos co noso corpo a través da música, confeccionaremos esculturas e personaxes con roupa vella e crearemos diferentes ambientes téxtiles.
Sara Donoso é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e graduada en Belas Artes na Facultade de Pontevedra (UVigo). Conta con experiencia pedagóxica adquirida en diferentes colexios e institucións nos que desenvolveu actividades de mediación e educación artística. Actualmente compaxina o seu traballo como coordinadora na Fundación RAC de Pontevedra coas súas colaboracións no eido da crítica de arte, o comisariado, a educación e a xestión cultural.
INSCRICIÓN
Os talleres son gratuítos e para participar é necesario enviar, dentro dos prazos establecidos para cada un deles, unha mensaxe por correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal e indicar o título da actividade na que desexan inscribirse, os nomes dos participantes, as súas idades, un teléfono de contacto e un enderezo electrónico.
Só serán admitidas as solicitudes daquelas persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.
PRAZAS: 10 nenos/nenas, acompañados cada un por un máximo de dous familiares en cada taller
REALIZACIÓN DO PROXECTO: Sara Donoso
DIRECCIÓN: Virginia Villar