Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 


Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
TERRITORIO DA IMAXINACIÓN

5 - 6 novembro 2019

TERRITORIO DA IMAXINACIÓN


O CGAC desexa continuar cos actos de celebración do 25 aniversario da institución, dándolle cabida a unha das iniciativas máis celebradas e estrañadas. O Departamento de Música, fundado por Manuel Rodeiro entre 1994 e 1995, erixiuse en poucos anos nunha plataforma activa e nun modelo de xestión que conseguiu xuntar a innovación e a esixencia artística cun interese do público sen precedentes. Por este motivo volvéuselle pedir ao seu responsable que coordinase unha serie de actividades para revivir en dúas intensas xornadas o espírito daquela aventura e renderlles unha homenaxe ás persoas e impulsos que a fixeron posible.

Territorio da imaxinación trata de resumir desde o seu mesmo título unha aproximación á música que, máis alá de achegas técnicas ou conceptuais, ou de aspectos de apreciación sempre subxectivos, lles dedique unha ollada ás imaxes primordiais que, desde unha sensibilidade nova, forxaron a imaxe do son da música contemporánea. Seguindo o heterodoxo ideario que distinguiu o departamento, quíxose, vinte e cinco anos despois, darlles unha volta ás innovacións conceptuais e aos formatos que caracterizaron algunhas daquelas iniciativas. Así, ideouse un programa de marcada vocación divulgativa, no que destacan dous ambiciosos concertos que transgriden de maneira sorprendente o marco de escoita do concerto tradicional. No primeiro deles teremos o raro privilexio de escoitar a ambiciosa peza Patterns in a Chromatic Field, de Morton Feldman, unha das grandes obras mestras da música de cámara de finais do século XX. No segundo concerto, descartando unha simple repetición e calquera trazo de melancolía, volvemos crear para a ocasión un novo Ensemble CGAC integrado por novos músicos formados baixo o ronsel do primeiro proxecto. Os integrantes desta formación ofrecerán, nun intenso mosaico, fragmentos e pezas programadas naquela altura, aos que se quixo engadir a guinda dunha estrea absoluta do novo compositor Daniel Apodaka, como unha aposta do CGAC pola creación presente e futura.

PROGRAMA

5 DE NOVEMBRO

12:00 h Unidade didáctica Un profundo misterio, a cargo de ManuelRodeiro, coa colaboración de Berta Fresco (piano) e Daniel Apodaka (compositor)

19:00 h Conferencia-presentación Como se fai un mosaico. Apuntamentos para unha poética do fragmento, a cargo de Manuel Rodeiro

20:30 h Concerto Territorio da imaxinación I. Patterns in a Chromatic Field, de Morton Feldman, con Lluïsa Espigolé (piano) e Erica Wise (violoncello)

6 DE NOVEMBRO

12:00 h Unidade didáctica Un profundo misterio, a cargo de Manuel Rodeiro, coa colaboración de Berta Fresco (piano) e Daniel Apodaka (compositor)

18:00 h Mesa redonda 25 aniversario do Departamento de Música do CGAC, con Manuel Rodeiro, Mercedes Rosón e Margarita Ledo. Modera: Santiago Olmo

20:00 h Concerto Territorio da imaxinación II, a cargo de Ensemble CGAC

Manuel Rodeiro (Pontedeume, A Coruña, 1965). Tras desenvolver un amplo labor como compositor, crítico e divulgador, obtivo un gran recoñecemento como director e fundador do Departamento de Música do CGAC.

Desde 2003 vive en Barcelona e é profesor do Departamento deTeoría, Composición e Dirección da Esmuc (Escola Superior deMúsica de Catalunya). No ano 2012 foille outorgado o Premio da Cultura Galega en recoñecemento á súa traxectoria.

O seu interese por todas as facetas da escrita —poesía, ficción e ensaio— levouno nos últimos tempos a compoñer diferentes textos para obras escénicas en colaboración con diversos compositores. De feito, as súas dúas primeiras obras de ficción foron levadas á escena en 2019. Primeiro, Día triunfal, composta en colaboración con Manel Ribera, logo de gañar a convocatoria internacional para o Centennial of Stravinsky's Soldier Tale, foi estreada en abril no Constellation de Chicago, interpretada por Ensemble Dal Niente, Mocrep, Parlour Tapes+, Zafa Collective e F-Plus; e máis recentemente Una línea en el horizonte, composta en colaboración con Daniel Apodaka, estreouse en setembro pasado en París, no marco dos Concerts du Prix de Composition do CNSMDP (Conservatoire National Supérieur de Musique et Danse de Paris), a cargo de Ensemble Orchestral Contemporain.

DIRECCIÓN: Manuel Rodeiro

COORDINACIÓN: Gema Baños

Folleto actividad
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal