Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 


Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
AULA DIVERSA. CORPO EXPRESIVO - CORPO ARTICULADO. EDICIÓN ONLINE

5 febreiro - 20 maio 2020

AULA DIVERSA. CORPO EXPRESIVO - CORPO ARTICULADO. EDICIÓN ONLINE

HORARIO

Mércores, de 17:00 h a 19:00 h

O CGAC abre un novo programa de educación artística para a integración de persoas con diversidade funcional. O proxecto Aula diversa, dirixido pola xestora cultural e educadora Adriana Pazos Ottón, propón a arte contemporánea como ferramenta de inclusión social e o museo como espazo de aprendizaxe aberto ao encontro das diferenzas.

Entre os meses de xaneiro e maio de 2020 terán lugar unha serie de sesións abertas a colectivos ou persoas con diversidade funcional e ao público en xeral, que combinarán visitas guiadas e talleres creativos.

O obxectivo é establecer accións integradoras que cren puntosde encontro entre colectivos e persoas diversas capaces deachegar coñecementos e experiencias desde perspectivas múltiplese xerar un espazo físico, conceptual e social común.

Traballaremos a interdisciplinariedade nas artes. Amosaremos os traballos de artistas como Joseph Beuys, Marina Abramović, Bruce Nauman, Pina Bausch ou, no caso de España, Itziar Okariz, Esther Ferrer e Yolanda Domínguez, entre outras figuras destacadas.

Faremos referencia ademais ás vertentes performativas dalgúns dos artistas que exporán no CGAC en 2020 como Francesc Torres e Antón Patiño.

As claves da proposta son o espertar corporal, a improvisación e a exploración das posibilidades expresivas do espazo que nos rodea e do medio audiovisual.

Achegarémonos á performance como arte viva e experimental.

Crearemos sons a partir de materiais cotiáns e faremos uso da imaxe en movemento. Entenderemos o corpo articulado como materia expresiva e vehículo emocional. 

Traballaremos a linguaxe corporal e a xestualidade, e revisaremos expresións físicas que facemos inconscientemente a diario para coreografar a experiencia.

As sesións serán adaptadas ás necesidades das persoas asistentes procurando a accesibilidade, a comprensión e o gozo dos contidos que se propoñan a todo o grupo.

Ao longo do ano repetiremos a sesión en diferentes datas:

CALENDARIO

SESIÓN I. 5 de febreiro

SESIÓN II. 11 de marzo

SESIÓN III. 15 de abril

SESIÓN IV. 20 de maio EDICIÓN ONLINE

ADRIANA PAZOS OTTÓN é xestora cultural, especialista en pedagoxía artística e creatividade, artista visual, videoartista e performer. Licenciouse en Belas Artes e Historia da Arte e ten estudos de Educación e Innovación en Arte e Cultura Dixital. Conta con formación en psicoloxía, pedagoxía e técnicas artísticas aplicadas ao traballo de grupo e como vehículo no terreo da didáctica e a creatividade. Ten ademais nocións de live video aplicado ás artes escénicas.

www.adrianapazosotton.com

PAULA QUINTAS é licenciada en Historia da Arte. Cursou estudos de Danza Contemporánea no conservatorio Trinity Laban de Londres. É fundadora, xunto con Marta Alonso e outros artistas, de ProJecto CF Dance, unha plataforma interdisciplinar de danza e dirección artística. Está interesada no espazo que rodea ao corpo e na súa corporeidade. As súas performances e instalacións caracterízanse pola transformación do corpo nun estado deconstructivo.
www.paulaquintas.com

INSCRICIÓN: O programa é de balde e para participar é necesario escribir a cgac.educacion@xunta.gal indicando o nome do colectivo ou persoas participantes, as súas idades, as súas necesidades, o nome da persoa responsable, un teléfono de contacto e un enderezo de correo electrónico.
As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.

PERSOAS DESTINATARIAS: O programa está dirixido a todos os públicos e idades (adultos e público infantil a partir de 4 anos).

PRAZAS: En función dos colectivos ou persoas que se inscriban na actividade acordarase un número de prazas adecuado para o bo funcionamento desta. Os nenos e nenas de 4 a 8 anos deberán asistir acompañados por unha persoa adulta.

DIRECCIÓN: Adriana Pazos Ottón

COORDINACIÓN: Virginia Villar 

Folleto da actividade


Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
cgac.xunta.gal