Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 


Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
CURSO DE HISTORIA DA ARQUITECTURA. INTRAHISTORIAS DA ARQUITECTURA II

25 marzo - 3 xuño 2020

CURSO DE HISTORIA DA ARQUITECTURA. INTRAHISTORIAS DA ARQUITECTURA II

Horario: mércores de 19:00 a 20:30 h

A segunda edición do curso Intrahistorias da arquitectura continuará tratando áreas transversais a esta disciplina. Trataremos temas como a innovación, os arquitectos inventores, a educación a través do xogo de construción, a bioconstrución, as ricas relacións entre a arquitectura e o deseño ou a arquitectura e a arte, así como as relacións entre o arquitecto e o cliente. Falaremos de comunidades e dos mestres da arquitectura, deixando sempre un oco para os pioneiros.

Contaremos coa proxección de documentais e coa intervención de arquitectos como Pedro de Llano Cabado e Manuel Gallego e coa presenza de diferentes axentes da construción como clientes e usuarios da arquitectura contemporánea en mesas redondas para compartir a súa experiencia.

En cada sesión uniremos conceptos como a idea e a forma, o deseño e o usuario, a arte e a industria, a historia e o contemporáneo ou a razón e a técnica.

Cerraremos o ciclo cun obradoiro participativo a través das dinámicas do Sistema Lupo* para achegarnos á experiencia do material e do espazo arquitectónico en colaboración coa asociación Espiga.

PROGRAMA

25 marzo    Experimentar coas formas. Arte, arquitectura e técnica. Eva Lootz / Frei Otto

1 abril         Frank Lloyd Wright. Comunidades de aprendizaxe

15 abril       Arquitectura e participación. Arquitectos e clientes

22 abril       Arquitectura vertebrada. Miguel Fisac. Onde? Que? Como?...

29 abril       Aprender xogando. O xoguete de construción na educación

6 maio         A arte terreal. Chillida e Elósegui. Documental

13 maio      Arquitectura popular e contemporánea. Razón e construción. Pedro de Llano Cabado

20 maio      Brasilia. O testemuño dunha utopía

27 maio      A obra compostelá de Manuel Gallego Jorreto contada en primeira persoa

3 xuño         Obradoiro participativo de bioconstrución con Espiga, Palitroques e Sistema Lupo*

*O Sistema Lupo está constituído por pezas modulares que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción.

METODOLOXÍA

Neste curso achegámonos ás bases conceptuais da arquitectura. Os temas escollidos serán transversais a varias disciplinas, co que se busca fomentar a participación dun público heteroxéneo interesado na arquitectura (pero non especificamente experto na materia).

Trataremos de integrar diferentes medios nas sesións e, en paralelo, formúlase un terceiro tempo nas redes sociais a través do grupo de Facebook “Club de Arquitectura”, moderado por Fermín Blanco.

Fermín Blanco (La Pola, Asturias, 1977) é doutor arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid e arquitecto pola ETSAVA (Escola Técnica Superior de Arquitectura de Valladolid). A súa traxectoria profesional está impregnada polo carácter educativo e divulgativo dos seus proxectos, sempre nun ámbito híbrido entre disciplinas. Desde 2011 é profesor de Sistemas de Construción na IE School of Architecture and Design. Comeza a súa experiencia profesional co arquitecto Manuel Gallego (2003-2006) e, a partir de 2006, exerce a profesión desde o seu propio estudio de arquitectura na Coruña. Durante estes anos realizou exposicións e impartiu cursos e conferencias relacionados coa arquitectura, o deseño e a didáctica. En 2008 funda Sistema Lupo, un paraugas baixo o que  actualmente se acubilla un excelente equipo de profesionais implicados no binomio, arquitectura-educación. A súa premiada tese de doutoramento, “Los huesos de Fisac: la búsqueda de la pieza ideal”, marcou o inicio dunha serie de proxectos de carácter científico-divulgativo sobre a transferencia do coñecemento desde a técnica e a  arte á sociedade. Na actualidade coordina, entre outros, os programas Nenoarquitectura na Fundación Luís Seoane da Coruña, e MIES é + no CGAC e é cofundador da Asociación Ludantia Arquitectura e Educación.

INSCRICIÓN: O prazo de inscrición estará aberto desde o 13 de xaneiro ata o 24 de marzo de 2020. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal na que deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación e as indicacións precisas para realizar o pagamento da matrícula.

PRAZAS: 150

MATRÍCULA: 30 €

PERSOAS DESTINATARIAS: O curso está dirixido a estudantes, profesorado, público interesado na historia da arquitectura e na historia da arte.

CERTIFICACIÓN: O CGAC entregaralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das  sesións.


Folleto da actividade




Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal