Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 


Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
CURSO DE  INTRODUCIÓN Á ÓPERA CONTEMPORÁNEA:C’EST N’EST PAS UNE OPERA.

ADIADO ATÉ NOVO AVISO

CURSO DE INTRODUCIÓN Á ÓPERA CONTEMPORÁNEA:C’EST N’EST PAS UNE OPERA.


Horario: de 18:30 a 20:30 h

O termo ópera pode evocar unha arte destinada ao mundo burgués, ou cando menos, allea ás inquedanzas propias do século XXI, coas súas controvertidas e poliédricas visións da arte e do ser humano.

No entanto, poucas artes teñen reflexionado con tal impacto sobre quen somos e como actuamos como a ópera contemporánea, na que teñen cabida unha ampla variedade de linguaxes novas e rupturistas, escenografías radicais e dramaturxias que xa forman parte do novo canon estético.

Hoxe máis ca nunca atinxíronse as maiores cotas de innovación e creatividade na ópera, grazas á atracción que sentiron por ela grandes directores de escena (Patrice Chéreau, Peter Brook, Peter Sellars, Frank Castorf...), escenógrafos (Marina Abramovic, Calixto Bieito, Bob Wilson etc.) ou videoartistas e artistas plásticos (como Bill Viola ou Jaume Plensa). A revolucionar o mundo da ópera tamén contribuíron as tecnoloxías aplicadas á dramaturxia visual e a combinación de sonoridades totalmente novas coas tradicionais, tanto no ámbito dos sons orquestrais como, sobre todo, no tocante ás múltiples posibilidades do canto e da voz na era dixital.

Este curso pretende iniciar na ópera actual a aquelas persoas totalmente alleas a ela que queiran indagar, preguntarse e coñecer os conceptos básicos musicais que a conforman, por que e como xorden, mergullarse nas distintas tipoloxías de ópera: expresionista, dodecafónica, serial, ópera-instalación, Literaturoper, etc., sempre concedéndolles unha especial relevancia ás producións máis emblemáticas.

Durante catro sesións, farase un percorrido polas óperas fundamentais dos séculos XX e XXI que fixeron evolucionar o xénero ata a máis estrita contemporaneidade, vinculándoas co seu contexto social e artístico, deténdonos nos seus elementos musicais máis importantes e elaborando un estudo estético-hermenéutico que relacione a produción dos seus compositores coas correntes estéticas que cada ópera mellor representa, a través dunha metodoloxía transversal que transitará entre a antropoloxía, a psicoloxía da música e a musicoloxía.

As sesións terán unha duración aproximada de 2 horas, nas que se tratará o movemento estético no que se encadra a obra, o perfil biográfico e estilístico do compositor e os aspectos máis destacados da súa forma de compoñer, a ópera obxecto de análise e, finalmente, os procedementos máis destacados da obra tanto no plano da escoita como no da escritura.

ROSA MARÍA FERNÁNDEZ (Ponferrada, León, 1970) é licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Oviedo (coa especialidade de Musicoloxía) e doutora cum laude en Música Contemporánea pola Universidade Autónoma de Barcelona. É académica correspondente por Santiago de Compostela da Reial Acadèmia Catalana de Belles Arts de Sant Jordi. É investigadora sobre música contemporánea no Institut de Recherche en Musicologie da Universidade da Sorbona. É así mesmo autora de varios libros sobre música e compositores galegos dos séculos XX e XXI, así como de numerosos artigos para revistas académicas e congresos internacionais.

PERSOAS DESTINATARIAS
O curso está dirixido a persoas que, sen teren coñecementos musicais concretos, queiran abrirse ao ámbito da ópera contemporánea.

PRAZAS: 20 MATRÍCULA: 20 €

INSCRICIÓN
O prazo de inscrición está aberto do 2 de marzo ao 11 de abril de 2020. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal. Nela deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, as persoas inscritas serán informadas sobre como realizar o pagamento.

CERTIFICACIÓN: O CGAC expediralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.

Dirixe: Rosa María Fernández

Coordina: Gema Baños


Folleto da actividade


Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
cgac.xunta.gal