Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 





Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
VIAXES AO IMPOSIBLE (PARA FACER UNHA PELÍCULA, PRIMEIRO TES QUE SUBIR A UNHA MONTAÑA)

7 outubro - 16 decembro 2020

VIAXES AO IMPOSIBLE (PARA FACER UNHA PELÍCULA, PRIMEIRO TES QUE SUBIR A UNHA MONTAÑA)

Horario: mércores de 19:00 a 20:30 h

Por cada película que chega ver a luz son moitas as que permanecen no limbo do infilmado. Estas últimas son as únicas películas perfectas porque só existen en potencia, como idea ou como soño, e non sufriron o choque co real. En cambio, as que si chegaron a existir serán sempre e necesariamente imperfectas, un catálogo de compromisos e renuncias e, quizais, dalgúns felices encontros. “Todo é posible a condición de ser o suficientemente insensato”, dixo Orson Welles; pero, como el mesmo descubriría, tal optimismo non era máis ca o obstinado desexo dun rebelde inconformista.

Cada película que chega aos nosos ollos é, polo tanto, un pequeno milagre, un fragmento arrancado da escuridade, do nada e do imposible. Porque a beleza do cine podería estar precisamente no seu carácter improbable e perecedoiro, no milagroso da súa maquinaria tecnolóxica que, como tal, sempre estará á mercé da imperfección, da anomalía, do defecto ou do erro. No interior de cada película aniña a posibilidade do non ser e a historia do cine será sempre unha negociación entre o visible e o invisible, entre as súas películas posibles, é dicir, aquelas que chegaron a filmarse e aínda se conservan, e as imposibles, aquelas que non se filmaron xamais ou se perderon para sempre.

Por todo isto, unha das máis conmovedoras historias posibles do cine —á que se dedica este curso— é a dos creadores melancólicos que, como dixo Walter Benjamin de Kafka, cortexan constantemente “a pureza e a fermosura dun fracaso”, que o queren todo para, en ocasións, non chegar a nada, que aceptan o azar como un detonante máis das súas historias, que seguen avanzando a pesar dos accidentes, que non deixan de buscar ese norte que perderon hai tempo... Eses creadores que, en fin, viaxan ao imposible para encontrar o posible.

PROGRAMA 

7 outubro: Fitzcarraldo (Werner Herzog, 1982) e Conquista de lo inútil (Werner Herzog, 2004)

14 outubro: Otelo (Orson Welles, 1948-1952) e Filmando Otelo (Orson Welles, 1978)

21 outubro: Isto non é unha película (Jafar Panahi, 2011)

28 outubro:  Apocalypse Now (Francis Ford Coppola, 1979) e Hearts of Darkness: A Filmmaker’s Apocalypse (Fax Bahr, George Hickenlooper, Eleanor Coppola, 1991)

4 novembro : Shoah (Claude Lanzmann, 1985)

18 novembro: Vals con Bashir (Ari Folman, 2008)

25 novembro: O raio verde (Éric Rohmer, 1986) e The Green Ray (Tacita Dean, 2001)

2 decembro: José Val del Omar, inventar para filmar (Tríptico elemental de España, 1955-1982)

9 decembro: Zama (Lucrecia Martel, 2017) e El mono en el remolino. Notas del rodaje de Zama (Selva Almada, 2017)

16 decembro: A porta do Ceo (Michael Cimino, 1980)


JOSÉ MANUEL LÓPEZ (Vigo, 1974). Crítico, docente e programador cinematográfico, actualmente escribe a súa tese titulada “La última ciudad. Vagabundeos terminales por el cine contemporáneo” e é profesor de Guión e Teoría da Imaxe na facultade de Comunicación de Pontevedra.

Desde 2012 imparte cursos de cinema no MARCO de Vigo e no CGAC. Impartiu, ademais, conferencias en espazos como Master LAV, a ESCAC, o CGAI - Filmoteca de Galicia, a Seminci, o Festival de Málaga ou o Centro de las Artes de Sevilla.

En 2004 fundou a revista de análise cinematográfica Tren de sombras (2004-2008) e desde 2007 ata 2017 formou parte do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine (anteriormente coñecida como Cahiers du Cinéma: España).

En 2008 coordinou o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral para o Festival de Cine das Palmas. Participa en libros colectivos como La risa oblicua. Tangentes, paralelismos e intersecciones entre documental y humor; Las edades de Apu. Estudios sobre la Trilogía de Satyajit Ray ou Paul Schrader. El cineasta frente a los tiempos, entre outros. Colaborou, ademais, en diferentes revistas e, como dialoguista, en dúas tempadas da serie da Televisión de Galicia Matalobos.

En 2015 comisariou o ciclo de cinema O centro non pode resistir. Descentramentos da figura na paisaxe urbana para acompañar a exposición Valérie Jouve. Corps en résistance na Fundación Luís Seoane da Coruña; en 2017 comisariou o programa de curtas Sonic Lux para o festival internacional de cinema Curtocircuíto; e en 2018 foi un dos comisarios de New Spain, unha exposición de artistas e cineastas españois para Solar - Galeria de Arte Cinemática e o festival Curtas de Vila do Conde (Portugal).

INSCRICIÓN: O prazo de inscrición estará aberto desde o 1 de xullo ata o 6 de outubro de 2020. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. Nel deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, informarase ás persoas inscritas sobre como realizar o pagamento.
En función da situación sanitaria que exista no momento da realización do curso, este realizarase na modalidade presencial ou en liña.

DESTINATARIOS: Docentes, estudantes e persoas interesadas no cine.

PRAZAS: 60

MATRÍCULA: 30 €

CERTIFICACIÓN: O CGAC expediralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.

DIRECCIÓN: José Manuel López
COORDINACIÓN: Virginia Villar

Folleto da actividade


Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
cgac.xunta.gal