Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 





Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS 2020

maio / novembro 2020

DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS 2020

Este ano, o 18 de maio celebramos o Día Internacional dos Museos baixo o lema proposto polo ICOM (Consello Internacional de Museos): “Museos pola igualdade: diversidade e inclusión”.

O CGAC continúa apostando pola accesibilidade de todos os colectivos á arte e á cultura contemporáneas, implementando ferramentas de accesibilidade e levando a cabo programas de educación artística nos que se emprega a arte contemporánea como vehículo de aprendizaxe inclusiva e o museo como espazo para o encontro. Un foro no que todo o mundo pode achegar os seus coñecementos, as súas experiencias e as súas perspectivas múltiples.

Dada a situación actual, a celebración do DIM 2020 dixitalízase mediante a organización de actividades en liña. As actividades presenciais levaranse a cabo no mes de novembro.

GUÍA BÁSICA DO CGAC CON PICTOGRAMAS

18 de maio

O CGAC presenta un cartel e unha guía básica do CGAC co apoio de pictogramas para o acceso á información e o achegamento á arte das persoas con TEA (Trastorno do  Espectro do Autismo). A guía poderá consultarse na recepción do CGAC e nesta ligazón.

TALLER EN LIÑA AULA DIVERSA. CORPO EXPRESIVO - CORPO ARTICULADO

20 de maio 

Horario: de 17:00 a 19:00 h

O taller Corpo expresivo-corpo articulado forma parte do programa Aula diversa. Un proxecto dirixido por Adriana Pazos Ottón para acadar a integración de persoas con diversidade funcional a través da arte contemporánea. 

Durante a sesión traballaremos a linguaxe corporal e a xestualidade e revisaremos expresións físicas que facemos inconscientemente a diario para coreografar a experiencia.

As claves desta proposta son o espertar corporal, a improvisación e a exploración das posibilidades expresivas do espazo que nos rodea e das propias ferramentas que nos ofrece a plataforma en liña.

PERSOAS DESTINATARIAS: Poderán participar todas aquelas persoas interesadas na arte e na expresión corporal.

INSCRICIÓN: O programa é de balde e para participar é necesario escribir a cgac.educacion@xunta.gal e indicar o nome do colectivo ou persoas participantes, as súas idades, as súas necesidades, o nome da persoa responsable, un teléfono de contacto e un enderezo de correo electrónico.

As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.

RUTA O CGAC E OUTROS FITOS DA ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA COMPOSTELÁ

Domingo 15 de novembro / Horario: de 11:00 a 13:00 h / Saída desde o CGAC / Actividade de balde con inscrición previa / Prazas: 5

Dirixe: Carmen Rey, arquitecta

O vindeiro domingo pola mañá realizaremos unha ruta arquitectónica partindo do exterior do CGAC, onde falaremos da importancia desta primeira obra na cidade de Álvaro Siza Vieira, cando acababa de ser galardoado co Premio Nacional de Arquitectura de España. 

Continuaremos a andaina deténdonos noutros fitos da arquitectura contemporánea compostelá, como o conxunto de Xoán XXIII; a residencia do presidente da Xunta de Galicia, de Manuel Gallego Jorreto; a finca Simeón, tamén coñecida como parque de Vista Alegre, coas obras de César Portela, Arata Isozaki e Antón García Abril; e o Auditorio de Galicia, de Julio Cano Lasso. Remataremos o paseo retornando á arquitectura de Siza, na Facultade de Ciencias da Comunicación. 

INSCRICIÓN: O programa é de balde e para participar é necesario inscribirse con antelación a través dunha mensaxe electrónica enviada a cgac.educacion@xunta.gal, na que se indique o nome completo, un teléfono de contacto e un enderezo de correo electrónico.

CONCERTO TREATISE DE SUELEN ESTAR QUARTET 

15 de novembro

Horario: 19:30 h

Auditorio do CGAC

Este mes de novembro sumámonos á comunidade internacional nunha segunda convocatoria para celebrar a Noite dos Museos e o 74.º aniversario do ICOM (Consello Internacional de Museos) cun concerto de música contemporánea. 

TREATISE

Violín, viola, violonchelo e contrabaixo

Teatrise é unha partitura gráfica de notación non convencional composta polo compositor inglés Cornelius Cardew entre 1963 e 1967. Unha obra considerada un fito na música dos nosos días onde conflúen liñas, formas xeométricas, números e símbolos. A composición, cun alto interese visual carente de instrucións explícitas sobre a súa forma de interpretación, deixa os intérpretes que fagan as súas investigacións e atopen as súas propias correspondencias entre a gráfica e os sons para desenvolver obras únicas.

Suelen Estar Quartet presenta unha versión desta obra e ofrece, ademais da súa inédita e particular versión en cuarteto de corda, un espectáculo completo coa proxección da partitura orixinal en tempo real, propiciando un achegamento visual e sonoro do público á obra de Cornelius Cardew.

Suelen Estar Quartet nace en 2011 formado por músicos profesionais galegos coa vontade común de desenvolver propostas musicais de carácter experimental ligadas á improvisación libre e á música contemporánea. Os seus integrantes son Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (viola), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo). Nestes anos participaron en festivais como o TPS na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, Imaxina Sons de Vigo, WOS , BINNAR de Portugal, ou os festivais Alt e Zarata de Madrid. Colaboraron con agrupacións de jazz como Sumrá Trío, a ensemble de música contemporánea Vertixe Sonora e con artistas sonoros como Christina Vantzou, Dorian Wood e Pablo Rega, entre outros. Así mesmo, traballaron coa coreógrafa e bailarina Mónica García na creación do espectáculo Nielheim.

INSCRICIÓN

O programa é de balde e para participar é necesario inscribirse con antelación enviando unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal, na que se indique o nome completo, un teléfono de contacto e un enderezo de correo electrónico.

No caso de que queden prazas libres poderanse cubrir o propio día do concerto facendo unha chamada previa á recepción do CGAC (tel. 981 546 619) para rexistrarse.

As prazas cubriranse por orde de inscrición.

 

 

 

 

 

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
cgac@xunta.gal