Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 


Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
CURSO EN LIÑA DE EDUCACIÓN ARTÍSTICA ARTE NA AULA. PROPOSTAS DIDÁCTICAS SOBRE ARTISTAS CONTEMPORÁNEOS

2 marzo - 20 de novembro 2021

CURSO EN LIÑA DE EDUCACIÓN ARTÍSTICA ARTE NA AULA. PROPOSTAS DIDÁCTICAS SOBRE ARTISTAS CONTEMPORÁNEOS


Horario: de 17:30 a 20:30 h

A arte contemporánea entrou nas aulas como eixo de aprendizaxe, pero habitualmente faino da man de artistas como Picasso, Miró, Van Gogh ou Kandinsky. Figuras importantes, sen dúbida, pero tamén afastadas xa do noso tempo e que non reflicten algunhas cuestións transversais, presentes no ámbito educativo, como son a conexión co cotián, a paridade ou a sustentabilidade.

Na aula, a miúdo, traballar a partir dun artista supón coñecer o personaxe e pintar á maneira de. Este curso propón dar un paso máis e asomarnos ao mundo da arte (no seu sentido máis diverso) como fonte de inspiración á hora de xerar experiencias educativas ricas e globalizadas. Os docentes poderán observar, reflexionar e experimentar a través da plástica antes de levar as súas propostas á aula, vivenciar a experiencia e convertela en punto de partida para a programación.

OBXECTIVOS

O obxectivo do curso é coñecer a obra de artistas contemporáneos e considerala como fonte de inspiración. Establecer lazos entre a arte e a aula e eliminar mitos e prexuízos. Desenvolver a capacidade para observar, coñecer, crear e debater ao redor do artístico. Xerar dinámicas creativas nun ou nunha mesma para fomentalas no alumnado. Explorar materiais, recursos e procesos que favorezan aprendizaxes globalizadas a través da plástica.

METODOLOXÍA

Será un curso práctico e participativo para coñecer diferentes artistas contemporáneos, aproximarnos a procesos creativos e de reflexión, explorar recursos didácticos e experimentar coa propia creación. Para iso combinaranse diferentes recursos como o visionado de imaxes, vídeos e exploración de recursos dixitais, a reflexión sobre os procesos creativos e a participación en propostas de taller.

PROGRAMA

·      Arte contemporánea na aula: por que e para que?

·      Artistas contemporáneos como punto de partida para a elaboración de propostas didácticas

·      Algúns enfoques para a selección dos artistas.

·      Recursos didácticos para explorar a creación

CALENDARIO

As sesións repetiranse ao longo do ano en diferentes datas:

SESIÓN I. 2, 9 e 23 de marzo. Horario: de 17:30 a 20:30 h. Prazo de inscrición: do 15 ao 28 de febreiro de 2021 (Prazas completas)

SESIÓN II. 12, 19 e 26 de abril. Horario: de 17:30 a 20:30 h. Prazo de inscrición: do 15 de marzo ao 8 de abril de 2021

SESIÓN III. 6, 13 e 20 de novembro. Horario: de 10:30 a 13:30 h. Prazo de inscrición: do 13 de outubro ao 4 de novembro de 2021

 

Gael Zamora Lacasta é titulada en Historia da Arte e Educación Primaria e profesora do departamento de Didáctica da Extpresión Musical, Plástica e Corporal na Facultade de Educación de Segovia da Universidade de Valladolid. Traballa como educadora artística con ampla experiencia en museos con todas as franxas de idade dentro da educación formal e non formal.

Foi coordinadora e relatora en cursos para docentes sobre creatividade, recursos didácticos e arte en diversos museos, universidades e centros de formación como o Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente, o CGAC, o Centro para as Artes e o Diseño Palacio Quintanar, o Museo Lázaro Galdiano, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Valladolid, a Universidade Autónoma de Madrid, o Movemento de Renovación Pedagógica Acción Educativa e os centros de formación do profesorado de Segovia, Ávila, Soria, Madrid e Cuenca.

PERSOAS DESTINATARIAS

Docentes de educación formal (infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ciclos formativos ou graos de educación), estudantes de graos relacionados coa arte e a educación, educadores artísticos e persoas interesadas na didáctica da plástica.

INSCRICIÓN: O curso é de balde. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal na que deberán indicar o seu nome, apelidos, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.

PRAZAS: 15 persoas por sesión

CERTIFICACIÓN: O CGAC entregaralles un certificado de asistencia a aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.

DIRECCIÓN: Gael Zamora Lacasta

COORDINACIÓN: Virginia Villar

Folleto da actividade

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
cgac@xunta.gal